viernes. 19.04.2024
O maior correctivo sufrido polo PP aplicáronllo en Laza, onde perdeu case o 40 por cento dos votos do 2016

O BNG revoluciona o mapa político local na Mezquita pasando da terceira á primera forza nunhas autonómicas

Os populares perderon, na localidade de Laza, case 4 de cada 10 votos dos obtidos no 2016. No concello de Monterrei, onde as manifestacións de Albarellos pronosticaban caída libre para Feijóo, os resultados do PP foron os segundos mellores da comarca, despois de Oímbra. Tamén en Monterrei, o BNG experimentou o máximo ascenso de toda a comarca de Verín, un 189,13%, e situouse como segunda forza. Pero foi Rafael Pérez o que deu a badalada no concello da Mezquita: o BNG experimentou un ascenso do 221,05 %

Rafael Pérez, o rexedor da Mezquita, o pasado domingo exercendo o seu dereito ó voto.
Rafael Pérez, o rexedor da Mezquita, o pasado domingo exercendo o seu dereito ó voto.

A análise destas eleccións autonómicas 2020 pechouse cunha relativa estabilidade na representación do PP a nivel galego, un claro aumento dos votos dirixidos ao BNG e un descenso do PSdeG. Os veciños e veciñas de Verín semellaban incrédulos ante estes resultados, que outorgaban ao partido representando por Jiménez Morán na vila verinense a maioría absoluta no Parlamento Galego. En xeral, esta visión cúmprese tamén na comarca de Verín: o Partido Popular mantense como primeira forza, a pesar de perder votos con respecto a 2016, o BNG ascende sen precedentes e o PSdeG suma 75 novas papeletas en toda a bisbarra verinense. 

Dos 2.311 votos que perdeu o Partido Popular na comarca de Verín, 1.298 son responsabilidade dos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós. A porcentaxe de caída do PP é do 26,74%, o que significa que o partido de Feijóo perde algo máis dunha cuarta parte dos votos. Pola súa parte, o BNG ten unha análise máis positiva: os 1.910 novos votos conseguidos en todo o territorio comarcal verinense representan un incremento do 142,07% para a formación.

Concello de Monterrei

O municipio que máis sufriu a xestión de Feijóo durante as últimas semanas, non foi o encargado de outorgarlle os peores resultados aos populares. No concello de Monterrei, o PP perdeu 260 votos con respecto ás eleccións de 2016, o que correspondería a unha caída do 22,16 %. Pola súa banda, o BNG representa a segunda forza máis votada no municipio. Os galeguistas conseguiron 261 novos votos con respecto ás últimas eleccións, o que supón o maior crecemento de toda a comarca, cun 189,13%. No caso de Monterrei, a pérdida dos socialistas é reducida: o PSdeG perdeu 8 sufraxios no último periodo electoral, o que correspondería a unha caída do 3,08%. 

Concello de Castrelo do Val

O Partido Popular perdeu 91 votos no municipio de Castrelo do Val con respecto ás eleccións de 2016. A caída da que continúa a ser a forza máis votada no concello, é a segunda máis elevada da comarca, despois de Laza, cun 32,85%. En Castrelo do Val tamén perde o PSdeG: 43 son os votos cos que xa non conta a formación socialista no concello. A caída da segunda forza é menos significativa que a do Partido Popular: un 18,81%. O BNG érguese como a terceira forza no municipio: a formación galeguista conta con 75 sufraxios máis que no 2016, o que corresponde a un crecemento do 127,12%.

Concello de Cualedro

O Partido Popular, no caso de Cualedro, perdeu 217 con respecto ás pasadas eleccións autonómicas. O PP segue consolidándose como a forza máis votada no municipio, a pesar de que experimentou unha caída do 25,05% con respecto ao 2016. O BNG é o seguinte na lista, cun incremento de 79 sufraxios dende as pasadas eleccións, que lle outorga un ascenso do 183,72%. En terceiro lugar, o PSdeG mantense bastante estable: o descenso só lle custou 1 voto á formación socialista con respecto ás pasadas eleccións. Por último, o aumento máis relevante en Cualedro é o da formación verde: Vox tocou a 27 votantes na localidade. A cifra non é especialmente alarmante, pero cabe destacar que Cualedro é o concello onde a formación de ultra-dereita conseguiu máis votos en toda a comarca. 

Concello de Laza

En Laza, o partido de Feijóo perdeu 230 votos con respecto ás pasadas eleccións, o que correspondería a unha caída do 38,08% da representación. Laza é o concello que lle outorgou ao partido de Feijóo o peor descenso con respecto ás pasadas eleccións. O Partido Popular (que contaba no ano 2016 con case o 62% dos votos) representa, no novo ciclo, algo menos do 50%. En segundo lugar, o BNG conta cunha representación do 24,3%: un aumento do 173,13% dende as pasadas eleccións autonómicas (o que correspondería a 116 novos votos para a formación). En terceiro lugar, o PSdeG tamén pode falar de aumento: 45 novos votos que elevan a representación, de pouco menos do 11,6% en 2016 a case o 21% neste ano 2020. Laza é o municipio no que o PSdeG saiu mellor parado nestas eleccións ao Parlamento de Galicia cun incremento dos votos do 39,82%.

Concello de Oímbra 

O Partido Popular tamén perdeu votos en Oímbra, pero o descenso dos populares no municipio é o menos significativo de toda a Comarca de Verín. Os 146 votos perdidos da formación, corresponden a unha caída do 19,31% dende as pasadas eleccións. O PP segue sendo a forza maioritaria con máis da metade dos votos na localidade (concretamente, o 61,62%). O BNG aumentou en 103 votos, o que lle outorga 203 votos en total nestas eleccións autonómicas 2020. A formación galeguista ocupa o segundo lugar e conta cun incremento na representación do 103%. O menos favorecido en Oímbra é o PSdeG: os socialistas conseguen 5 votos máis e sitúase como terceira forza no concello. Quen sí que incremente a súa influencia de maneira relativamente significativa é Vox, que se sitúa como cuarta forza con 24 novos votos. 

Concello de Riós 

En Riós, o Partido Popular tamén perde representación: 146 son os votos perdidos no municipio, que corresponden a unha caída do 24,79%. O partido popular perdeu nestas eleccións áo Parlamento Galego, 1 de cada 4 votos en Riós. A seguinte forza máis votada é o PSdeG: Riós é o segundo concello onde a formación de Gonzalo Caballero acadou mellores resultados con 40 novos votos que supoñen un incremento do 20,41% con respecto ás pasadas eleccións. En terceiro lugar, o Bloque Nacionalista Galego chega a 70 novos votantes: case un 120,7% máis que nas eleccións autonómicas de 2016. 

Concello de Vilardevós

O descenso do PP é lixeiramente maior en Vilardevós, onde a formación perdeu 205 votos. A caída é cercana á media da comarca, cun 26,01%, pero os populares seguen sendo a forza máis votada na localidade cun 50,6% dos sufraxios. O PSdeG continúa a ser a segunda forza máis votada en Vilardevós co 32% dos votos. Os socialistas experimentaron unha caída do 8,84% nestas últimas eleccións; o que correspondería a 35 votos. O único que aumenta con respecto ás eleccións autonómicas de 2016 é o BNG. A formación ocupa o terceiro lugar por orde de representación cun 14,2% dos votos: 107 votos máis que no ciclo anterior. O ascenso da formación de Ana Pontón en Vilardevós é o máis significativo de toda a comarca, cunha porcentaxe do 187,72%.

Concello da Gudiña

Unha vez máis, os resultados no concello que preside José María Lago van na liña dos seus veciños. Perde o PP un de cada catro votos do 2016 (130 sufraxios dos 519 que tiña na anterior convocatoria), incrementan os socialista 1 de cada 5 e o BNG case duplica o número de papeletas obtidas: de 91 (2016) ós 172 deste domingo, cun ascenso do 89 %.

Concello da Mezquita

Pero foi o rexedor da Mezquita, Rafael Pérez, o que revolucionou o panorama político no seu concello, facendo que a formación da nacionalista Pontón pasase de situarse como a terceira forza política no 2016 a ser a primeira neste 2020. Os electores do municipio si souberon premiar a xestión do rexedor nacionalista e outorgáronlle a confianza con 183 papeletas, fronte as 57 do 2016, o que supón un incremento do 221,05 %. PP e PSdeG perderon arredor do 25 % cada un, baixando en 62 sufraxios os populares e 39 os socialistas.

O partido de ultradereita Vox sitúase como cuarta forza na maioría de concellos da comarca. É a primeira vez que os verinenses poden escoller a Vox para representalos no Parlamento Galego; non obstante, a formación non conseguiu acadar o 3% de representación en ningún municipio. Ademais, a formación non conseguiu ningún escaño ao nivel galego.

O BNG revoluciona o mapa político local na Mezquita pasando da terceira á primera forza...