jueves. 25.04.2024
Arraigadas á Terra recolle as testemuñas dunha decena de mulleres maiores de cada concello da Mancomunidade de Verín

Iris Justo: "As mulleres desa época tiveron a vida marcada e moi poucas tentaron descarrilar"

Este domingo día 23 de agosto poderán asistir á presentación de Arraigadas á Terra, o documental dirixido pola verinense Iris Justo e que tenta achegar ao espectador como foi a vida das súas protagonistas. Será en Medeiros (Monterrei) e o aforo está limitado a 150 persoas

Iris Justo, a directora do documental Arraigadas á terra.
Iris Justo, a directora do documental Arraigadas á terra.

Será este domingo, en Medeiros e logo das 20:30 horas cun aforo limitado a 150 persoas e gardando estritas medidas de seguridade. Todo, se é que as autoridades sanitarias e administrativas, tras o coñecemento de novos surtos na comarca, non ditaminan o contrario. A esa hora terán os asistentes -tamén as súas protagonistas- a oportunidade de contemplar o último dos traballos audiovisuais de Iris Justo, xoven de Verín con 25 anos e xa cunha ampla experiencia detrás dunha cámara de vídeo

Grao en Comunicación Audiovisual, é sinxelo atopala en eventos sociais onde se precise o seu particular ollo para unha reportaxe gráfica. Ten colaborado intensamente co festival de curtas de Verín, pero tamén con outros fóra do noso val. Estreouse nisto de dirixir documentais con A Memoria da Raia, unha fermosa peza na que os protagonistas tiñan moito que ver co acontecido para sobrevivir na época da postguerra civil española e coa solidariedade que o veciño Portugal lle prestou a moitos dos represaliados e perseguidos por ir contra os ideais do réxime ditatorial instaurado. Contou neste coa colaboración da xornalista Miriam González Francisco e da deseñadora gráfica Andrea Pérez Justo


Arraigadas á Terra xorde do encargo que lle fai a esta prometedora directora o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Municipios de Verín. Detrás da idea, un obxectivo expreso: pór en valor o rural da comarca e contar, en primeira persoa, as vivenzas das mulleres (de todos os concellos integrantes do ente mancomunado) dende unha perspectiva histórica e cultural, facéndolle rebulir nas lembranzas a todas elas para traer ata o presente como foi a súa vida, isto é, a experiencia vital dunhas mulleres que loitaron por facerse un oco nunha sociedade onde non se lles daba a voz que merecían, e sempre estaban en permanente combate coa superioridade do home e os usos e costumes daqueles tempos.

Cando comeza Iris a colocarse detrás dunha cámara de vídeo?

Comecei fai catro anos co proxecto de "A Memoria da Raia", creo que foi o que máis me marcou e do que máis aprendín tamén a facer este tipo de traballos, porque empezamos no 2016 e rematamos no 2019. Iniciámolo sen saber moi ben como facer algo e foise aprendendo a base da experiencia. Coñecín por un amigo común a Miriam, ela é xornalista, gústalle moito a fotografía e estaba interesada en facer un traballo gráfico sobre a raia. Cando saiu o festival de curtas pensamos en facer unha peza pequena que logo acabou por medrar moito. En xaneiro do 2019 enroleime tamén nun pequeno docureportaxe sobre Bemposta, a cidade dos muchachos, con cinco persoas dalí que nos contaron a historia dese lugar e como vían o futuro desa experiencia.

E chegou o encargo do CIM...

Si, pensaron en min para ese proxecto de empoderamento da muller rural da comarca que englobase todos os concellos e non o pensei. En xuño do ano pasado púxenme con el. Gravei ata setembro e montei no inverno. Estaba listo en febreiro pero como se parou o mundo agora, vímonos en agosto. 

Con cantas mulleres falou Iris para este documental?

Son dez protagonistas as que participan, son mulleres de cada un dos concellos que forman a Mancomunidade e dalgún hai, incluso, un par delas, porque nos interesaba pola súa diferencia de perfil, ou por unha diferencia de idade que nos permitise que nos contase cousas diferentes. Tamén contamos coa colaboración de María Lameiras, que é unha profesora de Educación Social moi ligada á educación sexual, da muller rural... É a que explica nese traballo audiovisual o porque da situación que viviron esas mulleres, desa vida sumisa, marcada pola sociedade e da que non se cuestionaban o porque. Era o que tocaba e xa estaba. María pon, podemos dicir, a parte máis académica. 

Entendo que se atoparía con perfís de todo tipo?

Si, sen dúbida. Muller rural, principalmente, pero a maiores tamén temos diferentes traballos, mulleres agrarias, mulleres solteiras, mulleres emigrantes, costureiras... O caso máis relevante é, quizás, a de Verín, Marisa, que é solteira, estudou e foi mestra toda a súa vida. Foi unha das poucas mulleres que fixo o contrario do que lle tocaba facer, porque non era o máis correcto para unha muller nova o estudar naquela época.

marisa

María Luisa Diéguez, a única entrevistada que acabou facendo a súa carreira. | FOTO: Iris Justo. 


De todas elas, hai algunha historia que a marcara especialmente?

Marisa creo que foi a que máis me marcou, sobre todo, por como fala ela, por como explicou como vivía nunha sociedade onde lle dicían á súa nai que a súa filla non ten que estudar, que ten que traballar; que a súa filla tiña que casar e non quedar así. Outra muller de Montes tamén me chamou moito a atención. Ten arestora uns 92 anos, lembra con moita claridade como foi a súa vida e sorprendeume o que dicía de como de cativa lle marcaban ata as compañas coas que podía estar. Contounos moi lúcida como lle dicían o que tiña que facer e como foi quen de fuxir desa presión. 


Cre vostede que foron mulleres felices?

Eu creo que si. Vivían nun contexto moi diferente ao noso, estaban educadas nunha sociedade na que había que sobrevivir. Non había opción a escoller o que che gustaría ser. Tocaba vivir nun contexto de pobreza, como familia en conxunto había que saír adiante, e elas non se cuestionaban nada máis. É o que máis destaco do documental, as mulleres da época tiñan a vida marcada e poucas tentaron descarrilar. Elas tiñan que a certa idade buscar parella, casar e ter fillos. Era o que había, é como agora que nacemos e temos que facer a Educación Infantil, a Primaria e a ESO obrigatoria, por exemplo, tampouco o cuestionamos. 

maria

María Paulos, de Oímbra, con 102 anos, é a muller máis lonxeva deste documental. | FOTO: Iris Justo. 

Cal foi o criterio escollido para facerse cas protagonistas?

Pois iso foi un pouco traballo do CIM, que a través das asociacións de mulleres rurais e dos concellos participantes nos puxeron no camiño das mulleres máis representantivas e máis indicadas para o documental. 

Hai diferencia da muller rural de entón entre as do val e as da montaña? 

No val atopamos, ademais de Marisa, que foi mestra, unha emigrante en Tamagos ou mesmo unha costureira e taberneira en Oímbra. Na montaña si que podo dicir que os perfís eran bastante máis parecidos: vida no campo, principalmente, ou na emigración, pero sempre retornando.

Supoño que ese documental reflicte moi ás claras como era a vida de entón. 

Poida que haxa moitos aspectos que non se visualizan, pero si que un pódese facer unha idea do que houbo e do que hai, porque calquera delas poden ser as nosas avóas coas que non nos paramos a falar de como lles foi a vida. 

Viu a necesidade de lembar a vida desas mulleres?

Sen dúbida, é necesario lembralo para non esquecernos da evolución, de que hoxendía, aínda que hai moito machismo, podemos decidir, podemos elixir se casarnos ou non, estudar... Era necesario para ver que algún camiño se leva andado, que quede constancia desa evolución.

Estas son, coas súas idades e a súa localización, as mulleres protagonistas do documental Arraigadas á Terra, que este domingo se estrea na localidade de Medeiros (Monterrei).
 

María Paulos, 102 anos, Oímbra

Esther Regueiro Diéguez, 81 anos, San Cibrao (Oímbra)

Otilia Guerra Fernández, ten 87 anos, Piornedo (Castrelo do Val)

María Luisa Diéguez Cid, 81 anos, Verín

Consuelo Sánchez, de 87 anos, Medeiros (Monterrei)

Amalia Fernández Martínez, ten 79 anos, Piornedo (Castrelo do Val)

Tomasa García Álvarez, 86 anos, Vilarello de Cota (Vilardevós) 

Manuela Pazos Villaza, 86 anos, Laza

Margarita González Fernández, 91 anos, Santa Baia de Montes (Cualedro)


 



 

Iris Justo: "As mulleres desa época tiveron a vida marcada e moi poucas tentaron...