Venres. 29.03.2024
matrona
A matrona do hospital de Verín, María Belén Vázquez Gómez.

A matrona do Hospital de Verín, María Belén Vázquez Gómez, vén de acadar o premio á mellor comunicación no IV Congreso Nacional de Psicoloxía co traballo “Prevalencia da depresión no embarazo: utilidade da Escala de Depresión Postparto de Edimburgo”

O documento premiado resalta a importancia que ten esa ferramenta de avaliación como instrumento para detectar sintomatoloxías depresivas no embarazo das mulleres españolas, ademais de xustificar o seu uso nesa poboación fronte a outras escalas máis xerais. 

Esta profesional sanitaria estivo tutelada por María del Carmen Míguez Varela, profesora titular do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A matrona do hospital de Verín baseouse nunha mostra de 569 mulleres cun embarazo de baixo risco, no seu primeiro trimestre, atendidas nas consultas de obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para o seguimento rutineiro da súa xestación e cun rango de idade comprendido entre os 18 e os 45 anos.

CONCLUSIÓNS DO ESTUDO

Este estudo conclúe que utilización da EPDS (Escala de Depresión Postparto de Edimburgo) durante o embarazo permite a detección temperá da presenza de sintomatoloxía depresiva e, de tratarse, poderíase evitar que se prolongase ao postparto, o cal contribuiría a mellorar o coidado da etapa perinatal. Aínda que esta ferramenta EPDS xa fora utilizada durante o embarazo en mulleres españolas, a validación da escala en España para o seu uso durante a xestación non existía, pois foi creada no seu día pensando no postparto. A conclusión final do estudo da matrona ourensá e o de recomendar que todas as mulleres embarazadas sexan avaliadas coa EPDS como parte da atención rutineira durante o embarazo.

O uso desta escala de depresión postparto durante o embarazo permite a detección temperá da presenza de síntomas depresivos

En países como EE.UU., Suecia, Malta, Australia e Escocia, a EPDS é a ferramenta central dos programas nacionais de cribado da depresión perinatal. En España aínda se está pendente de alcanzar esta situación.

O premio á mellor comunicación foi recollido pola matrona do Hospital de Verín no marco do Congreso celebrado en Vitoria-Gasteiz, que constitúe unha cita ineludible para todos os profesionais e estudantes da Psicoloxía, nas súas vertentes investigadora e profesional. A organización do certame correspondeulle á Fundación Española para a Promoción e o Desenvolvemento Científico e Profesional da Psicoloxía e o Consello Xeral da Psicoloxía de España.

O IV Congreso Nacional de Psicoloxía premia o traballo sobre a depresión das encintas...