sábado. 20.04.2024

Queridos Reis Magos: a carta que Bieito Barreira enviou a pasada semana aos Reis Magos

Pido formalmente o fin do éxodo que padecemos as aldeas galegas e que fai que o país se desangre lentamente. Pido que o Hospital de Verín sexa un gran hospital, e non iso que di o noso presidente, que parece que o tema dos conceptos lévao algo mal. Pido transparencia e respecto das institucións que nos gobernan e que a vara de medir mida o mesmo en Berrande, en Verín e en Madrid. Pido que as persoas que teñen un proxecto sexan quen de levalo adiante, que sobre tesón e constancia e que se xeren sinerxias de proximidade.

Os tres Reis Magos recolleron este domingo as peticións dos pequenos defensores do #VerínNonSePecha. | FOTO: Carlos Montero.
Os tres Reis Magos recolleron este domingo as peticións dos pequenos defensores do #VerínNonSePecha. | FOTO: Carlos Montero.

Queridos Reis Magos:

Agardo que a chegada da presente as súas maxestades gozen de boa saúde e se atopen ben. Se ben é certo que hai moitos anos que non lles escribo, non é por falta de ganas. E que a vida vainos separando dos nenos que algún día fomos e iso de pedir faise algo pesado.

Pero ás veces, un abandona o mundo do banal e do consumismo, e pide obxectivos máis altos, máis humanos. E quizais sexa ese o motivo desta misiva. Pedir cousas que sexan de xustiza, de dignidade e de humanidade.

Pido formalmente o fin do éxodo que padecemos as aldeas galegas e que fai que o pais se desangre lentamente. Pido que o Hospital de Verín sexa un gran Hospital, e non eso que dice o noso presidente, parece que o tema dos conceptos levao algo mal. Pido transparencia e respeto das institucións que nos gobernan e que a vara de medir mida o mesmo en Berrande, en Verín e en Madrid. Pido que as persoas que teñen un proxecto sexan quen de levalo a diante, que sobre tesón e constancia e que se xeren sinerxias de proximidade.

Pido que o eucalipto desapareza dos terreos produtivos e que a política forestal da Xunta non se centre só nese cancro que acaba con todo. Pido que non arda o monte, que quen pranta lume sepa o que é unha celda. Pido que non lle falte de nada aos gandeiros, labregos e mariñeiros desta parte do mundo. Pido outonos e primaveras, xa que o cambio climático está acabando coas estacións do ano. Pido que todo o mundo dispoña dunha sanidade e dunha educación públicas e de calidade e sen marxinación de idade, raza ou procedencia social.

Pido conciencia social, que sexamos quen de valorar que vivimos na parte bonita do mundo na que, pese a todo, somos uns privilexiados xa que a vida ten valor e unha persoa pode realizar un proxecto vital. Isto non quere decir que xa está, non, hai loitar pola xustiza social e querer progresar, pero tamén hai que ter os pés no chan. Por iso teño que pedir tamén máis investigación, máis innovación e máis recursos para a aplicación disto último.

Pido que todos os que están obrigados a realizar a súa vida na emigración por motivos laborais poidan voltar a ofrecernos o seu talento e compañía, son dos nosos, e teñen que volver. Non nos sobra xente precisamente.

Gustaríame pedir tamén que os países pobres deixen de ser un campo de batalla e xóvenes pobres deixen de matar a xóvenes pobres mentres vellos ricos contan as súas ganancias como dicían os Suaves.  Pido que a inestabilidade deixe de ser un negocio.

Pido que a empatía se apodere do mundo, que sexamos quen de entender os distintos puntos de vista que plantexa un conflito, que os berros den paso ao debate, que o fascismo despareza da faz da terra co que mais lles doe, coa razón. Pido que o Mediterraneo deixe de ser a vergoña de Europa en forma de cemiterio.

E pido, por favor, que a carretera non se leve máis vidas antes de tempo.

Podería pedir deste xeito horas e horas, pero son consciente de que as súas maxestades teñen moitas cousas que facer, e moitos nenos aos que levarlle ilusión. E se poidese pedir algo realmente importante sería eso, non perder a ilusión dun neno.

Sen outro particular despídome de aquí a un ano.

P.D aos camelos deixámoslle bica e licor café nas portas do paridoiro de Verín xa que para ir ver ao neno teñen que ir ata Ourense e o traxecto vaiselle facer algo máis largo do normal

Bieito Barreira

Queridos Reis Magos: a carta que Bieito Barreira enviou a pasada semana aos Reis Magos
Comentarios