sábado. 20.04.2024
Samaín Albarellos 2019B
Albarellos de Monterrei dá comezo ás celebracións do Samaín 2019.

TEATRO

Continúa o X Festival de Teatro Entreculturas en Verín cunha nova intensa fin de semana de representacións. Será, como sempre, no Auditorio da vila onde tres compañías poñan en escena as súas obras.

Las Nubes. Venres, 25 de outubro, ás 20:30 horas. O grupo de teatro verinés A Tecedora de Soños fará viaxar ós espectadores ata a antiga Grecia coa obra do autor ateniense Aristófanes. A obra é a referencia máis antiga sobre a figura de Sócrates; unha comedia na que o autor pón de manifesto a súa visión sobre os sofistas, criticando as súas ensinanzas.

Las nubes 20191025Frío de tango. Sábado, 26 de outubro, ás 20:30 horas. A compañía amateur de Allariz Silvardeiras Teatro representa unha crítica á sociedade actual en clave de humor. Relato dun plantexamento equivocado que conduce ó fracaso persoal; mulleres e homes superficiais e mediocres representados con grandes doses de humor e teatro do absurdo.

Frío de tango 20191026

Que medo! Domingo, 27 de outubro, ás 19:00 horas. A compañía Teatro experimental de Barbadás, baixo a dirección de Alfonso Blanco, interpretará unha peza teatral para toda a familia. Unha historia terrorífica, chea de amor e tenrura, con personaxes disparatadas que son protagonistas desta cómica obra. Bruxas, xigantes, mendigos e vampiros envoltos nunha trama especialmente pensada para os máis cativos.

Que medo 20191027

CINE

Durante toda a fin de semana, o Cinema Municipal de Verín proxectará a película "Padre no hay más que uno", de Santiago Segura.

Padre no hay más que uno: Javier é o típico “marido - cuñado”. Ese que sen ocuparse en absoluto do que supón o coidado da casa e dos nenos, sabe moi ben o que hai que facer. Pero Javier terá que ver a realidade do que é o día a día con cinco fillos cando a súa muller decide marchar de viaxe. A caótica situación vai evolucionar ata o caos máis absoluto de xeito cómico, dándolles a oportunidade de coñecerse.

Padre no hay más que uno

VIVE O CAMIÑO

Desta vez, a iniciativa da Xunta de Galicia que busca dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais e gastronómicos das poboacións polas que transcorre a Vía da Prata vaise desenvolver nos concellos de Verín e Monterrei. As actividades son de carácter gratuíto, previa inscrición a través do teléfono: 722.876.073, en horario de mañá.

Sábado: Vive o Camiño en Verín. Dende a Praza do Concello partirá, ás 10:00 horas, a Ruta polo río Támega; unha andaina na que os participantes poderán coñecer as riquezas do entorno do Támega da man dun guía oficial e dun experto patrimonial. As actividades da tarde terán lugar no Auditorio Municipal da vila. A sala multiusos acollerá, ás 16:30 horas, o obradoiro destinado ós adultos "Memorias da Prata"; ás 17:30 horas comezará o obradoiro para os cativos "Xogando coa natureza". Mesma hora na que terá lugar a actividade gastronómica "Catar o Camiño", no hall do Auditorio.

Vive o camiño Verín 20191026

Domingo: Vive o Camiño en Monterrei. Toda a xornada terá lugar na Acrópole de Monterrei. Dende a Oficina de Turismo do Castelo de Monterrei, ás 10:00 horas, sairá a andaina Paseo polo Camiño Real.  Os obradoiros da tarde celebraranse no Castelo de Monterrei; ás 16:00 horas, Memorias da Prata, un parladoiro para lembrar o paso do Camiño de Santiago pola Acrópole. A partir das 17:00 horas, combinaranse o obradoiro infantil Xogando coa Natureza e a actividade gastronómica Catar o Camiño, onde se degustarán os produtos típicos da zona.

SENDEIRISMO

Os concellos de Vilardevós e da Mezquita acollerán dúas andainas polas súas terras. 

Sábado, 26 de outubro, Vilardevós. O CDR Portas Abertas organiza unha andaina en conmemoración do Día das Persoas Maiores. Cun percorrido de pouco máis de 5km, a ruta partirá dende a Residencia de Vilardevós, subindo ó Castelo pola Corriza, para ir cara a aldea de Santa María de Traseirexa. Seguindo o Camiño da Misa, pasará pola Ermida de San Roque para voltar a Vilardevós. Para participar, pódeste anotar nas oficinas de Portas Abertas ou a través do teléfono: 988.417.232.

andaina 2019 10 26.bjpg

Sábado, 26 de outubro, A Mezquita. Andaina ó Castelo de Santigoso. Cunha dificultade media, os 3,2km de percorrido levarán ós camiñantes ata a fabulosa fortificación do Castelo de Santigoso, situada a máis de 1.300 metros de altitude. Descuberta hai menos dunha década, esta fortificación ten unha extensión de máis de 150.000 metros cadrados; unha inmensa cidade prehistórica que non está soa, ó seu redor pódense ver outras menores. Dende o ano 2017, o Concello da Mezquita vén facendo actuacións encamiñadas a investigar a fortificación. Ó longo da andaina, Miguel Losada, membro da Sociedade Antropolóxica Galega, explicará a historia deste lugar que coroa as montañas da Mezquita.

Será necesario levar equipación axeitada para montaña. A andaina sairá ás 10:00 horas, cunha duración estimada de catro horas. Pódeste inscribir nas oficinas municipais ou no seguinte enlace: Andaina Castelo de Santigoso.

Castelo de Santigoso

CONTACONTOS E MANUALIDADES

A Biblioteca Municipal de Verín celebra o Día das Bibliotecas con actividades para os máis pequenos. Será esta tarde de venres, a partir das 18:00 horas, cando os voluntarios da Biblioteca festexen o seu día ensinando ós cativos a realizar manualidades feitas con materiais reciclados e cunha sesión de contacontos. As actividades están pensadas para nenas e nenos, con idades comprendidas entre tres e 9 anos, que sexan socios da Biblioteca. 

manualidades na biblioteca de Verín

PRESENTACIÓN LIBRO

A autora lazana Carmen Rivero Gallego presentará o seu libro de poemas Nun recuncho chamado Laza ante os seus veciños. Será mañá, sábado 26 de outubro, ás 17:00 horas, na sede do Formigueiro.

Presentación libro_ Recuncho Laza

SAMAÍN

Unha noite de tormenta que arrasou parte das rúas, das casas e das hortas... que intoxicou a auga... a xente comezaba a transformarse, a descomporse... o seu único alimento será matar para comer e sobrevivir... declarouse a corentena para todos os habitantes... moitos veciños levan meses sen saír as rúas... os alimentos esgotáronse... é hora de saír e buscar comida, ó abeiro da noite... coidado se estás na rúa, serás o seu alimento! 

Albarellos será o primeiro en celebrar a festividade celta que marca o remate da tempada da colleita e do comezo do inverno. Será mañá sábado, 26 de outubro, a partir das 20:00 horas. Unha noite de teatro e de terror!

Samaín Albarellos 2019

CONFERENCIA "O VIÑO DE MONTERREI NA IDADE MEDIA"

Mañá, sábado 26 de outubro, ás 20:00 horas, o Museo do Claustro Mercedario acollerá o inicio do ciclo de conferencias "Do Viño de Galicia 2019", organizado polo Museo do Viño de Galicia en colaboración coa DO Monterrei. O relatorio "O viño de Monterrei na Idade Media" será impartido por José Miguel Andrade, profesor titular de Historia Medieval da USC.

Ó longo da charla, presentarase documentación medieval procedente do Tumbo de Celanova que permite analizar as referencias ó viño dende o século XI ata o XV. En concreto, aquelas que aluden a información da bisbarra e que subliñan feitos como os preitos de San Rosendo por terras das localidades de Ábedes e Vilaza, e outros que constatan o despegue expoñencial da viticultura en Monterrei dende o século XIV.

Conferencia Do Viño de Galicia_MCM

Toma nota! Axenda de Ocio da fin de semana