Venres. 29.03.2024
Armestre-y Franco Basalo, con Íntimo
Franco Basalo (esquerda) e Armestre (dereita), con Íntimo Estela do Val.

As máis enriquecedoras sinerxías xorden sempre fronte a unha copa de bo viño. Iso foi o que aconteceu entre o verinés da Rasela, Pedro Armestre e José Manuel Franco, dono da Adega Franco Basalo -da Denominación de Orixe Monterrei- en Castrelo do Val.  Foi Pedro Armestre, fotógrafo que destaca polo carácter sensibilizador da súa obra, quen con oito fotografías da súa exposición máis persoal, titulada Íntimo, abrigou ó mencía e ó godello Estela do Val de Basalo.  Esta coidada serie especial -25 coleccións compostas de oito pezas- servirá asemade para introducir os viños galegos de Monterrei na Costa Azul francesa, unha rexión de alto nivel adquisitivo na que Armestre desenvolve numerosos proxectos.

A arte do fotógrafo e a mestría na confección dos viños da Adega Franco Basalo aliáronse para levar ó mercado unha colección de imaxes nas que a botella é o marco e a mirada de Armestre na etiqueta, unha invitación para gozar do mencía e do godello dunha maneira sosegada, reflexiva. As etiquetas que envolven os viños son xanelas nas que asoma a mirada que este fotógrafo documental pousa na natureza; estampas boscosas, mares e costas nas que afonda ó redor da verticalidade e horizontalidade da paisaxe. As primeiras rezuman poder e forza, individualidade e crecemento, o autor recréase na súa historia persoal, na conciencia, o que lle supón desenvolvemento e soidade. A horizontalidade, en cambio, evoca calma, repouso; para este creador, reflicte o presente, o aquí e agora, vinculado ó compartido. Imaxes moi en equilibrio co viño que agora arroupa, forxado entre a sensibilidade, a herdanza e a tradición galega.

Ademais, Pedro Armestre está vinculado profesionalmente a varias organizacións humanitarias e de defensa da natureza. O autor ten unha estreita relación coa Costa Azul francesa dende hai xa varios anos, onde vén expoñendo e vendendo a súa obra en colaboración coa Asociación Nereus Arts. A través dela, precisamente, doa a metade dos seus ingresos por vendas ós distintos proxectos ambientais que esta organización impulsa nesa área xeográfica.

Algunhas das botellas da colección.Algunhas das botellas da colección.

Seriadas, asinadas a man e con certificado de autenticidade

A colección completa -da que só se produciron 25 unidades- componse de oito botellas, dúas magnum (1,5 L) e seis de 75 cl (tres de godello e tres de mencía, presentadas en pack de branco ou tinto). As etiquetas da versión magnum, seriadas e asinadas a man con certificado de autenticidade por Armestre foron editadas, ademais, no mesmo soporte que as fotografías que integraron a súa exposición Íntimo. Esta mostra colgou o pasado verán na Costa Azul francesa, na Capela de Santa María do Olivo de Beaulieu Sur Mer. As etiquetas de 75 cl, tamén en papel de alta calidade, están asinadas de impresión. A rúbrica de Armestre cuña, así mesmo, cada cortiza da colección.

En poucos días Íntimo Estela do Val chegará, ademais, a un público de alto poder adquisitivo, amante da fotografía, do viño, da arte e dos detalles únicos, segundo explica o seu impulsor. Este verán, durante a mostra en Beaulieu Sur Mer, explica Pedro Armestre, "comprometinme con eles a inicialos nos mencías e godellos da terra na que nacín, os viños da D.O. Monterrei, e o Estela do Val de Basalo paréceme unha estupenda carta de presentación".

Íntimo, unha exposición fotográfica de Pedro Armestre, leva a Bodega Franco Basalo ó...