viernes. 19.04.2024
Proxección das curtas gañadoras no RIR de Allariz | FOTO: FIC Vía XIV
Proxección das curtas gañadoras no RIR de Allariz | FOTO: FIC Vía XIV
Durante esta IV edición do FIC Vía XIV de Verín, o Auditorio e a Casa da Cultura son os anfitrións da axenda do Festival. Hoxe, mércores 4 de decembro, no Auditorio proxectáronse as curtas pertencentes ás categorías oficiais Nova 2 e Outra Mirada 1, e na Casa da Cultura; Horizontes 1 e Outra Mirada 2. No marco das actividades paralelas que se organizan, desenrolouse Festival Convidado: RIR de Allariz e Retrospectiva de cinema cubano actual. Sen esquecernos da última sesión de Cinema Marabillas, na que participaron as nenas e nenos do CEIP Vicente Risco de Cualedro.

Tras o último encontro entre a contacontos e os cativos, o obxectivo da iniciativa dirixida por Raquel Queizás era establecer un vínculo entre o cine e a literatura infantil e xuvenil a través de películas centradas en personaxes coñecidas por todos como Peter Pan, O Mago de Oz ou Alicia no País das Marabillas, e dito obxectivo, cumpriuse ao longo das tres citas que tivo Cinema Marabillas cos máis cativos.

Tamén aterraron en Verín os alumnos do ciclo medio de Vídeo DJ e Son do CIFP A Farixa de Ourense, que esta mañá desfrutaron dunha MasterClass impartida por DJoy de Cuba, un dos DJ máis recoñecidos na escena musical da Habana, que está en Verín para participar na axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV.

DJoy de Cuba impartindo unha MasterClass a mozas e mozos. | FOTO: FIC Vía XIVDJoy de Cuba impartindo unha MasterClass a mozas e mozos | FOTO: FIC Vía XIV.

RIR de Allariz, unha cita co humor                      

O Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia de Allariz tense convertido, con tan só dúas edicións ás súas costas, nun foro de referencia cinematográfico e lúdico na provincia de Ourense. Isto é así porque neste festival hai cabida para diferentes actividades artísticas que enchen as rúas e prazas de Allariz e que combinan accións para os cativos e para os maiores co humor como principal ingrediente.

O RIR de Allariz é o Festival Convidado nesta cuarta edición do FIC. No marco desta actividade paralela, exhibíronse as curtas premiadas na súa última edición, celebrada hai poucos meses. Deste xeito, o público que acudiu á cita hoxe, puido visualizar as pezas do palmarés do RIR 2019, tales como El jarrón de Rubén Tejerina, Premio do Público á Mellor Curtametraxe; Beautiful day de Fabrice Herbaurt, Premio á Mellor Dirección e Una noche con Juan Diego Botto de Teresa Bellón e César F. Calvillo, Mención especial do xurado, entre outras. Os espectadores que non puideran asistir a sesión que se desenrolou hoxe ás  18:30 horas, teñen outra oportunidade o sábado na Casa da Cultura ás 12:30 horas.

9 2 Oscar Doviso, director do RIR de Allariz. | FOTO: FIC Vía XIV

Retrospectiva de cinema cubano actual

A produtora e directora artística de orixe cubana, Claudia Expósito, foi a encargada de realizar a selección de curtas que se exhibirán na IV edición do FIC Vía XIV de Verín no marco desta iniciativa. Expósito ten participado, dende o ano 1993, nuns 150 espectáculos musicais, festivais, eventos e proxectos audiovisuais. Xunto a isto, ten creado e producido varios espazos artísticos como  Xogo de Malabares, Puntal Alto ou  A Guitarra Limpia, entre outras.

Esta retrospectiva será exhibida en dous bloques diferentes como programación paralela á do propio Festival. No primeiro bloque proxectáronse as curtas Las muertes de aristides, Ángela, Gloria eterna e Los viejos heraldos. O sábado, desenvolverase a segunda sesión desta actividade na Casa da Cultura ás 17:00 horas.

IMG_9517(1)Claudia Expósito, produtora e directora artística. | FOTO: FIC Vía XIV

Ademais, dentro do marco desta actividade paralela, DJoy de Cuba está, dende ás 22:00 horas en NaVerza Gastrobar, ofrecendo unha jam session de música electrónica cubana para amenizar a velada e dar a coñecer o que se está a facer en Cuba no eido musical na actualidade. Esto é unha homenaxe ao seu país que mistura música e gastronomía cubana, baixo o nome Cuba Jam Party, que continuará mañá, a mesma hora na Tapería A Mereced. Esta actividade lúdica completa a actividade Retrospectiva de cinema cubano actual organizada no Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV.

Programación para o xoves, 5  de decembro

A axenda do Festival de Curtas continúa o xoves con Mesa Proxecta pola mañá, e a proxección das curtametraxes pertencentes ás categorías oficiais Nova 3, Nova 4,  A Raia 1, Nova 2 e Outra Mirada 2. E para completar a programación do día, desenvolverase a primeira sesión da actividade paralela  As dúas caras do Sahara Occidental, coa proxección da longametraxe Hamada, de Eloy Domínguez.

Os protagonistas da xornada: RIR de Allariz e Cinema Cubano