martes. 16.04.2024
Estivo dirixido polo editor da Guía de Viños e Destilados de Galicia, Luis Paadín

Un novo curso da UNED afondou na historia do viño e nas técnicas de maceración carbónica

Trinta persoas participaron nunha nova edición dos cursos que sobre a historia e industria vitivinícola organizan o Concello de Verín e a Universidade de Educación a Distancia. Luis e Javier Paadín afondaron na historia da elaboración do viño, e o enólogo da adega Prada a Tope disertou sobre as diferentes técnicas de maceración carbónica.

O curso sobre a historia do viño desenrolouse no Claustro Mercedario da vila.
O curso sobre a historia do viño desenrolouse no Claustro Mercedario da vila.

O Museo do Claustro Mercedario acolleu esta fin de semana una nova edición dos cursos de cata que ten programados a Universidade de Educación a Distancia (UNED). Neste caso, estivo dirixido por Luis e Javier Paadín, e nel colaborou o enólogo da adega Prada a Tope, José Manuel Ferreira.

A historia do viño e as posibilidades da maceración carbónica foron as dúas principais cuestións abordadas neste seminario, que contou ca presenza de trinta persoas, algunhas chegadas dende Ourense ou Pontevedra.

Luis Paadín fixo unha ampla retrospectiva da historia da vide e da súa presenza, e tamén influenza nas diferentes comunidades humanas, dende a clásica vitis vinifera silvestris ata as variedades actuais. No seu repaso histórico, chegou a sinalar que o viño é anterior ao homo sapiens, xa que a fermentación espontánea das uvas gardadas púidose dar incluso en tempos do homo erectus ou do homo afarensis.

Nese mesmo percorrido histórico pola evolución ampelográfica dos distintos xéneros de vides, Paadín vinculou a aparición da uva branca a factores xenéticos propios do azar, como pode ser o caso dos albinismos, que deron en favorecer o nacemento desta variedade, moito máis delicada e difícil de levar adiante pero que acabou por ser seleccionada polas súas incuestionables propiedades.

Rematou a sesión cunha análise das técnicas de maceración carbónica, as primeiras na elaboración dos viños; caldos obtidos con estes procesos posteriormente, e para concluir a sesión, foron catados polos asistentes.

Un novo curso da UNED afondou na historia do viño e nas técnicas de maceración carbónica