viernes. 26.04.2024
Mónica Díaz fai entrega de máscaras e batas a Nieves Justo, do centro de día Raiola.
Mónica Díaz fai entrega de máscaras e batas a Nieves Justo, do centro de día Raiola. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Unha representante de firma Nicandra, Mónica Díaz, fíxolle entrega hoxe á supervisora do equipo de xerocultoras de Raiola, o centro de día para maiores de Verín, dun importante lote de material de protección para o persoal da institución. Foron un total de 120 máscaras de tea lavables, unhas vinte batas e outros tantos pares de calzas. Recolleunas Nieves Justo, responsable das profesionais de atención ao maior de Raiola, quen agradeceu "a Nicandra o xesto de solidariedade que tivo con nós, e que de seguro fará que a nosa cara sexa un chisquiño máis amable do que xa é cos nosos anciáns lucindo estas máscaras de deseño local". 

Mónica Díaz apuntou que "tivemos coñecemento de que o centro de día reanudará en poucas semanas a súa actividade e, ao igual que doamos material ao outras institucións sociais, non quixemos que Raiola, que fai unha extraordinaria labor cos maiores de Verín, quedara sen a nosa modesta aportación". 

Estamos traballando para ter o centro de día e o transporte dotado de todo o material e todas as medidas de seguridade que o Goberno estipula, para que os nosos maiores non corran ningún risco e estén protexidos en todo momento para evitar contaxios da COVID-19 (Chelo Ferreiro, directora de Raiola)

Preparándose para unha segura reapertura

O centro de día para maiores de Verín pechou as súas portas o venres día 13 de marzo, un día antes de que o Goberno de España decretase o estado de alarma. Arestora, como así confirma a súa directora, Chelo Ferreiro, "estamos traballando para ter o centro de día e o transporte dotado de todo o material e todas as medidas de seguridade que o goberno estipula, para que os nosos maiores non corran ningún risco e estén protexidos en todo momento para evitar contaxios da COVID-19. Manteremos aos nosos usuarios e ás súas familias puntualmente informadas da evolución da desescalada e da data de reapertura das instalacións. Estamos desexando volver a ver aos nosos maiores pero queremos velos cando o saír das súas casas para vir a estar con nós teña o máis mínimo risco para eles", apuntou Ferreiro Fernández. 

Solidariedade de Nicandra con Raiola, o centro de día para maiores de Verín