martes. 23.04.2024
DSC_9614 (FILEminimizer)
Ás 22:00 horas, as lapas presentaban o aspecto da imaxe entre A Salgueira e Medeiros. | FOTO: Noelia Caseiro.

Os equipos de extinción que están a traballar sen descanso no lume declarado este venres pola tarde en Flariz veñen de requerir o apoio da Unidade Militar de Emerxencias logo de declarar a Situación 2 pola proximidade das lapas ás vivendas da Salgueira, no Concello de Monterrei. 
O lume volveu a achegarse de xeito perigoso a esa localidade, despois de que durante grande parte da tarde non lle dese descanso aos seus veciños. Segundo fontes oficiais, son xa máis de 150 hectáreas as que arderon, nas que se atopan, ademais de monte baixo, soutos de castiñeiros, varias ducias de colmeas, algúns viñedos e parte do tendido de telefonía que dá servicio a varias das localidades próximas
O incendio comezou pasadas as cinco da tarde entre as poboacións de San Martiño e Flariz. O vento levou as lapas cara a localidade da Salgueira, que durante máis de tres horas tivo o lume a poucos metros das vivendas. As correntes de aire empurraban cara o veciño municipio de Oímbra o lume cando, nun inesperado xiro, comezaron de novo a desprazarse, desta vez, camiño de Medeiros. Os veciños da Salgueira dispuxeron medios propios para combatir o avance do incendio, metros e metros de mangueiras percorrían as rúas para apoiar aos efectivos aéreos que participaban na extinción. 
Ás 22:30 horas estaban activos perigosos focos moi cerca de Flariz, da Caridade, da Salgueira e no perímetro da estrada entre esta última localidade e Medeiros. As lapas tamén se achegan ao val camiño do vello balneario de Requeixo, xa a poucos kilómetros de Villaza. 
Efectivos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Verín e Cualedro-Monterrei veñen de completar o levantamento do posto de mando avanzado onde a Axencia de Emerxencias de Galicia estableceu o mando único para tentar controlar o avance das lapas. 

A Xunta solicita apoio á Unidade Militar de Emerxencias para protexer á aldea da Salgueira