viernes. 19.04.2024
A alcaldesa socialista Elvira Lama pedirá tamén o apoio da corporación verinense e dos axuntamentos da contorna limiá

O PP de Xinzo desmárcase de Feijóo e reclamará co resto de formacións que se reabra o centro ocupacional de Limisi

Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín, este xoves anunciou, logo de escoitar as testemuñas das familias de usuarios do centro de día verinense Raiola, que o seu grupo de Goberno reclamaría por carta á consellería de Política Social que reabrisen a institución municipal.

Horas despois, os concellais do Partido Popular en Xinzo de Limia, votaban en conciencia e apoiaban un acordo unánime de todos os grupos para solicitar o mesmo á Xunta, neste caso, a reapertura do centro de diversidade funcional Limisi, da capital antelá. 

xuntaxinzo
Por unanimidade os voceiros das diferentes formacións políticas no Concello de Xinzo votaron requerir á Xunta que deixe abrir o seu centro de día ocupacional. | FOTO: Concello de Xinzo de Limia.
Os concelleiros do Partido Popular na Corporación municipal de Xinzo veñen de desmarcarse claramente da decisión do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, de manter os centros de día e os ocupacionais pechados ata o mes de setembro. Este venres, na xunta de portavoces convocada pola alcaldesa de municipio, a socialista Elvira Lama, votaron, co resto de integrantes das diferentes formacións con representación, instar á Xunta de Galicia a que permita a reapertura de Limisi Diversidade Funcional, unha institución sen ánimo de lucro que atende a persoas con diferentes discapacidades tanto motoras como cognitivas. 

Na súa exposición, Elvira Lama considerou "indispensable" a reapertura do centro para "para dar resposta ás necesidades de terapias dos usuarios e usuarias que levan dende a declaración do estado de alarma sen a atención que precisan, cun deterioro na súa saúde mais que considerable". 

Nesta xunta extraordinaria de portavoces acordouse tamén dar traslado do acordo a todos os concellos nos que Limisi desenrola a súa actividade, entre os que se atopan Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Trasmiras, Calvos de Randín, Os Blancos, Baltar, Maceda, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Allariz e Cualedro, xa na comarca de Monterrei.

4-06-20 Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, na reunión do centro de día Raiola con familiaresDiego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, na reunión cas familias dos usuarios de Raiola. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Verín tamén reclamará por carta a apertura de Raiola


O acordado por todas as formacións representandas no concello de Xinzo chega un día despois de que o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, anunciase na reunión que mantivo con familiares do centro de día para maiores Raiola de que o seu grupo de Goberno remitiría tamén unha carta á consellería de Política Social para que reconsiderase a súa decisión de manter instalacións "coma esta pechadas e solicitarlle que permitan a súa reapertura, nomeadamente a de Raiola, porque as testemuñas das familias hoxe aquí concentradas non deixan lugar a dúbidas de que isto non é un centro de ocio, é un centro terapéutico e os nosos anciáns precisan das atencións e os coidados que aquí lle prestan os excelentes profesionais de Raiola", apuntou o voceiro do BNG no Concello de Verín e tenente de alcalde, Diego Lourenzo. 

Para o presidente da Xunta, os maiores son un "risco"

"Son persoas que están na súa casa e acoden logo a un centro de día. Son un risco para eles, para as súas familias e para os traballadores". Así xustificou este venres o presidente da Xunta a súa decisión de manter pechados estes centros ata setembro apuntando directamente aos propios usuarios. 

"Que lle pode dicir aos milleiros de familiares e usuarios de residencias de día e centros ocupacionais que denuncian que vostede apremiaba a Pedro Sánchez para acelerar o desconfinamento e condena aos seus seres queridos a quedar confinados na casa ata setembro, algúns deles, con problemas mentais, de saude e mobilidade?". Esa foi a pregunta que lle fixeron os compañeiros da redación de Galicia Confidencial coñecidas as queixas dos moitos familiares que están a criticar duramente ao Goberno galego por non pensar neste colectivo e nas graves repercusións que terán para eles continuar confinados ata setembro.

Usuarios do centro ocupacional de diversidade funcional Limisi.Usuarios de Limisi, nunha das súas actividades grupais antes de que se decretase o seu peche. 

A resposta de Feijóo foi, cando menos, sorprendente, ao sinalar directamente aos usuarios como a causa do peche destes centros. Así, subliñou que reabrir estas instalacións é unha decisión dunha "enorme responsabilidade" e que se non se fai é porque os propios usuarios son un "risco" na propagación do coronavirus: "Estos centros non son residencias de internos, senón que os usuarios poden entrar e saír. E poden afectar a familias, traballadores e por iso nos parece que isto non é unha decisión menor", contestoulle a Galicia Confidencial. Con todo, non se pechou a que reabran antes de setembro sempre que "os criterios de sanidade prevalezan sobre calquera outro criterio".

Por iso, e para xustificar esta dura e polémica decisión lembrou que a Xunta aprobou un bono de 500 euros ao mes para que as familias poidan contratar a unha persoa "e facilitar a conciliación". 

As axudas, aínda sen concretar

Con todo, esta axuda segue sen concretarse. Preguntado ao respecto, Feijóo dixo que a próxima semana coñecerase "a letra pequena" dese bono. Así, encadrouno no plan de reactivación e dinamización económica aprobado este venres no Consello, e que constitúe o marco económico da Xunta co que agora cada departamento autonómico ten que deseñar as medidas concretas. Entre outras cuestións, o Executivo autonómico decidiu reprogramar 800 millóns de fondos propios. Feijóo asegurou que "nos primeiros días da próxima semana" darase a coñecer "o contido e alcance para poder pagar e cobrar os 500 euros para a conciliación de familias con maiores, discapacidade ou menores", sinalou. 

O PP de Xinzo desmárcase de Feijóo e reclamará co resto de formacións que se reabra o...