Xoves. 28.03.2024
Ana María Villarino repasa os seus primeiros catro anos de goberno local

"Ninguén me veu traer ningún euro ao Concello de Oímbra sen que antes o fose pedir"

No vindeiro mes de maio someterase, como o resto de rexedores do país, ao sufraxio dos seus administrados. Ana María Villarino estrea a quenda de entrevistas previas á convocatoria municipal facendo un extenso resumo de todas as políticas que capitaneou no seu concello, onde o patrimonio, a viticultura, o agro e o apoio aos autónomos que se implantasen no municipio tiveron un especial protagonismo.

Ana María Villarino Pardo, no seu despacho da casa consistorial.
Ana María Villarino Pardo, no seu despacho da casa consistorial.

Ana María Villarino Pardo conclúe, o vindeiro mes de maio, a que será a súa primeira lexislatura como alcaldesa do municipio que a viu nacer. Foi vítima da crítica máis foribunda cando se coñeceu a súa candidatura logo de ocupar escano no banquiño da Corporación durante oito anos. É filla de quen é, Alfonso Villarino, “de quen aprendín moito, meu pai era alcalde dende que eu tiña os seis anos, pero teño que recoñecer que aínda que de cando en vez lle pido consellos, foi quen de saber manter as distancias coa miña xestión”, asegura. Traballa moito, “non o digo eu, dino ata os da oposición, porque non poderán negar que eu me adico a este concello e aos seus vecinos as 24 horas do día os 365 días do ano –agás un breve periodo de tempo que lle da para viaxar e coller folgos-“ e coñeceu, nesta primeira etapa, unha das facetas máis ingratas que as responsabilidades de goberno municipal obrigan aos seus titulares, estar a carón dos seus administrados naqueles primeiros días de setembro de 2016, onde as lapas arrasaron unhas 2.000 hectáreas de monte no seu municipio e obrigaron a manter en alerta a varias das localidades do mesmo polo perigo de lume. Ponlle un dez á Deputación, “non me negou nada do que lle pedín”; aproba cun notable “moi alto” á Xunta de Feijóo e conclúe esta entrevista sinalando que a mellor campaña política que se pode facer “é estar ao lado dos veciños durante os catro anos”.

O Entroido e a Semana Santa case nos sitúan xa en precampaña das municipais, con independencia do traballo que tamén haberá que facer antes para as lexislativas. Seguro que xa ten preparado o balance do que foron estes catro anos.

Teño, e hei de dicir que foi unha experiencia moi positiva. Sabía moi ben onde me metía, aínda que si podo asegurar que é moi distinto ser concelleira a ter responsabilidades de alcaldesa. Adícome todos os días, a todas horas a isto, e creo que nesta lexislatura se conseguiron cousas moi importantes para este concello, como foi, por exemplo, a aprobación do plan xeral de ordenación municipal, unha ferramenta moi importante pese a que implica algún que outro atranco á hora de poder planificar.

Pero, sei que non foi o único ámbito no que se traballou dende o goberno municipal.

De seguro. Neste concello non temos que inventar demasiadas cousas, non vou a dicir que é suficiente, pero si que unha grande parte do noso programa político estaba e estará encamiñado a aproveitar o que temos. Se os nosos recursos son a horta, o viño e a castaña, temos que facer todo o posible para tratar de posicionalos no mercado e darlle maiores oportunidades aos nosos produtores. Ademais, tamén quixemos aunar a viticultura co patrimonio, rescatando o valor histórico dos lagares rupestres, non só coa recuperación dos mesmos –somos o Concello de Galicia con maior densidade deles-, senón tamén coa posta en marcha dun proxecto pioneiro de realidade aumentada da man da Deputación de Ourense, que agardamos podelo presentar este mes e que convertirá ás botellas das nosas oito bodegas da Denominación en embaixadoras do noso municipio.

alcaldesa nun lagar

Todo o anterior, sin esquecer o apoio e a búsqueda incansable de novas oportunidades para os produtores da nosa horta e baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida do noso pemento.

Intúo que é sinxelo xestionar un concello coma éste.

Este concello diche por ónde ir, o propio territorio che indica o camiño. Pero tampouco se desatenderon as necesidades máis básicas dos nosos veciños. Traballamos moitísimo no abastecemento, no saneamento… Sen ir máis lonxe, arestora estanse invertindo uns 170.000 euros na depuradora de Oímbra contando co apoio de Augas de Galicia. Pero tamén se melloraron moitos abastecementos e saneamentos en pobos, a medida que se ían reformando algunhas das súas prazas. E, todo o anterior, mantendo o gasto tan destacado que temos en Dependencia. Nesta lexisltura triplicáronse as horas que se prestan no Concello, o que nos supón un pago anual por este capítulo de 235.000 euros. A escola infantil ou o centro de día tamén consumen, dos recursos municipais, un tercio das súas necesidades anuais, que evidentemente debemos asumir.

"Este concello diche por ónde ir, o propio territorio che indica o camiño"

Por iso que é fácil atopala na A-52, de tanta viaxe a Ourense e Santiago.

É que se non se busca financiamento doutras administracións...!, nós non temos capacidade de inversión, a inversión temos que buscala fóra. Revisando a xestión dos últimos catro anos, entre 800.000 e un millón de euros chegan de media anual para invertir no municipio doutras administracións, que case se equipara ao que temos de orzamento para todo o ano no Concello. E si, viaxo moito, peto en moitas portas, volvo a petar porque o que si digo é que ninguén me veu traer ningún euro ao Concello de Oímbra sen que antes o fose pedir, e iso tamén é labor do Goberno municipal.

alcaldesa con Mato

Pois veña, que os lectores e veciños lle poñan a nota. Pero vostede póñalla á Deputación e á Xunta.

Á deputación, sería inxusta que non lle puxera un dez. Sempre que fun con algo do Concello de Oímbra, que sempre foi razonado e fundamentado, sempre se me dixo que si. Pido o que necesito e do que son capaz de xustificar a súa necesidade, non me dixo –por Manuel Baltar- que non a nada.

"Sería inxusta se non lle puxera un dez á Deputación no apoio que sempre prestou a esta Corporación"

O notable para a Xunta, entón?

Un notable moi alto, fundamentalmente ás consellerías coas que máis temos traballado nestes últimos catro anos, que foron as de Medio Ambiente e Medio Rural.

Seguro que algo quedou por facer.

Moito, queda moito por facer. Iniciamos, por exemplo, o proxecto das vivendas sociais. A Deputación financiou a adquisición dos terreos e a elaboración do plan especial preciso para o seu desenrolo. Arestora, a pelota está no tellado da Xunta para os pertinentes informes e autorización. Logo virá outra batalla, que será a de urbanizar. Son iniciativas que levan moito tempo, e que sempre se atopan cos propios atrancos deste tipo de xestións, e é algo que ás veces non se lle explica convenientemente aos veciños. Os trámites son lentos, ás veces demasiado, e non queda outra que estar sempre moi pendiente e insistindo no seguimento das propostas para as que se solicita financiación.

Tamén estamos traballando na urbanización do solo empresarial, como dicía anteriormente, son expedientes moi farragosos... E cando falamos da Confederación Hidrográfica, entón xa fai falta un ano de media mínimo. Precisamente a esta institución si que non a podo aprobar, sempre son boas palabras pero os expedientes eternízanse nos seus despachos.

Abofé que a queixa creo que é común ao resto dos seus homólogos da comarca. Cal é motivo dese desecanto?

É sinxelo, son lentos. Pero sono para os informes e autorizacións, porque a garda da Hidrográfica, a esa si que lle poño unha moi boa nota. Fai moi ben o seu traballo. Un expediente dunha obra para ser informado pode botar meses ou incluso un ano, iso si, como metas unha máquina nun regato, aparecen de seguido e a sanción no tarda en chegar. Debe ser que idiomáticamente non nos entendemos.

Que ámbito lle deu máis dores de cabeza?

O río, pola impotentcia de non poder facer nada, é triste que non se ten avanzado nada. Topamos co muro da Confederación, que nin fai nin deixa facer. É unha verdadeira mágoa que o río estea así, creo que é o único ámbito onde teño que recoñecer que non se avanzou na solución dun problema.

Sen pregúntalo, apostaría a que atino afirmando que as lapas daquel 2016 lle fixeron pasar o peor momento desta lexislatura.

Si, sen dúbida, o seis de setembro de 2016 non se me esquecerá nunca, o que menos podes esperar é que en 12 horas poidan arder 2.000 hectáreas nun concello pequeño. Todo o que se podía por mal ese día, púxose mal. Un vento horrible, unha humidade altísima, moita calor… Creo que eses días de absoluta desolación e os das xeadas de abril do 2017 foron as dúas datas que quedarán marcadas no meu calendario.

"O seis de setembro de 2016 non se me esquecerá nunca, o que menos podes esperar é que en 12 horas poidan arder 2.000 hectáreas"

Precisamente, logo dese lume, xurdiu o proxecto entre os concellos da raia e a Deputación.

Si, é un proxecto pioneiro onde os concellos de un e outro lado pedimos a Europa que nos dé ferramentas para poder traballar, non pode ser que dous países limítrofes non poidan actúar de maneira conxunta a un e otro lado da frontera. Agardamos poder contar con financiamento solicitado para empezar a traballar de xeito cooperativo.

Por certo, por rematar a análise, como funcionaron as políticas activas de fomento do emprego con cargo aos orzamentos municipais?

Pois, creo que dando os datos respostamos debidamente. Para min, que unha media de entre oito e dez novos autónomos se desen de alta neste concello ao ano o di todo. Foi un concello pioneiro, e está sendo todo un éxito. Temos moitas altas no sector agrícola, evidentemente, pero tamén no de servizos, como poden ser os de establecementos de hostelería ou mesmo no de axuda a domicilio, moitas mulleres que antes prestaban servizo sen cotización de ningún tipo arestora estano prestando de xeito reglado. Sempre tentamos, e dentro das nosas capacidades, tentar axudar aos veciños.

O que si son os concellos do interior incapaces de frear a despobación.

É un fenómeno ao que non nos podemos por de costas, pero non é exclusivo nin de Oímbra, Ourense ou Galicia. Europa avelléntase e, por suposto, algunhas políticas haberá que mudar. Creo que é imperioso un pacto de Estado para combatir unha despoboación que precisa de compromisos firmes que non irán dunha nin de dúas lexislaturas. No caso do meu concello, non teño dúbida de que a aposta por asentar poboación ten que ir íntimamente ligada a potenciación e consolidación do noso sector primario.

Ollemos ao futuro. Algún proxecto estrela para este 2019?

Estamos traballando na mesma liña xa comentada de manter os servicios sociais esenciais deste municipio, que o caracterizan como o mellor dotado desta comarca, pero tamén non deixamos de lado á iniciativa privada. Este grupo de goberno, moitas veces con traballo que non trascende pero que si é necesario para que os proxectos vaian adiante, colabora na implantación dunha residencia para maiores e unha nova bodega, as dúas con capital netamente privado, nos que estamos moi esperanzados.

alcaldesa con Baltar presentación candidatura 2019

Pedro Sánchez acaba de anticiparse á campaña dos rexedores locais. Resoltas as lexislativas, desembocaremos nas municipais. Xa está traballando na súa preparación?

Preparar unha campaña nun mes é un erro, o meu programa electoral será o que xa veu sendo o destes últimos catro anos: escoitar aos veciños, os meus veciños saben que estou a disposición as 24 horas do día. O 90 por cento deles teñen o meu móbil, saben que resposto aos wasap, aos messenger. Que sexamos un dos poucos concello no que funciona un servicio regular de autobús e non a demanda; que teñamos bos abastecementos e saneamentos; que lle facilitemos a búsqueda de empreso, que os apoiemos na rehabilitación das súas casas, que financiemos a adquisición de material escolar para os seus nenos, que no concello dispoñan dun completo abano de servizos sociais… A mellor campaña é estar durante os catros anos do lado dos vecinos.

"Ninguén me veu traer ningún euro ao Concello de Oímbra sen que antes o fose pedir"