Imprimir

Pontón pídelle a Baltar que inste aos deputados do PP no Parlamento a que voten a favor de reabrir o paridoiro

Xosé Lois Colmenero | 05 de decembro de 2019

Ana Pontón, visiblemente encinta, co doutor Eugenio Quintas e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Ana Pontón, visiblemente encinta, co doutor Eugenio Quintas e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O velorio do paridoiro do hospital de Verín segue a recibir visitas destacadas. Pouco antes do mediodía, a voceira do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, acompañada da deputada autonómica por Ourense Noa Presas, e dunha ampla representación local, entre os que se atopaban alcaldes do BNG como o da Mezquita, Rafael Pérez; o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, ou o concelleiro nacionalista en Monterrei, Alberto Rodríguez García, ademais de compañeiros de militancia na Corporación verinense como Eugenio QuintasEmilia Somoza ou Purificación Caldelas; achegábase ás instalacións do centro hospitalario da vila de Verín para manter un encontro cos representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei e os membros da Comisión Delegada do persoal.

ponton2Emilia Somoza -concelleira de Cultura en Verín-, Perfecta Losada -voceira do BNG en Oímbra-, Alberto Rodríguez -voceiro do BNG en Monterrei-, Diego Lourenzo -tenente de alcalde de Verín-, Ana Pontón -voceira nacional do BNG-, Noa Presas -deputada ourensana no Parlamento galego-, Rafael Pérez -rexedor da Mezquita- e o voceiro do BNG no Concello de Castrelo do Val, Xosé Barxa Branco.

Nunha breve comparecencia previa antes de entrar a darlle o pésame aos afectados polo peche do paridoiro no velorio improvisado diante da porta do despacho do director do hospital, Miguel Abad; Ana Pontón cualificou de "auténtica barbaridade esta medida, que non é outra que unha decisión política que vén a recortar servizos á poboación desta comarca", sinalou. 

ponton3O exalcalde de Vilardevós, José Luis Pérez García -á dereita-, foi un dos que velaron esta mesma mañá ao paridoiro verinense. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Pontón tamén anunciou que a súa formación levará ao vindeiro pleno da cámara autonómica unha iniciativa na que se pedirá que a Xunta de Galicia rectifique a decisión da clausura do paridorio e instou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a que deixe de facer política cara "a galería, teña coherencia e reclame aos deputados e deputadas o Partido Popular no Parlamento galego por Ourense que voten a favor da nosa medida".

TODA A CATIVADA DA COMARCA, CONVOCADA ÁS CINCO DA TARDE

Ás cinco da tarde a cativada da comarca será a protagonista. Todos os pequenos dos municipios aos que presta servizos o hospital de Verín están convocados a unha concentración na que apoiarán, como os seus maiores, as reivindicacións da Plataforma en Defensa de Sanidade Pública de Monterrei e da Comisión Delegada do centro hospitalario. Dende A Mezquita, o seu rexedor, confirma alomenos a chegada dun autobús repleto, aos que se sumarán de seguro moitos outros rapaces chegados dende máis cerca. 

Este xornal tamén ten confirmada a visita dun colectivo de mulleres que non deixará indiferente aos asistentes, dada a súa significación pública. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/verin/ponton-pidelle-baltar-inste-aos-deputados-do-pp-parlamento-voten-favor-reabrir-paridoiro/20191205142934004289.html


© 2020 Diario do Támega

O primeiro dixital da comarca de Monterrei