sábado. 20.04.2024
nenas
Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín, coa expedición feminina que chegara no ano 2017. | FOTO: Carlos Montero.

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, participa un ano máis no programa de acollida temporal "Vacacións en paz", que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. O Concello de Verín, que se fará cargo dos gastos de traslado dos menores acollidos, oferta dúas prazas de acollemento para familias residentes no termo municipal de Verín, quedando neste momento tan só unha vacante.

Verín vén participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 2004 ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e fillos desfruten dunha estancia agradable baixo a supervisión e os coidados de familias de acollida no concello. Trátase de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra, exclusión e incerteza xeopolítica, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

Estes/as nenos/as naceron nos campamentos de refuxiados saharauís situados dende fai máis de corenta anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, preto da fronteira alxeriano-saharauí; é dicir, son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975. A vida destes nenos, nados no exilio, transcorre nas mesmas circunstancias co resto da poboación saharauí, privada do máis elemental e que sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional.

Obxectivos do programa

Os obxectivos do programa son: trasladar a nenos/as saharauís, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias galegas; reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauís a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que actualmente viven; facilitar asistencia médica e de alimentación; promover -entre a sociedade galega- os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade; perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega que estudan nos seus programas escolares e ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre, evitando a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto por teren as temperaturas máis altas (máis de 50 graos centígrados).

Que facer se están interesados

As familias interesadas en formalizar o acollemento ou ampliar información poden poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, ben acudindo ás súas oficinas na Casa da Xuventude, ubicada na Avenida de Portugal nº. 11 - bis; chamando ao teléfono 988.41.47.76 ou escribindo ao enderezo de correo electrónico [email protected].

Queren acoller a un cativo saharauí dous meses no verán?