jueves. 18.04.2024
24092019 Cartel Hamada
"Hamada", de Eloy Domínguez, será un dos filmes que se proxecte na cuarta edición do festival verinense.

Os organizadores do festival internacional de curtas de Verín, FIC Vía XIV, seguen debullando parte do programa que ofrecerán o vindeiro mes de decembro na súa xa cuarta edición

Hoxe, e no marco da axenda de actividades paralelas que acolle o FIC Vía XIV, deron a coñecer unha que se desenvolverá este ano por primeira vez e que leva por nome As dúas caras do Sahara Occidental, que ten como misión amosar, dende a cinematografía, unha realidade en conflito (a vida dentro e fóra dos campos de refuxiados nesta zona) a través de diversos puntos de vista.

Xa o ano pasado, no FIC Vía XIV levouse a cabo unha actividade cinematográfica que amosou o conflito palestino-israelí dende diversos ángulos e a través do cinema. Deste xeito, As dúas caras do Sahara Occidental da continuidade a esta pretensión do Festival de Curtas de Verín de erixirse coma "espazo de diálogo e punto de encontro a través do cinema", segundo destaca o seu director, Carlos Montero.

Cremos relevante traer ata Verín, no marco do festival, diferentes realidades políticas que é preciso dar a coñecer, especialmente nestes tempos convulsos que vivimos, marcados pola inestabilidade política e económica

"Cremos relevante traer ata Verín, no marco do festival, diferentes realidades políticas que é preciso dar a coñecer, especialmente nestes tempos convulsos que vivimos, marcados pola inestabilidade política e económica", engade Montero.

A actividade divídese en dúas sesións. Na primeira exhibirase a longametraxe "Hamada", de Eloy Domínguez, presentada polo propio director e cun coloquio posterior ao visionado. Na segunda das sesións, amosaranse as curtas "L´Aarifa" de Mohamed Salem Lansari, Braham Chagaf e Digya Mohamed-Salm e "Tres cámaras roubadas", un proxecto colectivo de Equipe Media.

ALLARIZ, PRESENTE

O director do FIC Vía XIV de Verín tamén confirmou que o festival convidado na edición deste ano será o RIR (Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz). Este certame vén de celebrar neste 2019 a súa segunda edición. Así, no marco desta actividade, en Verín poderán verse algunhas das curtas premiadas en Allariz.

O festival de curtas de Verín afondará no conflito saharauí