Agárrate saxo
Moitas persoas non entenden que para un músico o feito de tocar é unha necesidade vital. É algo tan básico coma o respirar, é unha maneira máis de dicir se estás triste ou se estás contento ou se, simplemente, non estás.
O meu primeiro recordo de Vicente é moi antigo, tres ou catro anos tería eu. Un 3 de maio en Berrande, festa de tarde no ''eido do concello''. Unha charanga ameniza os postres e comeza un pequeno baile que fai lucir, máis se cabe, as galas da festa que arrincaba mentres os meus avós se afanaban en pór cafés e copas de ''Soberano''. No medio el co seu saxofón. O Vicente de Terroso e a Charanga das Penas Ceibes. Daquela no meu interior xa se remexía algo ao escoitar música en directo, podería explicalo de mil maneiras pero, en esencia, escoitar aquelo facíame feliz. O vaivén dos valses e dos pasodobles arremuiñando ao redor da charanga mentres Vicente no centro suxeitaba o seu eterno saxofón é un deses recordos felices da nenez que hoxe teño especialmente presente.
Non moito máis tarde un curmán maior comeza a aprender a tocar a gaita con Vicente; porque si, Vicente, aparte de ser un músico excelente, tocaba e construía gaitas. Esa foi primeira gaita que se pousou nas miñas mans, unha gaita construída por Vicente. Ao longo da súa vida ensinou música a centos de persoas, con máis xenerosidade que interés e con máis paciencia ca un santo en máis dalgún caso.
Nestes tempos nos que a cultura está a pasar por momentos duros e difíciles é máis necesario ca nunca remarcar a importancia de xente coma Vicente. Heroes anónimos na maior parte dos casos que adican a súa vida á noble arte da docencia musical, en moitos casos a cambio de nada.
Marcha unha persoa, na opinión do que escribe, boa e xenerosa. Un músico excelente, deses que tocaron aos dous lados da raia xuntando dous países coa música. Un artesán autodidacta de gaitas.
Sempre considerei que o oficio de músico é moito máis ca tocar un instrumento. É ser quen de levar a alegría ata o mesmo fondo da alma do teu público, e Vicente tiña esa capacidade e esa responsabilidade. A música hoxe está triste porque o saxo de Vicente xa non vai facer que un cativo de 5 anos quede fascinado, e soñe que ao mellor algún día chega a encher estadios coa súa música.
Hoxe hai verbena aló onde estés querido Vicente, e non me cabe a menor dúbida de que xa estás afinado e listo para empezar. Que a terra che sexa leve. D. E. P.