Venres. 29.03.2024
191009-CURSO-MUSICA-TRADICIONAL
Os cursos comezarán na segunda quincena de outubro.

O Concello de Verín vén de abrir o prazo para a inscrición nos cursos de instrumentos tradicionais galegos que se desenvolverán ó longo do ano escolar na vila. As actividades formativas céntranse no ensino dos tres instrumentos fundamentais da música galega: gaita, pandeireta e tambor. Comezarán na segunda quincena deste mes de outubro e rematarán en xuño do vindeiro ano, en sesións semanais dunha hora ata completar un mínimo de 35 horas de formación.

A matrícula dos cursos pódese realizar na Casa do Concello, cun custo que oscila entre os 47,5 € e os 90 € para as persoas empadroadas en Verín e entre os 60 e 120 euros para as non empadroadas. O pagamento poderase liquidar nunha soa vez ou fraccionarse a través de domiciliación bancaria, con mensualidades sen recargo sobre o prezo total.

Bonificacións aplicables

O Concello de Verín aplicará tarifas reducidas atendendo á situación de cada familia. Diste xeito, teñen dereito a bonificacións do 20% sobre as cantidades máximas as familias numerosas, ó 35% o segundo membro da familia matriculado e a descontos entre o 25% e o 50% sobre o custo máximo as familias con circunstancias socioeconómicas adversas e familias monoparentais.

Para acceder á bonificación por circunstancias socioeconómicas adversas a renda per cápita familiar non poderá ser superior aos 9.000 € brutos anuais. Como renda per cápita familiar enténdese a renda da unidade familiar de convivencia dividida entre o número de membros da unidade familiar computábeis. Así, se a renda per cápita familiar é inferior ou igual a 5.400 euros brutos anuais, a bonificación será do 50%; se é superior a isa cantidade pero non chega ós 9.000€ brutos anuais, será do 25%.

Aberta a inscrición para os cursos de instrumentos musicais tradicionais galegos