jueves. 25.04.2024
A unidade de recepción de mostras do hospital de Verín está a ter unha alta actividade nos últimos días.
A unidade de recepción de mostras do hospital de Verín está a ter unha alta actividade nos últimos días.

"Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín". 


É a primeira das disposicións da orde do 25 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín asinada polo Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e pola que se prorrogan as medidas que entraron en vigor ás 00:00 horas do pasado sábado 19 de setembro.

Segundo recolle a instrucción da Consellería de Sanidade, "as medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Verín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello", o que empraza ás autoridades sanitarias á revisión das restriccións, de novo e non antes, o vindeiro venres día 2 de outubro.

Estas son las limitacións vixentes para o municipio verinense
 

Recoméndaselles ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten saír de casa nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Velatorios e enterros: límite de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou de dez persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.

Lugares de culto: límite do 50% da súa capacidade.

Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís: un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados.

Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público: non poderán superar o 50% da súa capacidade total e deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos.

Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública: non poderán superar o 50% dos postos habituais ou autorizados. Aínda que no caso de Verín, o Goberno local non está autorizando a que se celebren. 

Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino: aforo ao 50% e cun máximo de 10 personas por grupo.

Establecementos de hostalaría e restauración:

  • Non poderán superar o 50% da súa capacidade para consumo no interior do local e do 75% na terraza.
  • O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, de máximo 10 persoas, mantendo a debida distancia de seguridade interpersoal.
  • Non está permitido o consumo na barra.
  • Deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00:00 horas.

Hoteis e aloxamentos turísticos e albergues: zonas comúns ao 50%.

Actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares: poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o cincuenta por cento da capacidade permitida en cada sala. En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais: poderán realizarse actividades presenciais sen superar o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, cun máximo de ata dez persoas por grupo.

Actividades e instalacións deportivas: poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea, sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida no recinto.

A celebración de eventos deportivos poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de sesenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Piscinas: límite do cincuenta por cento da súa capacidade e sen que poidan exceder o límite de cen persoas de ocupación.

Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre: poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto. Con todo, o Concello de Verín mantén pechados os parques e os xardíns da vila, incrementando así as medidas de contención da pandemia. 

O Sergas mantén as restriccións para Verín alomenos sete días máis