Venres. 29.03.2024
O Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e o empresario Antonio Rodríguez Dosantos recibirán a "Castaña de Ouro"

Riós celebra os 25 anos da súa Festa da Castaña e do Cogumelo

Será unha fin de semana chea de actividades para festexar os 25 anos dun evento que enaltece os dous recursos máis importantes das terras do Riós. Música, fotografía, exposición de produtos, gastronomía, andainas, obradoiros, charlas formativas, entrega de premios, magosto popular... ata o programa da Xunta de Galicia "Vive o Camiño" formará parte da festa. 

FESTA-DA-CASTAÑA-E-DO-COGUMELO-2019
A fin de semana do 2 e 3 de novembro celebraranse os 25 anos da Festa da Castaña e do Cogumelo do Riós.

A primeira fin de semana de novembro vai ser cousa de castañas e cogumelos no Concello do RIós. Celébrase a vixésimo quinta edición da súa Festa da Castaña e do Cogumelo, 25 anos loando os seus produtos endóxenos máis salientables para poñelos en valor e destacar a súa calidade.

Como non pode ser doutro xeito, a maior parte das actividades estarán dedicadas á gastronomía centrada nos produtos de tempada típicos da zona. Catas, showcooking, degustación, un magosto popular e exposición de produtos elaborados con castañas serán os eixes centrais dunha festa que conta con moitos máis eventos.

Un dos recursos económicos máis importantes do Riós vén sendo a castaña dende tempos inmemoriais; por iso, dende o Concello organizan unha charla formativa sobre "Nocións básicas para o aproveitamento sostible do souto" co obxectivo de pór en valor a gran riqueza dos soutos e das numerosas posibilidades económicas que teñen. Terá lugar o sábado, 2 de novembro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Riós.

O secretario da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Manuel López Pérez, será quen de impartir a charla coa intención de ofrecer un abano de ideas ós asistentes sobre aqueles produtos compatibles cos soutos que ofrecen un aumento no rendemento dos mesmos, mellorando, diste xeito, a economía rural.

O domingo, 3 de novembro, será o día de apertura dos stands da feira, pero tamén o día escollido para entregar os premios ós homenaxeados da Festa da Castaña e do Cogumelo do Riós. Nista XXV Edición, a "Castaña de Ouro" será entregada ó Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e a José Antonio Rodríguez Dosantos, empresario das Ventas da Barreira dedicado á transformación e comercialización de castañas.

XORNADA DO SÁBADO

Ademais da charla informativa sobre o aproveitamento dos soutos, o sábado, 2 de novembro, haberá moitas máis actividades. A iniciativa da Xunta de Galicia para promover a cultura nas poboacións polas que discorre o Camiño de Santiago, Vive o Camiño, chega ó Riós coincidindo coa súa festa gastronómica. Ás 10:00 horas comezará a andaina que percorrerá a Ruta da Castaña, con saída dende a Casa do Concello.

Os obradoiros que se organizan ó abeiro de Vive o Camiño terán lugar pola tarde na Biblioteca do Edificio Multiusos. "Memorias da Prata", indicado para adultos, comezará ás 16:00 horas; "Xogando coa Natureza", destinado ós cativos e cativas, será ás 17:00 horas.

Vive o Camiño Riós

Vive o Camiño tamén inicia as actividades gastronómicas que haberá ó longo de toda a fin de semana. O mesmo sábado, ás 17:00 horas, na antiga escola do Riós, "Catar o Camiño" ofrece a degustación de produtos típicos da zona. Para asisitir ós eventos de Vive o Camiño hai que se inscribir previamente.

Pero a gran foliada terá lugar a partir das 19:30 horas, na Praza do Toural, coa celebración do Magosto Popular. Chourizo, pan, empanada, castañas, bica e bebida para gozar dunha tarde de música a cargo do grupo "Os Trouleiros".

ÚLTIMO DÍA

Será o día da apertura oficial do recinto feiral; a partir das 10:30 horas poderanse visitar os stands con produtos elaborados con castañas maila exposición das imaxes presentadas no XXII Concurso de Fotografía "O outono e os seus froitos en Riós". E, xa de mañá, dará comezo a xornada musical coa charanga Los Támega, que fará un percorrido polas rúas da vila.

No mesmo recinto, pero a partir das 11:00 horas, terán lugar dous showcooking nos que se amosará como cociñar con diferentes produtos típicos da zona. Os mestres de cociña serán Begoña Vázquez, chef do Regueiro da Cova, Erik González, chef do Souto das Candeas e Bianca Coura, Chef do Glabistró Ourense.

A partir das 12:00 horas actuará a Banda de Gaitas do Concello do Riós para dar a benvida ás autoridades presentes que, media hora despois, serán os protagonistas da entrega dos premios "Castaña de Ouro" no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Será ás 13:00 horas cando, no Multiusos, se decidan as imaxes gañadoras do concurso de fotografía; e, tamén, será o momento do comezo da degustación dos produtos típicos no recinto feiral. Na cita gastronómica non poden faltar as pulpeiras e os restaurantes do Riós ofrecerán menús especiais con produtos de tempada.

A pesar de que a clausura oficial da XXV Festa da Castaña e do Cogumelo do Riós será ás 14:30 horas, o recinto feiral acollerá pola tarde unha sesión musical vespertina a cargo da charanga Los Támega. Toda unha fin de semana, a do 2 e 3 de novembro, dedicada ó bo xantar e á música... foliadas galegas!

Riós celebra os 25 anos da súa Festa da Castaña e do Cogumelo