miércoles. 24.04.2024
xuntanza1
O patio da fortaleza de Monterrei, diante do pazo das Damas, volveu a encherse para a ocasión.

Non hai edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros no castelo de Monterrei que non sexa un éxito de convocatoria. Un ano máis, e van xa 34 dende que o anterior rexedor José Luis Suárez Conde -presente este sábado en todo o evento- o iniciase, o patio da fortaleza rexistrou un cheo total de público, aínda que as condicións climatolóxicas reinantes non eran as mellores. As de onte, moi desapacibles por mor do vento que zoaba dentro e fóra do recinto e que complicaba, e non pouco, a posta en escena dos diferentes convidados, como o caso da eurovisiva galega Lucía Pérez.

alcaldemonterreicopaiJosé Luis Suárez (pai e fillo, exalcalde e rexedor actual do Concello de Monterrei), presenciando o concerto no patio do castelo.

Aínda que o prato forte desta nova edición tivo lugar pola tarde, dende as 19,00 horas co rosario de actuacións das diferentes agrupacións e solistas nacionais e internacionais -ademais dos artistas convidados-, a xuntanza comezou xa pola mañá cunha exposición de gaitas procedentes dos países eslavos no Hospital do Peregrino, no castelo de Monterrei, que poderá visitarse ata o día 15 de xullo de 2019 en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,30 horas, de mércores a domingo. O acto de inauguración estivo acompañado, dende as 12,30 horas, cunha conferencia sobre a orixe dalgúns dos instrumentos que pola tarde participarían no concerto. Os asistentes poideron coñecer as peculiaridades dunha gaita escocesa, pastoril europea, eslava, ou dunha musette barroca. Estiveron tamén na ilustrativa charla Nadia Vázquez -quen amosaría a súa destreza co punteiro na sesión musical vespertina-, ou David Bellas, quen falou das cuestións de carácter técnico na gaita galega.

TRES HORAS E MEDIA DE MÚSICA EN DIRECTO

Pero foi pola tarde, dende as 19,00 horas, cando a XXXIV edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, evento declarado de Interese Turístico e Cultural, reuníu no castelo de Monterrei a músicos de Galicia, Bélxica, Croacia, Escocia e Alemaña, ademais dos máis próximos. Por suposto, a interpretación sempre máis agardada foi a da Real Banda de Gaitas de Deputación de Ourense, aínda que non menos aplaudidas foron as intervencións de Banda de Gaitas Nova Era de Verín, o Coro Aimil de Xinzo, o grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, a agrupación musical do Concello de Riós, os Gaiteiros de Flariz, ou a Banda de Gaitas do Concello de Verín. Como solistas, alí estiveron, Julia Bailón -cantareira da Magdalena, en Monterrei-, Nadia Vázquez, David Bellas ou a actuación convidada da cantante galega Lucía Pérez, acompañada polo seu irmán Xabier Vizcaíno.

A achega internacional correu de man de Jean Pierre van Hees, de Bélxica; Mihael Emanuel Veckovic, de Croacia (achégase fragmento da súa actuación); os escoceses Scott Figgins e Chloe Elisabeth Taylor, e o dúo alemán Liesa & Ulrich Künzelman.

Un ano máis, coincidindo cos da existencia da Escola de Gaitas de Deputación de Ourense e como así manifestou o seu director presente en todo no momento nesta XXXIV edición, "Monterrei foi, unha vez máis, a capital mundial da gaita, cu evento consolidado e de grande difusión, pois por el teñen pasado artistas moi destacados da música étnica", sinalou Xosé Lois Foxo.

xuntanza2

Monterrei, capital mundial da gaita por un día