jueves. 18.04.2024
A candidata por Ourense estivo acompañada da voceira nacionalista en Europa, Ana Miranda

Noa Presas: "Veño a Verín para garantir que o BNG, dende o 12 de xullo, non lle dará as costas a Portugal"

Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense ao Parlamento de Galicia; Ana Miranda, voceira da formación nacionalista en Europa; Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín e a concelleira de Oímbra Perfecta Losada, visitaron a fronteira con Portugal -que abre dende o vindeiro 1 de xullo- e o cauce do Támega ao seu paso polo Concello que preside Villarino Pardo. Ao seu carón reivindicaron unha mellora nas relacións de Galicia co veciño país luso e tamén das condicións do río camiño del

Dende a esquerda: Perfecta Losada, Ana Miranda, Noa Presas e Diego Lourenzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Dende a esquerda: Perfecta Losada, Ana Miranda, Noa Presas e Diego Lourenzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas; a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda; e o tenente alcalde da vila de Monterrei, Diego Lourenzo, visitaron o paso fronteirizo da Eurocidade Chaves-Verín este martes, nunha das primeiras actividades da precampaña electoral da formación nacionalista. Presas e Miranda destacaron o papel de Verín como exemplo de mobilización social reivindicando o dereito a unha sanidade pública e reafirmaron o seu compromiso de non darlle as costas ás relacións con Portugal para comezar a construír outra realidade galega dende o vindeiro 12 de xullo. 

Presas comezou explicando a importancia do BNG nas institucións poñendo como exemplo a labor da compañeira de organización, Ana Miranda, no Parlamento europeo “levando os intereses de Ourense a Bruxelas: tanto na limpeza dos ríos, o Alvia ...”. Asemade, comprometeuse a que "a partir do 12X non lle daremos as costas á relación con Portugal" promovendo o desenvolvemento socioeconómico. "Estamos nun lugar onde hai un forte intercambio económico e social que agora se está vendo moi prexudicado co peche das fronteiras", destacou a candidata por Ourense.

"Non é lóxico que houbera discrepancia entre Estados para abrir as fronteiras segundo os intereses particulares", continuou explicando. "Ten que aplicarse unha normativa única para todos os Estados membros e sobre todo para os máis afectados polo coronavirus. Non é normal que en Bélxica estean desde o principio os parques infantís abertos e aquí non se abran as escolas infantís”, criticou a portavoz do Bloque en Europa.

Por outro banda, a voceira do BNG en Europa fixo referencia á loita mantida na comarca a prol do paridoiro "como exemplo de resistencia nunha provincia que presenta un grave problema de despoboamento. Nada é máis digno que reivindicar un lugar para nacer".

Negociacións en Europa cun goberno galego propio

Nesta crise do coronavirus víronse como en moitos casos a mellor cara das persoas e moitas institucións, mais a formación nacionalista engadíu que tamén se ten exemplos do contrario. "Vimos a sombra desa Europa insolidaria, neoliberal e ao servizo de intereses de determinados países por riba do colectivo como amosou o debate respecto da posibilidade dos coronabonos", engadiron desde o BNG. Nese sentido, a deputada sinalou que a nivel europeo vai haber mudanzas en cuestións orzamentarias como a propia Política Agraria Común (PAC) ou os Fondos de Cohesión.

"Precisamos un goberno galego sen ataduras, que faga o que non fixo Feijóo nestes 11 anos, que marque posición nos grandes temas obedecendo exclusivamente ao interese de Ourense e de Galiza", afirmou Presas. Para a candidata do BNG non se pode confiar a negociación da letra pequena do noso futuro "aos mans dos recadeiros de Casado, de Sánchez ou de Iglesias. Con este motivo, o BNG preséntase como a garantía de facer valer Galiza e Ourense nas negociacións que veñen no futuro", dixo Presas Bergantiños. 

"Presentámonos a estas eleccións co aval do traballo da incansábel Ana Miranda ao longo destes anos no Parlamento Europeo, sendo a voz dos intereses de Galiza", destacou Presas enumerando as reivindicacións máis destacadas que o BNG levou á cámara europea: limpeza dos ríos, a procura da verdade e xustiza para o caso Angrois, a solución das preferentes, as denuncias das emigrantes retornadas...

As representantes nacionalistas estiveron acompañadas nesa visita por Perfecta Losada, voceira do BNG no Concello de Oímbra, e unha das que acudira a Europa para loitar, entre outras, pola causa do Támega e o seu abandono ao seu paso polo municipio que preside Villarino Pardo.

 

Noa Presas: "Veño a Verín para garantir que o BNG, dende o 12 de xullo, non lle dará as...