martes. 23.04.2024
ENTREVISTA AO NOVO ALCALDE LAZANO, JESÚS BLANCO CONDE

"O Concello de Laza estaba nunha situación de case feudalismo que confirmamos ao entrar e hai que democratizalo"

Jesús Blanco Conde deixou o seu cargo de director do Instituto Nacional da Seguridade Social en Ourense para liderar a candidatura á alcaldía de Laza polo PSdeG e intentar arrebatarlle o goberno a José Ramón Barreal e ao Partido Popular. Para sorpresa de moitos, conseguiuno, aínda que non só. Precisou dos dous concelleiros da marea local, Xuntos por Laza, para conformar o primeiro goberno de esquerdas do concello lazano en décadas. Tras pouco máis dun mes no cargo, recíbenos no seu despacho para analizar o comezo do mandato e os retos que lles quedan por diante
cbzmg-9w876
O alcalde de Laza, Jesús Blanco Conde, no seu despacho | FOTO: Iván Olmos

Como valora este primeiro mes de mandato?

Pois moi intenso. Hai moito traballo porque atopamos un concello herdeiro dunha determinada maneira de gobernar. E non só eu, senón todo o equipo de goberno entrante queremos transformalo e cambialo radicalmente, pero custa. De momento estamos intentando facelo o mellor posible e enterándonos de como están as cousas.

Cales son as principais liñas dese cambio radical que se quere dar dende o novo equipo de goberno?

Pois o enfoque é, loxicamente, unha mellor xestión dende o punto de vista da busca da igualdade, de maior independencia. Tamén con respecto ás relacións laborais cos traballadores de axuda no fogar, cos membros dos GES -grupo de emerxencias supramunipal– e logo tamén con todo o corpo funcionaral. Todos os traballadores están traballando ben pero nun ambiente de demasiado dirixismo.

Cal foi a clave da derrota do Partido Popular de Laza despois de tantos anos?

A verdade é que estaba difícil e non o tiñamos nada seguro. Pola miña parte foi un reto que me puxen porque, evidentemente, non teño nada que gañar aquí. Eu vou traballar por pura filantropía, pois eu loxicamente non vou cobrar nada do concello. Mentres non me xubile estou cobrando da outra entidade e cando me xubile pois pasarei a cobrar a xubilación que vai ser dentro de dous meses. Tamén foi un reto porque o concello estaba nunha situación de case feudalismo que confirmamos ao entrar e había que democratizalo.

 Ao final, que fas se levantas as alfombras? Xa se sabe como está todo neste país… e poida que sempre se atopen explicacións para facer as cousas dunha forma determinada

Había necesidade de levantar moitas alfombras?

Ese é un proceso lento. Ao final, que fas se levantas algo? Xa se sabe como está todo neste país… e poida que sempre se atopen explicacións para facer as cousas dunha forma determinada. É difícil encontrar e ademáis tampouco estamos buscando iso. Nós non queremos atopar nada, simplemente ver como están as cousas e tratar de melloralas. Pero pode aparecer algunha cousa, porque hai algunhas que xa salta á vista que non están ben.

cbrou-pqk1n

O novo goberno local é resultado dun pacto entre PSdeG e Xuntos por Laza (En Marea). Que tal o pacto de goberno? Como estades traballando conxuntamente?

Pois a verdade é que temos a mesma liña estratéxica. Non temos apenas diferenzas e estamos de acordo en todo. Tampouco temos obxectivos moi amplos porque o fundamental é transformar a xestión do concello e a forma de se relacionar cos veciños. E nese aspecto estamos todos traballando unidos. De momento non hai discrepancia algunha. Estamos traballando os cinco do equipo de goberno de xeito totalmente converxente.

Imos ao concreto. En que situación se atopa o proxecto do Parque Feiticeiro ou Santiago Park? Polo que se sabe ata o momento é moi probable que nunca se poida chegar a regularizar a súa construción. Cal é o legado que recolle o novo goberno con respecto a isto?

Pregúntaslle ao alcalde de Laza polo Parque Feiticeiro, pero é un proxecto –porque aínda segue sendo un proxecto, desgraciadamente–, que naceu en xullo de 2012. A presentación fixéraa o entón alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, e ao mesmo tempo o presidente da comisión de seguridade do plan de competitividade turística Portas de Galicia das comarcas de Monterrei e de Conso-Frieiras e iso é o que hai. Case non lle deberías preguntar ao alcalde de Laza senón ao presidente da comisión de seguimento, porque o alcalde actual diso, agora mesmo, non ten responsabilidade sobre iso. O anterior si pois ten cedido terreo e estivo impulsando iso, polo menos de palabra. Preocúpame como xestión que podería ser boa para o municipio e para toda a comarca, pero ao estar paralizado, pois xa me dirás. Parece que houbo modificacións e esas cousas, pero non poden imputárselle ao concello de Laza, senon á comisión de seguimento de Portas de Galicia. 

Non temos apenas diferenzas e estamos de acordo en todo con En Marea

Polo que teño entendido si que existe a posibilidade de que se teñan que devolver todos os fondos que se recibiron por parte da Unión Europea para a posta en marcha do proxecto.

A min non me consta nada formalmente, pero parece que si. É unha hipótese ou posibilidade porque, evidentemente, se non se cumple co proxecto polo que se concederon os fondos pois supoño que quen os concedeu pedirá que se devolvan. E entón terémolos que devolver todos, porque nisto non só están os concellos arredor de Portas de Galicia, senón tamén a Xunta de Galicia, unha asociación de empresarios turísticos e habería que facer unha distribución proporcional.

Formulemos esa hipótese, xa que logo. Que suporía para o concello ter que devolver eses fondos?

Pois tampouco sei o que lle corresponde proporcionalmente. Eu supoño que será a parte alícuota desa cantidade total.

Existe algunha responsabilidade do anterior goberno local con respecto a ter iniciado un proxecto coma ese cando non se tiñan todas as licenzas necesarias para poder executalo?

É que eu non sei se tiñan todas as licenzas ou non. A xente por aí di que non hai licenzas pero eu non o sei. Non mirei ese proxecto porque, polo que se ve, apenas consta algún anexo, fleco ou deriva dese proxecto no concello. Algo haberá pero non podo saber que licenzas faltan ou se as hai. Hai que pensar. O normal é que unha cousa funcione cando ten todas as licenzas. Sería paradóxico que os que temos que vixilar que temos todas as licenzas esteamos traballando sen elas. Pero paradoxos hai nesta vida. 

Os traballadores que demandaron ao concello nin sequera viñeron falar co novo alcalde para mirar se regularizabamos a situación antes de interpoñer as demandas

Existe tamén un conxunto de demandas por parte de traballadores eventuais do concello. A que se debe este conflito e por que esta demanda para esixir a súa regularización non se produciu antes?

É moi chocante porque esta xente foi contratada dunha forma anómala e, xa que logo, é paradóxico que despois de levar máis de tres, catro ou cinco anos nesa situación pois comecen a formular as demandas aos dous días seguintes de que o goberno saínte perdese as eleccións. Iso é moi significativo, pero é o que hai. Nin sequera veñen a falar co novo alcalde para mirar se regularizabamos a situación antes de interpoñer as demandas. É ilustrativo.

Ilustrativo dunha maneira de facer política en concreto?

Non se debería facer política nos concellos. Deberiamos estar para xestionar as necesidades e os problemas da xente de xeito cercano, pero tristemente si hai demasiada política. Mesmo facendo unha xestión normal, esta politízase ata o extremo de que se chega a vender como política facer unha fe de vida, que se lle debe facer a todo o mundo. Pero cada un coas súas responsabilidades. Son transformacións totalmente caciquís para conseguir votos que fan ás veces os que están dirixindo os concellos.

Que pasa con este cadro dun peliqueiro que foi vendido ao concello no pasado, que seica non foi pagado e que agora o artista reclama mentres o propio cadro está en paradoiro descoñecido?

Non teño información. Sei que hai algo no concello. Aínda non me parei con ese tema, aínda que haberá que pararse. Pero polo que se ve, tamén é unha cousa kafkiana. Pola información que teño dende antes de chegar á alcaldía, o pintor pintou un cadro e deullo ao concello con idea de que este llo pagara nalgún momento. Despois resultou que nunca o pagaron e o artista veu buscar o cadro e este non estaba. Seica entón se lle chega a imputar ao propio pintor que foi el quen levou o cadro do concello e este non está. O artista reclámao e hai unha sentencia xudicial que seica demostra que o ten o pintor… é absolutamente surrealista todo.

Pero hai quen afirma que o cadro non o levou o pintor senón que o ten o anterior alcalde…

Pero se o xuíz di que o levou o pintor (risas)… pero eu neste tema non me metín.

Xa para ir rematando, cales son as tres primeiras medidas ou cambios significativos que vai executar este novo goberno e que incidan de maneira relevante na realidade social do concello?

Hai tantas cousas… que non temos, de momento determinada cal sexa a primeira. Non hai prioridades fixadas porque, ata o de agora, con parar e superar estas pequenas obstruccións que ás veces hai no concello xa é bastante. Estamos tratando de establecer unha xestión ao noso modo e de atender ás necesidades perentorias que nos veñen. Aínda que xa fixemos cousas, como por exemplo reverter unha parálise total en cuestións como a ludoteca ou a necesidade de cubrir substitucións en axuda no fogar. Estas cuestións relacionadas coa conciliación e coas persoas maiores son prioritarias. Por poñerche outro exemplo, as piscinas estaban paralizadas e tivemos que activalas a marchas forzadas. E coma estas, outras moitas cousas. 

Como cre vostede que deben traballar concellos do rural como o de Laza para paliar o problema do despoboamento?

Nesa cuestión tanto nós como En Marea levabamos cousas no programa e estamos de acordo en que é unha cuestión prioritaria. Entre as medidas que contemplamos atópase dar unha axuda ás familias dos rapaces e rapazas que nazan e se empadronen en Laza, así como dar unha axuda para o aluguer no concello para favorecer tanto ao propietario como ao arrendatario. O mellor sería que houbera empresas que crearan postos de traballo, pero iso non se fai por arte de maxia. Mira o parque máxico, ía crear non sei cantos postos de traballo e non sei se terá dous ou tres. É unha cuestión que afecta a todos os concellos do rural. 

Como está percibindo na rúa coa veciñanza a resposta ao cambio de goberno?

Hai moita ilusión e moi boa recepción. Polo menos a min o que me transmiten é iso. Igual tamén hai xente que a min non me transmite o disgusto porque ten certo recelo. Eu sei que hai algunha xente que está terxiversando e dicindo que facemos as cousas mal cando en realidade ata agora non metemos a pata en nada.

"O Concello de Laza estaba nunha situación de case feudalismo que confirmamos ao entrar...