sábado. 20.04.2024
Ademais, a firma verinense Nicandra doou 130 máscaras á organización do certame

Frei Chitín estará presente no FIC de Verín

O Festival Internacional de Curtas de Verín quere reforzar o vínculo coa festividade máis importante da vila a través da actuación, o próximo luns 7 de setembro, da personaxe con máis espírito entroideiro: Frei Chitín. 

Durante o certame, cumprir as medidas de seguridade será a prioridade: nesta liña, a firma especializada en moda nupcial Nicandra quixo facer unha doazón de máscaras á organización do FIC Vía XIV.

A personaxe creada por Miguel Ángel Prieto Sotelo, Frai Chitin. | FOTO: Cedida.
A personaxe creada por Miguel Ángel Prieto Sotelo, Frei Chitín. | FOTO: Cedida.

A organización do FIC Vía XIV programará unha actividade protagonizada pola personaxe Frei Chitín dentro dos actos previstos para a conmemoración do certame de curtas verinense.

O vindeiro luns, 7 de setembro, o Auditorio de Verín acollerá o espectáculo no que a personaxe -creada por Miguel Ángel Prieto Sotelo- departirá co público, expoñerá elevadas doses de enxeño e humor e amosará un documental humorístico propio cun marcado carácter entroideiro.

O Entroido é un dos eixos temáticos do festival de curtas verinense: a través desta iniciativa, preténdese reforzar o vínculo entre ambas celebracións.

Do mesmo modo, Miguel Ángel Prieto Sotelo tense convertido nun dos persoeiros máis icónicos do Entroido de Verín e foi o encargado de pronunciar o pregón da gran festa da vila do Támega no Domingo de Corredoiro 2020.  

Unha doazón de 130 máscaras

Nicandra é a firma de moda especializada no sector nupcial con sede en Verín que vén de doar á organización do FIC Vía XIV un total de 130 máscaras para seren utilizadas polo equipo organizador. 
O director do festival de curtas verinense, Carlos Montero, agradeceu o xesto da que “hoxe por hoxe é un das empresas emblemáticas e máis dinámicas de Verín, cunha clara vocación solidaria amosada durante o confinamento”.

Imaxe promocional da firma verinense Nicandra. | FOTO: Cedida.Imaxe promocional da firma verinense Nicandra. | FOTO: Cedida.

As responsables de Nicandra comezaron a deseñar e fabricar máscaras durante as xornadas máis estritas do confinamento -con finalidade solidaria-. As máscaras da marca verinense están perfectamente homologadas para seren empregadas fronte á Covid-19 e contan cos controis pertinentes para a seguridade e saúde pública.

A firma é unha das entidades colaboradoras do FIC Vía XIV 2020 e leva subministrado, durante a pandemia, miles de máscaras e equipos de protección a profesionais e empresas -e tamén a numerosos particulares- que estiveron ó pé do canón na organización do certame.

Frei Chitín estará presente no FIC de Verín