Os concellos de A Gudiña, Riós, Vilariño de Conso e A Mezquita veñen de propoñerlle á Xunta de Galicia que sexan candidatados, en conxunto, perante a Unesco a unha nova declaración de reserva da biosfera. Así llo fixo saber o alcalde do primeiro deles, José María Lago, na xuntanza que mantivo coa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez.
A conselleira asumiu o compromiso de colaborar man a man cos catro municipios ourensáns para conquerir un obxectivo que, segundo lle explicou Lago Cabo, persegue poñer en valor e preservar a riqueza que atesoura unha parte importante do Concello de A Gudiña, xa recoñecida dentro das superficies catalogadas como Rede Natura.
Para analizar en detalle a proposta, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recibirá en setembro aos catro alcaldes, que desexan iniciar canto antes a tramitación administrativa necesaria para optar á declaración como reserva da biosfera. Neste sentido, José María Lago trasladoulle á conselleira a importancia deste proxecto para os catro municipios e considerou fundamental poder contar coa experiencia, o apoio e o asesoramento da Consellería desde o primeiro momento.
SEIS ESPAZOS DECLARADOS COMO TAL EN TODA A COMUNIDADE
Galicia xa conta con seis reservas da biosfera que ocupan arredor do 25% de todo o territorio da comunidade. Son, concretamente, as reservas de Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras do Burón; Área de Allariz; As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).
Ademais, a comezos deste mes presentouse oficialmente a candidatura coa que Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia no ano 2021.
Cómpre subliñar que esta figura foi creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural e supón un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio.