Xoves. 28.03.2024
A comunidade de montes de Cimadevila, Souteliño e Laza colocou no mercado dereitos de compensación de 3.745 toneladas de CO2.
A comunidade de montes de Cimadevila, Souteliño e Laza colocou no mercado dereitos de compensación de 3.745 toneladas de CO2.

A comunidade de montes en man común de Souteliño, Cimadevila e Laza vén de anunciar a súa recente inscrición da súa masa forestal no rexistro de proxectos de absorción de dióxido de carbono (CO2) do Ministerio para a Transición Ecolóxica, cunha vixencia de 40 anos e contando coa asistencia técnica da empresa Braña. 

A rexeneración efectuada nos seus montes con piñeiro do país nunha masa forestal de 5,87 hectáreas permitiralle ofrecer ata un máximo de absorción total de 3.745 toneladas -o 22 por cento de todas as dispoñibles arestora en toda a comunidade autónoma galega- para que as diferentes administracións ou empresas adquiran os seus dereitos e así podan compensar as emisións de dióxido de carbono que produzan na súa actividade diaria. 

O propósito dos xestores da comunidade de montes é moito máis ambicioso. Para o vindeiro 2021, a CMVMC pretende incrementar a súa capacidade de absorción con 64 hectáreas máis, o que lle permitiría superar as 44.000 toneladas dispoñibles para poder ofertar aos diferentes demandantes de cotas de compensación. Esa cantidade podería supor para a entidade en man común uns ingresos anuais de case 1,3 millóns de euros, considerando que o prezo actual do mercado ronda os 30 euros por cada tonelada de CO2 que se compense

Compatible coa venda da madeira

A inscrición dunha masa forestal no rexistro de absorción do Ministerio para a Transición Ecolóxica é perfectamente compatible co seu aproveitamento forestal, polo que en realidade é un complemento sobre os ingresos normais que se esperan obter da venda da madeira ao longo da quenda de curta da masa.

O monte de Laza, Cimadevila e  Souteliño é un dos poucos de Galicia que conta na actualidade, e de forma simultánea, cos certificados de xestión forestal sostible PEFC e FSC.

Laza coloca no mercado o 22 por cento das toneladas de absorción de dióxido de carbono...