Xoves. 28.03.2024
A case nula pendente dun dos treitos da rede provoca atascos que impiden o uso das latrinas

As deficiencias no saneamento de Infesta, en Monterrei, obrigan ós seus veciños a defecar nas hortas

A pouca pendente dun treito da rede de abastecemento de Infesta ocasiona numerosos atascos que lle están a impedir a un dos seus veciños poder usar a ducha ou a latrina. Vese na obriga de defecar na hora que ten a carón da súa vivenda. O Concello non lle da solución definitiva e só lle envía o camión de desatascado da Deputación de Ourense cando hai máis problemas noutras localidades. 

A horta de Juan Prieto, chea de restos das súas deposicións. | FOTO: Noelia Caseiro.
A horta de Juan Prieto, chea de restos das súas deposicións. | FOTO: Noelia Caseiro.

Ía ser a lexislatura do rural, pero o certo é que aínda terán que pasar unhas cantas máis -con ou sen título- para que a vida das aldeas se asemelle aos servizos máis básicos que calquera de nós pode atopar nunha vila ou cidade. O caso que aquí se presenta alónxase, con moito, dos comúns que se rexistran na vida do rural. Juan Prieto Arcos asegura, e así o confirma mesmo o seu irmán Félix e ata o alcalde da localidade, que se ve na obriga de defecar na horta da súa vivenda porque as deficiencias da rede de sumidorios e saneamento de Infesta non consigue arrastrar as deposicións da única persoa que vive nesa casa, isto é, el.

O problema vén de moitos anos atrás, case que dende a construcción da rede, alá polo 1972. A pouca caída que se lle deixou a un dos treitos da rede de saneamento impide a correcta circulación das aguas fecais, no caso de Juan Prieto, non pode nin facer uso da latrina porque acaban atascándose os excrementos nas tubaxes da súa vivienda ao non conseguiren chegar ao colector xeral. 

Un dos sumidoiros da rede de Infesta, en Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Félix Prieto, irmán do anterior, corrobora os feitos e as dificultades que está a vivir o seu irmán: "Se non fose pola miña casa, meu irmán levaría uns dous meses sen poder ducharse. E as condicións nas que vive xa lle teñen custado algunha infección", asegura. 

Non é a primeira nin a segunda vez que os dous irmáns se dirixen ao Concello de Monterrei en busca de solucións a un problema que non só se reduce á rede de saneamento. Tamén o abastecemento nesa localidade deixa, ás veces, sen auga aos veciños da aldea, polo excesivo consumo que se rexistra, sobre todo, na época estival e pola falta de control na distribución, ó seren os propios habitantes de Infesta os que xestionan a traída de augas. 

Juan Prieto, o veciño de Infesta obrigado a ir de ventre no predio lindante coa súa vivenda. | FOTO: Noelia Caseiro.Juan Prieto asegura que leva sen poder ducharse na súa case dende fai dous meses. | FOTO: Noelia Caseiro. 

O propio rexedor, José Luis Suárez, confirma que este veciño sofre esas deficiencias pero argumenta que "o custe do camión que nos envía a Deputación de Ourense cada vez que se atasca un sumidoiro é duns 600 euros, por iso aproveitamos cando se dan varios problemas en distintas localidades e desestimamos necesidades individuais coma as de Juan Prieto", di o rexedor. 

 O resultado é que o veciño de Infesta pode pasar moito tempo co sumidoiro da súa vivenda atascado: nesta última ocasión leva dous meses sen poder utilizar o baño da súa casa.

As deficiencias no saneamento de Infesta, en Monterrei, obrigan ós seus veciños a...