viernes. 26.04.2024
Este coruñés, candidato á presidencia por Marea Galeguista, estará este domingo en Verín

Pancho Casal: "Os que din que Feijóo foi un grande xestor da crise... Que falen cas familias dos mortos en residencias da empresaria á que el lle daba medallas"

Diario do Támega comeza a súa serie de entrevistas con candidatos á Xunta de Galicia cun dos que acaba de chegar, non ao panorama político, pero si a esa responsabilidade de encabezar unha opción de Goberno, a que el chama "a terceira vía galega".

Coñece coma ninguén a provincia de Ourense -fartouse de percorrela como xefe de mantemento das centrais hidráulicas de Fenosa- e tenlle un agarimo do que presume a Verín: "Menuda festa fixemos na vila o día que rematou a rodaxe de 'Sei quen es' no hotel de Cabreiroá".  

É o candidato á presidencia da Xunta de Galicia de Marea Galeguista

Pancho Casal
Pancho Casal é enxeneiro industrial, foi xefe de mantemento de centrais hidráulicas e produtor de cinema, ademais de parlamentario galego.

Pancho Casal estará este domingo en Verín, para visitar o centro de día Raiola e coñecer de primeira man cales están sendo as necesidades dos usuarios desa instalación municipal e das súas familias. Xa se pronunciou abertamente esixindo a Núñez Feijóo que reabran este tipo de servizos e, de seguro, o volverá a facer nas terras do val de Monterrei. 
Encabeza a que el lle deu en chamar a "terceira vía", unha Marea Galeguista que se ben en marzo desistira de volver a encher unha papeleta electoral con nomes nas catro circunscripcións provinciais, desta tiñan todos moi claro que "este cambio de época non podía permitir, nin eu o faría, que unha formación coma a nosa se puxese de perfil cando se trataba, e aínda se trata, de reconstruír un país", di nos prolegómenos da conversa. 
Ri abertamente antes de volverse máis serio cando o xornalista lle di que non se documentou o suficiente para saber que a produtora que el mesmo fundou, Continental, está detrás da rodaxe do filme "Sei quen es", gravado en grande parte no vello hotel de Cabreiroá. Lembra con moito agrado aqueles días, "o ben que o pasamos e como nos trataron", resume con énfasis. 
E é que a vida anterior deste político moderado leva dado tantos xiros crucais que de seguro perdeu boas matas de cabelo en cada un deles. Coñece a provincia de Ourense coma ninguén, de salto en salto -de augas-, como director de mantemento de centrais hidráulicas da extinta Unión Fenosa.
Logo, con dous fillos e pouco despois de superar os trinta, decide, como así lle dicía súa nai, "pagar a luz" -os empregados de Fenosa tiñan, entre outros beneficios sociais, o de teren electricidade gratuíta-. Vendo a necesidade de activar un chisco máis a industria audiovisual galega, convírtese en produtor cinematográfico. Detrás desa aposta quedan 39 nominacións aos Goya e 6 estatuíñas. Lembran vostedes "Los lunes al sol"? Si, a mellor película, entre outros moitos galardóns, dos premios do cine por excelencia españois no 2003? Pois, este candidato que hoxe se achega ás páxinas virtuais deste diario dirixía por entón a produtora que fixo a ese filme campión e éxito de público nas salas comerciais

Menudo papelón, outro máis. 

Eu sempre na miña vida peguei así apostas polo futuro. Sendo xefe de mantemento de centrais hidráulicas, un día decido que, gustándome o cine como me gustaba, hai que facer unha aposta por desenvolver unha industria audiovisual en Galicia e monto unha produtora. Agora, a aposta é de responsabilidade. Cando nas asembleas de En Marea de hai unhas catro semanas a xente me fixo ver que estabamos nun momento histórico, nun cambio de época, tiven claro que un partido, nese contexto, non pode porse de perfil e, logo de pedir voluntarios, por solidariedade e lealdade ao grande político que é Luís Villares, dixen que estaba dispoñible. Pero ollo, o fixen por responsabilidade e tamén con moita ilusión. Cando montei a produtora dixen que ía gañar un Goya e me dixeron que estaba tolo. Foron 6 e 39 nominacións. 

Defina a nova (perdón polo xogo de palabras) Marea Galeguista.

Marea Galeguista é unha aposta transversal, que vai dende o centro soberanista ata a esquerda nacionalista. A xente se pregunta que como nos podemos pór dacordo? Eu só digo que se non somos capaces de facelo nun momento coma esta, cando imos facelo?

Marea Galeguista cre que os que votan ao PP, moitos deles o fan porque non teñen outra opción válida, porque tontos non son. Ese é o noso espazo (...), o espazo dese grupo de xente que teñen en común que queren loitar por unha Galicia de futuro. 

Non é que o intúa, teño claro que se ve vostede como alternativa real.

Sei de moita xente cun sentimento galeguista moi profundo que ten moi claro que o PP non é alternativa, pero que por outra parte non ven alternativa. Eu, nestes comicios, só vexo tres opcións: Unha delas é votar ao PP, que todo siga como estaba, esquecéndose da inmensa maioría da poboación. Outra alternativa son os de sempre, os que nunca lle consiguen ganar a Feijóo e a loita é se hai un máis de Podemos, un máis do BNG, é dicir, sentar un máis no Parlamento escoitando a Feijóo pontificar. E, logo, si creo que hai unha terceira vía, unha terceira alternativa que si que quere falar con todos os galegos, que non pensa que haxa galegos bós e malos, ou que os que votan a Feijóo sexan ignorantes. Marea Galeguista cre que os que votan ao PP, moitos deles o fan porque non teñen outra opción válida, porque tontos non son. E ese é o noso espazo, o espazo dese grupo de xente, independentemente de matices ideolóxicos, que teñen en común que queren loitar por unha Galicia de futuro e que cren en Galicia. E iso é o que me motiva. 

Vaia, a ver quen lle discute a vostede que non ten opcións de sentarse no Parlamento!

Por suposto, non son un iluso. Teño claro que as alternativas a Feijóo non son suficientes, e eles o saben. O BNG está a ver se medra, e os outros están moito máis pendentes do que pasa en Madrid que do que pasa en Galicia. Isto a nós non nos vale. A Marea Galeguista é decisiva para que este país poida mudar, aínda que sexa de xeito humilde, pero mudar. Nós imos estar aí porque consideramos que hai un espazo social evidente dunha alternativa progresista, galeguista, que sepa e sexa capaz de falar con todo o mundo. 

Difícil relevo tamén, o de Villares. 

Difícil non, imposible. Foi unha mágoa que non se dera ese cambio de goberno no 2016, porque perdemos a un grande parlamentario, a un grande político que, lamentablemente para el, non foi quen de entender que na política, unha boa parte dos que a fan, non miran máis alá do seu embigo e dos seus intereses, tanto persoias como políticos. E mantívose leal ata o final, nos atizaban por todos lados, sobre todo os nosos (ri), e el nunca quería respostar. Dicía que non viñera aquí para facer ese tipo de política. Sempre representou para min a Galicia á que eu aspiro. 

Villares sempre representou para min a Galicia á que eu aspiro.

Haberá política enerxética específica nese novo Goberno con Marea como socio.

Home, esa é unha das nosas especialidades. O futuro está en cambiar toda a fisionomía da industria. Aquela que non sexa sostible non ten futuro, e iso hai que telo claro. Fai 40 anos traballaba nunha empresa da Bretaña, e xa por entón me dicían que o futuro estaba nos países que teñen vento, auga, terra cultivable, posibilidade de gandeiría extensiva, mar... e eu xa pensaba que si, que a Bretaña ten todo iso, pero Galicia tamén. Agora, a Bretaña é unha das rexións máis ricas de toda Europa e nós seguimos como estamos, e iso é o que hai que mudar.

Por onde pasa ese novo paradigma industrial?

Por facer partícipe á cidadanía. O que non pode ser é que nos parques eólicos de Dinamarca, o 15 por cento da propiedade dos parques, o 15 por cento da enerxía que xeran os parques, son propiedade dos veciños e veciñas afectados e propietarios dos terreos. Aquí está isto copado, case nun 70 por cento, por multinacionais. No sector enerxético, a xente que vive nas zonas afectadas teñen que recibir, igual que debería pasar cos embalses. Na época da República, cando se daban concesións as empresas tiñan que ceder parte da enerxía para o desenvolvemento social da comarca. Agora, seguimos igual que na ditadura. Semella o Oeste americano. Alguén chega alí, Feijóo lle da autorización, poida que contraten a alguén da zona para a construcción pero, despois, nada. Nós plantexamos, por exemplo, que todos os parques eólicos teñen que desenvolver unha comercializadora pública na zona para que as xentes afectadas pola instalacións paguen unha tarifa eléctrica moito máis competitiva. O BNG fala dunha tarifa eléctrica galega. A min dame igual que sexa galega ou de Kafarnaún, o que lle importa aos galegos é que sexa competitiva. As propostas teñen que ser favorecedoras da cidadanía, pero viables, que non choquen ca lexislación europea e haxa que agardar dez anos para mudala. 

_DRK4893 (FILEminimizer)Pancho Casal, na xuntanza con xornalistas, esta mañá de sábado en Ourense. 

Ourense gañaría logo con Marea polos seus recursos hídricos.

Por suposto, e ademais dun xeito factible, non inventado. O sector eléctrico está moi regulado. O que nos propomos, por exemplo, é que aquelas centrais que xa estean amortizadas teñen que saír do mercado e ofertar, de maneira directa, ás industrias fundamentalmente da zona, pero que daría para moito máis, contratos bilaterais a longo prazo con prezos moi competitivos. En Ourense, hai moitas desas centrais, imaxínate que as súas industrias tiveran unha tarifa que ben podería ser a cuarta parte do que pagan todas as empresas da zona, os agricultores... E, ollo, seguiría sendo rendible para a industria da produción eléctrica. O custe de produción está entre os 8 e os 12 euros por Megawatio. Ao cliente final se lle está vendendo 50 veces máis caro. Iso non pode ser. Ademais, son instalacións que se levantaron con expropiacións de terrenos en condicións tremendas na ditadura, e agora teñen que saír do mercado e facilitar o desenvolvemento real das zonas afectadas. Non pode ser que unha provincia coma Ourense non sexa un polo de desenrolo industrial potentísimo baseado nunha enerxía a custes moi competitivos. 

Non pode ser que unha provincia coma Ourense non sexa un polo de desenrolo industrial potentísimo baseado nunha enerxía a custes moi competitivos.

Non entendo entón como non se está aplicando. 

Ninguén sabe xustificar o por que non. É evidente que tanto Partido Popular como Partido Socialista queren protexer as contas de resultados das compañías eléctricas. 

Que me di das enquisas que lle volven a dar unha maioría ampla a Feijóo. 

Non me extraña. Levan en campaña catro meses con Feijóo media hora en cada telexornal, e o resto, cero. Eu, cada fago declaracións para a TVG, xa tento que non sexan máis longas de 20 segundos, e aínda así me cortan, cando antes vén Feijóo de estar uns 15 minutos. 

Feijóo leva catro meses en campaña media hora en cada telexornal da TVG.

Pois estano a presentar máis alá do Padornelo como un grande xestor desta crise. 

Pois si, que pregunten nas residencias de anciáns, nesa residencia desa empresaria á que el lle puña medallas. Nesas institucións a situación foi terrible, o 50 por cento dos falecidos foi en residencias, e o 90 por cento en residencias privadas, moitas delas en Domusvi, a entidade que xestionaba a muller á que me refería antes, con condicións penosas, sen cumprir ningún ratio, ás que as avisaban dous días antes de que chegase a inspección para que contratasen a seis ou sete eventuais e así parecese que había persoal de sobra... Tremendo, vaia. E, por certo, cando se fala de xestor... Que xestionou Feijóo na súa vida? Si, empresas públicas, que si non se chegaba a final de mes o Estado pagaba os salarios e a Seguridade Social. Pero cando el xestionou unha empresa das de verdade? O que si é é un grande propagandista. Por exemplo, lembras o da lexislatura do rural? Habería que preguntarlle á xente do rural si realmente viven mellor agora que fai catro anos, se é que melloraron os servizos sociais, os sanitarios, a educación... porque o futuro de Galicia pasa por ter servizos en todos os lados, por iso medrou a Bretaña francesa. 

Os que din que Feijóo foi un grande xestor da crise do COVID, que lle pregunten aos familiares dos anciáns desa residencia da empresaria á que el lle puña medallas. 

casal2O candidato de Marea Galeguista, o día da presentación da súa formación en Santiago. 

Onde está logo o futuro desta terra?

Pois non está en cousas raras, está nas nosas potencialidades. O rural, a súa agrogandeiría, a innovación e investigación no sector desa produción primaria, aí está. A alimentación sustentable vai a ser a punta de lanza desa nova realidade ou normalidade. A xente vai a demandar produtos de calidade, con garantías sanitarias, de procedencia, que estean producidos de maneira sostible. E todo iso o cumple Galicia. O señor Feijóo e o seus burócratas non cren en Galicia. Eu tiven moita relación, cando gobernaba, con Fraga Iribarne, e aínda que as miñas ideas estaban totalmente enfrontadas ás súas, si recoñecía nel que tiña un proxecto de país; que si, que era o contrario do que eu pensaba. Pero estes, Feijóo e os seus, non teñen proxecto de nada, están por manter os seus intereses e manterse no poder. Mesmo así mo dicía unha deputada deles de Ourense: "Mira que disto vivimos moitas familias". Os intereses de Galicia e dos galegos non están entre as súas prioridades. 

Neste repasiño que lle estamos dando á súa proposta, non pode faltar o da sanidade. 

Si, e vós o vivístedes moi de cerca en Verín cando quixeron pechar o paridoiro. Nin os máis liberais recalcitrantes poden non defender que a sanidade, a dependencia, os servizos sociais, a educación... teñen que ser públicas. Xa que falamos da primeira, a atención primaria na sanidade ten que ser clave, decisiva, e hai que facer unha grande aposta por ela. O problema en España non foi por os hospitais, foi porque a atención primaria estaba totalmente abandonada. Non se pode entender un rural, agora que se fala moito do teletraballo, sen 200 megas de conexión á porta de cada casa e unha atención sanitaria primaria de calidade, porque será ela a abandeirada das outras moitas loitas contra pandemias que poidan vir. 

Non se pode entender un rural, agora que se fala moito do teletraballo, sen 200 megas de conexión á porta de cada casa e unha atención sanitaria primaria de calidade

Volveume a centrar o balón da dependencia por segunda vez...

Sanidade... Dependencia... Non deixan de ser coidados, e aquí é onde hai que comezar a falar tamén de feminismo. As que nos coidan son as mulleres, iso ten que cambiar, pero mentres non cambie radicalmente, o que hai que facer é recoñecelo. Un dos nosos eixos da proposta global da Marea é pór en valor ese traballo, o traballo desas mulleres, e conseguir que a igualdade absoluta a nivel laboral e que o recoñecemento salarial e social desas traballadoras que nos coidan esté garantido. 

E chega agora o día de formar un goberno progresista o 13 de xullo. Os galegos non tivemos moi boa experiencia niso. Cales serán as esixencias da Marea?

Mira, o que temos claro todos os que integramos Marea Galeguista é que nós estamos moi por enriba de todo iso, nós non imos a esixir postos, nin liberados... O que imos a esixir é que non pase o que pasou no bipartito. Iso de repartir o Goberno a un reino de taifas non pode ser, non se pode repetir. Se a Marea é decisiva, aí si que imos ser moi esixentes. Hai que pensar no que beneficia ao país por enriba do que beneficia ao partido, e sei que o van a entender. 

O que imos a esixir é que non pase o que pasou no bipartito. Iso de repartir o Goberno a un reino de taifas non pode ser, non se pode repetir.

Ou sexa, que un cheque en branco de Marea...

Non, non tanto así. Só poremos unha condición, que o Parlamento ten que estar vivo. Como se únicamente goberna un partido, pero o Parlamento de Galicia ten que cumprir coa súa función. Non pode ser que un Goberno faga o que lle dea a gana, como pasou nestes últimos 11 anos e o Parlamento non sirva para nada. Eu presentei unhas 1.500 propostas non de lei, aprobáronme, non sei, unhas 15 desas 1.500. Pois ningunha desas 15 o Goberno de Feijóo, aínda que se aprobaron por unanimidade, as puxo en marcha. O debate ten que pasar ao Parlamento e o Goberno ten que ser un reflexo do Parlamento, goberne quen goberne. Non estaremos nas loitas de poder, porque non viñemos a iso á política, pero si que temos claro que a nosa participación vai ser decisiva, porque somos os que lle podemos quitar a maioría absoluta ao PP. 

Pancho Casal: "Os que din que Feijóo foi un grande xestor da crise... Que falen cas...