jueves. 25.04.2024
Deporte, gastronomía, coches clásicos, natureza, patrimonio, eventos culturais, artes escénicas, foliadas e a celebración do Samaín completan o lecer nestes días

Toma nota! Axenda de Ocio da fin de semana

E que imos facer nesta ponte? Agarda, que botamos un ollo ó que hai na bisbarra.

Escolle: Samaín, Festa da Castaña e do Cogumelo do Riós, Festival de Teatro Entreculturas, Cinema, Magostos varios, Exposición fotográfica "Fragmentos da Natureza", Vive o Camiño en Cualedro, VI Carreira Popular Concello de Monterrei, Primeira Xuntanza Amigos dos Clásicos, fútbol no José Arjiz... xa decidiches?

samaín 2019 errantes
Os seres escuros percorrerán as rúas de Verín o xoves, na Noite de Medo.

SAMAÍN

Moitas son as celebracións da festividade celta que hai estes días; se aínda non tiveches tempo, queda algunha á que podes ir.

Verín, xoves 31 de outubro. As actividades organizadas polo Concello de Verín comezaban á tarde na Praza de García Barbón con obradoiros para os máis pequenos; foi logo das 18:00 horas. Xa pola noite, ás 23:00 horas, terá lugar a quinta edición da "Noite de Medo" co espectáculo de Troula Animación.

Castro de Laza, venres 1 de novembro. O local social de Castro acollerá unha cea para todas as idades a partir das 22:00 horas. A continuación, celebrarán unha foliada de disfraces.

errantes, noite de medo 2019

TEATRO

Remata, esta fin de semana, a décima edición do Festival de Teatro Entreculturas coa posta en escena da obra "O sofá". Os integrantes do grupo teatral verinés La Caja de Pandora serán os encargados de por o broche final ó festival con dúas representacións no Auditorio da vila. Será o venres, 1 de novembro, e o sábado, 2 de novembro, ás 20:30 horas.

O sofá. Unha mentira para saír dunha situación que, en principio, case semella inocente, pero que levará as personaxes a unha transformación que lle poderá dar a volta a cada unha das súas mediocres vidas. Iso si, todo en clave de humor.

carteis 2019_P+ígina_9

CINEMA

O Cinema Munipal de Verín proxectará, durante toda a fin de semana, a película Maléfica, maestra del mal, protagonizada por Angelina Jolie e Michelle Pfeiffer. Remake do clásico de Disney.

Maléfica, maestra del mal. Secuela da exitosa película do 2014, a historia desenvólvese varios anos despois e explora a relación entre Maléfica e Aurora. Novos tempos con novas alianzas que se forman para sobrevivir das ameazas do máxico mundo no que habitan. Película de xénero fantástico que pasa de ser un conto a converterse nunha aventura épica.

Maléfica, maestra del mal

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

A Sala de Exposicións de Verín acolle "Fragmentos da Natureza", unha mostra fotográfica que presenta unha visión da natureza en estado puro, con atención a cada especie e a cada paisaxe. Cada humano ten unha visión persoal, a contorna percíbese de xeito distinto a expensas de quen a mire ou dependendo do momento. O fotógrafo Brais Seara (Allariz, 1981) ofrece unha exposición con instantes únicos captados en Galicia, Finlandia, Alemaña, Escocia, Inglaterra ou España; imaxes que reflicten o camiño entre o observado, o interpretado e o que el mesmo quere transmitir.

A mostra permanecerá aberta ó público ata o 23 de novembro. Horarios: de martes a sábado, de 12:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 21:00 horas.

EXPO-BRAIS-SEARA_web

FESTA DA CASTAÑA E DO COGUMELO DO RIÓS

Será unha fin de semana chea de actividades ó redor dos produtos de tempada típicos das terras do Riós. Neste 2019 celebran os 25 anos dende o seu comezo. Podes ver a información completa na nosa nova. Aquí tes un resumo do que haberá.

Sábado, 2 de novembro. Vive o Camiño chega ó Riós para conmemorar a edición XXV da Festa da Castaña e do Cogumelo. A andaina pola Ruta da Castaña comezará ás 10:00 horas; a tarde dedicarase ós obradoiros Memorias da Prata e Xogando Coa Natureza e ó evento gastronómico Catar o Camiño. Ó tempo, haberá unha charla formativa sobre "Nocións básicas sobre o aproveitamento sostible do souto". A xornada rematará cun gran magosto popular.

Domingo, 3 de novembro. Día de apertura dos stands no recinto feiral, que tamén acolle a mostra fotográfica do concurso "O outono e os seus froitos no Riós". É a xornada dedicada á gastronomía: showcookings, degustación de produtos típicos, pulpeiras e menús especiais. Ó longo de todo o día haberá música a cargo da charanga Los Támega e da Banda de Gaitas do Concello do Riós. Ademais, entregaranse os premios "Castaña de Ouro".

FESTA-DA-CASTAÑA-E-DO-COGUMELO-2019

MAGOSTO

Comeza a celebración dos magostos. Esta fin de semana haberá varios na bisbarra; ofrecémosche unha escolma deles, a cal vas ir?

Toro, Laza. Sábado, 2 de novembro, ás 14:00 horas no bar do pobo.

Riós. Sábado, 2 de novembro, ás 19:30 horas na Praza do Toural. Organizado pola Asociación de Veciños de Riós e Marcelín. Chourizo, pan, empanada, bica, castañas e bebida por 5€. Entradas á venda nos establecementos do Riós. A música corre a cargo do grupo Os Trouleiros.

Laza. Sábado, 2 de novembro, ás 21:00 horas na Praza da Picota. Empanada, chourizos e panceta á brasa, castañas ó tixolo, auga e viño por 8€ (menores de 8 anos, de balde). O grupo Enxarcia porá música á velada.

Trez, Laza. Sábado, 2 de novembro, á noite. Churrasco, panceta, chourizo, castañas, bica, viño e refrescos "a escote". Para anotarse, antes do día 1, nos teléfonos: 606.455.627 e 679.273.712

castañas e tixolo

VIVE O CAMIÑO EN CUALEDRO

Será o domingo, 3 de novembro, cando o programa de actividades deseñado pola Xunta de Galicia chegue ó Concello de Cualedro. Lembra que é necesario inscribirse previamente.

A andaina que percorrerá a Ruta dos Muíños das Mercedes partirá ás 10:00 horas dende a Escola das Mercedes. Xa pola tarde, será tempo para participar nos obradoiros programados no Centro de Interpretación dos Castros. Memorias da Prata, pensado para adultos, fará un percorrido polas historias do Camiño de Santiago dende ás 16:00 horas; a partir das 17:00 horas, comeza o obradoiro infantil Xogando coa Natureza. Mesma hora e mesmo lugar para que os participantes podan degustar produtos típicos da zona no evento Catar o Camiño.

Vive o Camiño Cualedro 20191103

VI CARREIRA POPULAR CONCELLO DE MONTERREI

A VI Carreira Popular de Monterrei, proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada, celebrarase o vindeiro domingo, 3 de novembro, na localidade de Albarellos. Disputaranse carreira absoluta, carreiras escolares e, como novidade, a proba "5k" cun percorrido de 5 quilómetros e o "Tapias Mariñán Duo Race" para competir por parellas. Unha proba que aglutina deporte, turismo, natureza e patrimonio e con carácter familiar.

Carreira Monterrei 3 novembro

XUNTANZA DE COCHES CLÁSICOS

Será o domingo, 3 de novembro, cando os Amigos dos Clásicos realicen a súa primeira xuntanza percorrendo a Ruta da Castaña. Unha ocasión para gozar da beleza dos coches clásicos que se reunirán, ás 9:00 horas, na Praza García Barbón para dar inicio a un percorrido pola bisbarra. Dende Verín sairán cara Servoi, Monteveloso e A Chaira, finalizando no Riós.

Amigos dos Clásicos 20191103

FÚTBOL NO JOSÉ ARJIZ

O domingo, 3 de novembro, o Verín CF recibe á Sociedade Deportiva Bande na novena xornada da tempada 2019/2020. Será a partir das 16:30 horas. O reto é encher o José Arjiz para animar o equipo verinés.

Fútbol_Verín_Bande 20191103

Toma nota! Axenda de Ocio da fin de semana