Venres. 29.03.2024
Dende a próxima semana estará á venda a un prezo de 29 euros, na Biblioteca e no Museo do Claustro dos Mercedarios

O Concello de Verín edita unha publicación na que repasa a historia da comarca a través de 100 obxectos

O Concello de Verín mantén o seu obxectivo de divulgar, de xeito cada vez máis explícito, a historia das xentes que poboaron o municipio e a propia comarca ao longo dos tempos. Ás diferentes publicacións xa coñecidas, e como resumo documental do que contén o Museo do Claustro dos Mercedarios, súmaselle, emulando ao British Museum, a "Historia de Verín en 100 obxectos", obra de Alberte Reboreda e Nieves Amado
190822 NP CONCELLO DE VERIN- Presentación A historia de Verín en 100 obxectos
O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, sostén a publicación que sae á venda a próxima semana.

O Concello de Verín vén de presentar a obra “Historia de Verín en 100 obxectos”, unha iniciativa que pretende contar, dunha maneira diferente, a longa historia común e as particularidades dos oito concellos que forman a comarca de Monterrei a través de 100 obxectos que definen a súa identidade cultural.

A idea non é nova, parte da publicación “A history of the world in 100 objects” do British Museum, e pretende achegarnos non só ás diferentes etapas históricas, senón tamén aos aspectos da economía, á sociedade, aos ciclos festivos, aos persoeiros, á vida cotiá, ao arte..., que durante toda a existencia da vila foron facendo iso, historia da comarca. Todo isto tenta quedar materializado e recollido nun cento de pezas mobles que os simbolizan e que aparecen explicadas por Alberte Reboreda Carreira e Nieves Amado Rolán, autores do libro e perfectos coñecedores da comarca de Monterrei e da súa capitalidade.

A partir da vinderia semana, aqueles que queiran coñecer esta interesante visión da comarca poderán achegarse ata o Museo Claustro Mercedario ou a Biblioteca Municipal de Verín para adquirir o seu exemplar ao prezo final de 29 euros. 

A identidade é o factor clave na construción do noso futuro como cidade e como comarca. Con ela, teremos unha columna vertebral que nos axudará a camiñar erguidos cara o noso futuro (Gerardo Seoane).

“A historia de Verín en 100 obxectos” vén a ser a pedra mestra dun proxecto que ten como fin a recuperación e posta en valor da identidade cultural da vila e da comarca. En palabras de Gerardo Seoane, alcalde do Concello de Verín, “a identidade é o factor clave na construción do noso futuro como cidade e como comarca. Con ela, teremos unha columna vertebral que nos axudará a camiñar erguidos cara o noso futuro.” 

MOITO QUE VER E CONTAR

Verín conta hoxe en día cunha estudada oferta divulgadora dos elementos que conforman a súa identidade, dende os seus prezados balnearios ata os elementos arqueolóxicos ou enolóxicos que alberga o Museo do Claustro Mercedario. Este libro, “A historia de Verín en 100 obxectos”, é unha obra magna, erudita e accesible que pretende facer gozar aos lectores dunha achega ao noso pasado á vez que axuda a que cadaquén constrúa a súa propia lista de obxectos definitorios da súa historia e identidade persoal.

O Concello de Verín edita unha publicación na que repasa a historia da comarca a través...