sábado. 20.04.2024
Organizacións sociais da comarca desenvolverán numerosas iniciativas co obxectivo de crear conciencia igualitaria

Verín centraliza as actividades en contra da violencia machista e da loita pola igualdade de xénero

Se ben o acto central será o vindeiro luns 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a bisbarra acolle ó longo de todo o mes numerosas actividades en prol da igualdade. Conferencias, documentais, accións formativas, exposicións, obradoiros nas escolas, contacontos e mesmo unha cacerolada para berrar ben alto "A fortaleza das mulleres".

FEMURO2019_actividades25N_loitaEstamosEnPé
Novembro será o mes da igualdade na comarca de Verín.

#VerínContraViolenciasMachistas debería ser o hashtag máis usado non só neste mes de novembro, tamén ó longo de todo o ano. Para deixalo ben claro, diversas asociacións e entidades da comarca teñen organizado un mes de novembro ben cheo de actividades reivindicativas en contra da violencia exercida contra as mulleres polo feito de ser mulleres. Accións co claro fin de concienciar á sociedade da bisbarra da necesidade de camiñar cara a igualdade de xénero.

O acto central reivindicativo será no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro. Día no que se convoca a tradicional concentración comarcal en contra da violencia machista na Praza do Concello de Verín, a partir das 20:30 horas. Un acto no que, ademais da lectura do manifesto de rexeitamento da violencia contra as mulleres, haberá unha mesa informativa sobre os recursos comarcais neste eido.

Por primeira vez, a Marcha Mundial das Mulleres estará presente na vila. Acaban de organizar o seu grupo de Verín e convocan á veciñanza a participar nesta concentración do 25 de novembro cunha gran cacerolada para berrar ben alto a necesidade de rematar coa violencia machista e patriarcal exercida contra as mulleres.

25N2019_cacerolada marcha mundial das mulleres

A Marcha Mundial das Mulleres-Verín fai un chamamento á participación na concentración contra a violencia machista o 25 de novembro.

A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento de accións feministas que reúne a distintos grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres a nivel mundial. O movemento chega a Verín con intención de quedarse e loitar en prol dos dereitos das mulleres e da igualdade.

Non é a única organización que participa. A recén creada Asociación Feminista Nosas, FEMURO, Cruz Vermella, Portas Abertas, diversos centros educativos e o CIM (Centro de Información á Muller) tamén estarán presentes na concentración reivindicativa do 25 de novembro. Tódalas entidades uníronse, traballando en conxunto cun obxectivo común: a loita pola igualdade e o fin da violencia de xénero. 

DOCUMENTAIS, CURTAMETRAXE E CONFERENCIA

Este ano o cine será o nexo común para moitas das actividades programadas. Este xoves, 21 de novembro, a Casa da Cultura de Verín acollerá a proxección da documental "Having it all" (Telo todo) en versión orixinal con subtítulos. Logo do visionado, haberá unha charla sobre maternidade e carreira profesional, un dos grandes dilemas ó que se teñen que enfrontar as mulleres que si queren ser nais como consecuencia da desigualdade de dereitos laborais e da concepción patriarcal e machista da crianza de fillos e fillas. Será a partir das 20:00 horas, con entrada libre. 

25n2019_docuA documental "Having it all" (Telo todo) analiza o conflito entre maternidade e carreira profesional.

O propio día 25 de novembro será o Auditorio de Verín o que acolla a proxección doutra documental: "Girl rising". Desta vez, pensada para o alumnado de ESO e Bacharelato dos centros da comarca. Dende as entidades organizadoras pensan que é importante a reivindicación, pero máis a concienciación e a formación. Por ese motivo, dende FEMURO están desenvolvendo obradoiros de sensibilización sobre igualdade e violencia de xénero nos distintos colexios e institutos de Verín.

"É fundamental implicar á xuventude e facela máis consciente da necesidade da educación en valores igualitarios, de respecto e de rexeitamento cara todo tipo de violencias, e máis concretamente, cara a violencia de xénero", subliñan dende FEMURO. Son obradoiros nos que, adaptándose ós niveis educativos do alumnado, se tratan temas como a igualdade de oportunidades, a violencia de xénero e o acoso sexual. Sempre, a través de diversas actividades que fagan partícipes ós e ás estudantes, como son os contacontos.

É fundamental implicar á xuventude e facela máis consciente da necesidade da educación en valores igualitarios.

Xa cara finais do mes, dende o CIM organizan a proxección da curtametraxe "Invisibles" que se poderá ver na Casa da Cultura de Verín o día 29 de novembro ás 20:00 horas. É o inicio da conferencia sobre "Prostitución, lecer e negocio machista" que contará coa presencia de Amelia Tiganus, activista abolicionista que narrará a súa experiencia dentro do sistema da prostitución e a súa loita na defensa dos dereitos da muller.

EXPOSICIÓN "FOI UNHA MULLER"

O Centro de Información á Muller da Mancomunidade tamén organiza unha exposición artística reivindicativa que se poderá ver nas rúas de Verín ata o 18 de decembro. Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, celebrado o pasado 10 de novembro, dende o CIM queren achegar a ciencia á comunidade a través dunha exposición que reivindica o papel das mulleres científicas.

CIM2019_mesdasmulleres_mulleresEmprendedorasCienciaA exposición "Foi unha muller" permanecerá nas rúas de Verín ata o vindeiro 18 de decembro.

Baixo o título "Foi unha muller: mulleres emprendedoras no eido da ciencia e da tecnoloxía", a exposición pretende dar visibilidade ás mulleres científicas. Non sempre coñecidas e case sempre solapadas polos científicos homes, as mulleres tamén forman parte dos logros acadados pola ciencia e a tecnoloxía. Nesta mostra, repasarase a historia de 10 mulleres científicas que cambiaron a historia.

Logo de estar nas rúas de Verín, a exposición vai rotar polos 7 concellos da Mancomunidade.

Verín centraliza as actividades en contra da violencia machista e da loita pola...