Foi un pleno de trámite, pero non de extraordinaria importancia. Na sesión desta mesma mediodía no salón do Concello de Monterrei, extraordinaria e urxente logo das riadas do pasado luns 8 de xullo, todos os grupos que constitúen a Corporación (Partido Popular, Veciños de Monterrei e BNG) acordaron instar ao Goberno central a que declare de xeito oficial a zona de emerxencia con carácter de urxencia e poder acollerse así a todas as axudas que dende o Estado estean a disposición para este tipo de catástrofes naturais.
Ademáis desa solicitude, o plenario acordou tamén coa mesma unanimidade solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense tanta axuda como financiamento sexan precisos para paliar, na medida do posible, os danos e o impacto das consecuencias da treboada da tarde do luns.
Tamén os tres grupos da Corporación requerirán ás dúas mencionadas institucións que se estuden as posibles accións de apoio a unha das actividades primordiais do Concello de Monterrei, que non é outra que a vitivinícola. Así, no acordo deste mediodía, dende o Concello de Monterrei se insta á Xunta e á Deputación para que habiliten diferentes liñas de axuda e beneficios fiscais para aqueles produtores que se viron afectados pola inxente tromba de auga do luns.
Non faltou tampouco unha petición expresa para que o ente autonómico interceda polo Concello de Monterrei perante a Confederación Hidrográfica del Duero e "tome as medidas oportunas relativas á limpeza, roce e mantemento dos leitos dos ríos, regatos e canles no municipio", reflicte o acordo.
AVALIACIÓN DE DANOS
O alcalde, José Luis Suárez Martínez, fixou, de xeito inicial, en 1,5 millóns de euros os danos ocasionados en infraestruturas públicas, como poden ser o mobiliario urbano, estradas, camiños rurais, pistas forestais, redes de abastecemento, saneamento, depuración, iluminación pública ou zonas verdes. Ao anterior, como así explicaba o rexedor na lectura do acordo, "haberá que sumarlle os gastos en limpeza e retirada de entullos".
No caso dos particulares, as perdas son cuantiosas, tanto no que a vivenda e enseres se refire, como tamén a aqueles ocasionados nas producións agrícolas, "un importe que é a día de hoxe imposible de valorar ao estar aínda os veciños facendo o reconto de perdas e estaren éstas pendientes de comunicar ao Concello", apuntou o primeiro edil de Monterrei.