Imprimir

Unha quedada para coller patacas e un xantar deixan alomenos catro contaxiados en Riós e Castrelo do Val

Diario do Támega | 02 de setembro de 2020

Centro de Saúde de Riós. | FOTO: Recuperada.
Centro de Saúde de Riós. | FOTO: Recuperada.

Os catro afectados, polo momento, son da mesma unidade familiar: tres mulleres de 44, 74 e 77 anos idade e un home de 80. O gromo afecta aos Concellos de Riós e Castrelo do Val, na súa localidade de Monteveloso.

 

Fontes do Servizo Galego de Saúde informan da existencia dun novo gromo familiar en Riós que afecta a catro persoas: tres mulleres de 44, 74 e 77 anos de idade e un home de 80.

Os afectados xa se atopan en illamento nas súas vivendas, na aldea de San Pedro de Trasverea pertencente á parroquia de Trasestrada, no concello ourensán de Riós, e tamén na de Monteveloso (Castrelo do Val).

Os equipos pertinentes continúan a facer o rastrexo dos contactos desta unidade familiar e os contaxiados están en seguemento domiciliario por parte dos profesionais do seu centro de saúde. 

Unha celebración familiar previa e tamén posterior á colleita de patacas por parte dalgúns dos infectados están detrás do nacemento do novo gromo coñecido na comarca, aínda que todo indica que foi un caso importado dende a capital ourensá o que provocou o resto dos contaxios. 

Segundo informou o alcalde do Riós, Francisco Armando Veiga, "aínda que o Sergas atribuíu o foco ao Riós, porque en efecto está unha persoa confinada na aldea de San Pedro, todo fai indicar que o contaxio, aparentemente, vén de Monteveloso, onde tamén residen parentes da muller contaxiada no noso municipio", apunta o rexedor. "É certo que se reuniu a familia para coller patacas pero sospeito que a comida posterior ou mesmo a xuntanza que se celebrou en Monteveloso tivo moito que ver co posible contaxio, que deriva dun caso importando, como todos os que se están a sufrir na comarca", precisa o alcalde do Riós. 


Veiga Romero tamén confirmou que xa deu indicacións aos veciños de San Pedro de Trasverea para que permanezan, na medida das súas posibilidades, nos seus domicilios.

Dous casos novos na vila de Verín

Seis son, polo de agora, os novos casos rexistrados nun só día na comarca. Aos catro que se reparten entre os municipios de Castrelo do Val e Riós, engadenselle dous máis na vila de Verín, un home de 41 anos e un neno de tan só 5. 

 

 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/rios/novo-gromo-familiar-afecta-catro-persoas-rios/20200902190259010722.html


© 2020 Diario do Támega

O primeiro dixital da comarca de Monterrei