Venres. 29.03.2024
O rexedor verinense avanzou o seu proxecto na reunión que mantiveron os alcaldes da comarca coa presidenta da Hidrográfica

Verín comprométese a resolver os problemas de depuración do Támega no 2021

Reunión entre os alcaldes da comarca, a presidenta da Confederación Hidrográfica do Douto -Cristina Danés-, e na que participou o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso. Como sempre, moita crítica ao desleixo do órgano reitor da cunca e un par de anuncios, o máis inminente, o do rexedor verinense, Gerardo Seoane. 

A presidenta da Confederación Hidrográfica reuniuse cos rexedores e subdelegado do Goberno no parador do Castelo de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.
A presidenta da Confederación Hidrográfica reuniuse cos rexedores e subdelegado do Goberno no parador do Castelo de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.

A presidenta da Confederación Hidrógráfica del Duero, Cristina Danés de Castro, mantivo este martes unha reunión de traballo no parador do Castelo de Monterrei cos alcaldes da comarca -nos que tamén estaban os rexedores de Riós, A Gudiña e A Mezquita- e na que participou o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso. 

Na xuntanza, todos os rexedores tiveron unha quenda de palabra para manifestar as principais demandas que en cada un dos seus territorios son competencia do órgano reitor da cunca do Támega, e escoitaron da man da presidenta da Hidrográfica a iniciativa na que traballan para a elaboración dun plan conxunto para o Douro entre España e Portugal. Danés de Castro anunciou a futura aprobación dun documento hidrolóxico transfronteirizo que xa se artella en colaboración coa rexión hidrográfica do Norte de Portugal e solicitou aos presentes que lle fixeran chegar as principais necesidades de cada un dos seus concellos -antes do vindeiro 30 de outubro- para rematar o que lle deu en chamar Esquema Provisional de Temas Importantes, antesala do futuro Plan Hidrológico del Duero 2022-2027.

Cristina Danés tamén anunciou unha inversión para este territorio bianual de medio millón de euros, que se destinará, en grande medida, á conservación e mantemento da cunca do Támega. Foi precisamente este río, pola súa envergadura, un dos protagonistas da xuntanza. Visibles foron as queixas da rexedora de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, da situación na que se atopa a parte do cauce que transcorre polo seu municipio. Foi pouco despois cando Gerardo Seoane, alcalde de Verín, anunciou un plan de recuperación da función depuradora das súas instalacións para evitar, precisamente, que grande parte das augas que saen da depuradora verinense contaminen a parte do Támega que atravesa o concello de Oímbra. A proposta contentou á rexedora olimbriguense, que reclamou da Confederación Hidrográfica un maior esforzo inversor na humanización do río cabeceira do val de Monterrei

Actuación a tres

O plan presentado por Gerardo Seoane para conseguir que a estación depuradora de augas residuais de Verín cumpra coa súa función e non contamine augas abaixo pasa por convidar aos Concellos de Castrelo do Val e Monterrei a minguar a cantidade de auga que verten ao colector central da depuradora, ademais de que o Concello verinense realice tamén accións puntuais pero estratéxicas nas depuracións de Tamagos, Tamaguelos, Mourazos, Feces, Mandín e Feces de Cima. Todas as actuacións precisas para erradicar a contaminación que chega de novo ás augas do Támega executaranse, como así confirmou o rexedor de Verín, ao longo do 2021. 

Rafael Vázquez e Gerardo Seoane.O rexedor da Mezquita, Rafael Pérez, co seu homólogo verinense, Gerardo Seoane. | FOTO: Noelia Caseiro. 

A voz máis crítica dos presentes, como de costume


Un dos máis críticos da reunión foi o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez. Unha vez máis, aínda que en sintonía co resto de participantes, deixou enriba da mesa a "eterna queixa da ralentización á que se vén sometidos os expedientes cando pasan da Canda. É inconcebible que un plan de ordenación urbanística leve dous anos parado por un informe da Confederación Hidrográfica, logo de que se nos pedira legalizar e xustificar os recursos hídricos do concello. Pero non é o único caso, nin moito menos. Legalizar un pozo artesanal ou solicitar autorización para o desbroce dalgunha finca que linda coa marxe dun río chega a resultar unha burocracia desesperante. Porén, o administrado perde a paciencia e decide facelo sen autorización e é cando chegan as sancións, que son sorprendentemente as máis áxiles de calquera procedemento administrativo coa Confederación", apuntou o rexedor da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez. 
 

É inconcebible que un plan de ordenación urbanística leve dous anos parado por un informe da Confederación Hidrográfica, logo de que se nos pedira legalizar e xustificar os recursos hídricos do concello. Pero non é o único caso, nin moito menos. Legalizar un pozo artesanal ou solicitar autorización para o desbroce dalgunha finca que linda coa marxe dun río chega a resultar unha burocracia desesperante (Rafael Pérez Vázquez, alcalde da Mezquita)

Verín comprométese a resolver os problemas de depuración do Támega no 2021