viernes. 19.04.2024
Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra 2
Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra. | FOTO: Deputación de Ourense

O vindeiro domingo, 4 de agosto, terá lugar a celebración da XXII Feira do Pemento de Oímbra, unha das citas gastronómicas máis importantes do verán na provincia de Ourense. Na presentación deste evento, que tivo lugar hoxe na Deputación de Ourense, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, explicou que a consolidación desta festa vese cada ano na gran afluencia de público, detallando que se prevé un consumo de máis de mil quilos de pementos nesta edición. "Trátase dunha celebración na que se conxuga gastronomía, música, actividades lúdicas e exposición de diversos produtos de horta e artesáns, así como de maquinaria agrícola", dixo Ana Villarino, destacando que as actividades darán comezo ás 12:00 horas co concurso de pratos de cociña –cuxo ingrediente principal é o pemento, con receitas dos propios veciños–e a animación musical a cargo de DJ Ness. Ás 14:00 horas terá lugar o xantar popular e a animación da charanga Támega, e ás 20:00 horas a actuación do grupo musical valdeorrés Son do Sil.

A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, conta con que este ano se consuma máis dunha tonelada de pementos

Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra 1Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra. | FOTO: Deputación de Ourense

Pola súa banda, o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, destacou que o pemento "é o rei da horta en Oímbra, un produto que representa o alimento natural de calidade básico na gastronomía e na economía desta contorna", e sinalou que esta festa, "declarada de Interese Turístico de Galicia e que conta coa distinción de calidade da Indicación Xeográfica Protexida, ten ao pemento como produto referente, datado no século XIII, desta comarca que combina serra e val".

Haberá, durante todo o día, degustación gratuíta de pementos na carballeira do municipio olimbriguense

Ao longo de toda a xornada haberá, na carballeira do municipio, inchables para a cativada e xogos populares para o público de todas as idades. Así mesmo, durante todo o día, haberá degustación gratuíta de pementos. O obxectivo da posta en marcha desta feira, que xa vai pola súa XXII edición, foi dar a coñecer este produto de excelente calidade por parte dos produtores da zona, "e contribuír así a dinamizar a economía da contorna de Oímbra, na que destaca tamén a súa riqueza vitivinícola, etnográfica e do patrimonio histórico", expresou a alcaldesa.

Pementos verdes fritos (e dos bos!!)... este domingo en Oímbra