viernes. 19.04.2024
Eugenio Quintas opina sobre o desmantelamento do Hospital de Verín executado polo SERGAS

"Eu creo que é unha burla descarada á toda a poboación que cubre o Hospital de Verín"

"O meu medo é que a poboación non se mova. Esta loita é unha loita da poboación. Se non saen á rúa, a batalla está perdida. Os profesionais sanitarios non estamos nin pedindo un aumento de soldo, estamos loitando para cubrir as necesidades da poboación. O que está acontecendo vai supor unha perda de calidade de vida para a poboación que ninguén na rúa é consciente do que isto pode significar". Eugenio Quintas, médico internista do Hospital de Verín.

Eugenio Quintas_médico02
Eugenio Quintas, médico internista do Hospital de Verín, no seu despacho.

Eugenio Quintas Alborés, nado en Gondomar (Pontevedra), é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en medicina interna polo Hospital Xeral de Santo Antonio de O Porto. Dende o 2008 é internista no Hospital de Verín. Ata o ano pasado era o responsable no equipo de soporte de cuidados paliativos. Agora, o especialista en medicina interna cóntanos o que opina da situación que se está a vivir no Hospital de Verín.

O venres pasado tivemos o que pode ser, a nova máis desastrosa para o Hospital de Verín, despois de 25 anos de funcionamento.

Se tes algo e o perdes, vas para atrás, sen dúbida algunha. Isto é un retroceso para as mulleres e para as súas familias. O feito de obrigar ás mulleres a dar á luz, non a 70 km, senón a máis, é unha inseguridade.

Vostede, como médico especialista -internista-, é dos que pensan que se temos os servizos máis preto da casa…?

E que iso é sentido común. Hai algo que vai contra o sentido común. Din que protexen o rural, pero están a quitarnos servizos hospitalarios, como se entende isto? Eu creo que é unha burla; unha burla descarada á poboación da comarca de Verín, a todo aquel que cubre o Hospital de Verín.

Un gran número da poboación sospeita que está desmantelándose, de xeito paulatino, o Hospital de Verín. Vostede, como profesional da medicina, e tras levar 11 anos aquí, pode confirmar pola súa experiencia que se están desarticulando os servizos que presta este Hospital?

Si, sen dúbida ningunha. En 2011 era un gustazo traballar como internista neste hospital, porque tiñas tempo para ver aos pacientes, tiñas tempo para falar coas familias, para facer as historias clínicas, para pedir probas. Era un gustazo. Foi así ata que se uniron os tres hospitais da provincia (O Barco, Verín e Ourense). Coido que foi o inicio do deterioro dos servizos.

E sobre o cadro de persoal, que está a acontecer?

Agora temos un cadro de persoal no que nos vemos insuficientes para cubrir gardas. Deixamos de ser autónomos, hai momentos nos que temos q chamar a Ourense. O número ideal de gardas que debería facer un internista nun hospital comarcal é de catro, excepcionalmente 5; algúns facemos 6.

O ano pasado enfadeime porque levaba 10 anos facendo coidados paliativos oncolóxicos, e creo que dabamos un servizo óptimo ós pacientes e familias. Despois montaron HADO, é un servizo que está ben; o que non está ben é reducir a área que nós cubriamos, atendendo só aqueles que viven, como moito, a 15 minutos do hospital.

É dicir, se ti vives en Albarellos, estás enfermo, tes un cancro e precisas coidados paliativos, vou. Pero se vives en Cualedro, non vou. Eu non me prestei a iso. Outro internista tamén o rexeitou, despois unha compañeira aceptouno.

Ou sexa, seguindo o que estipula o HADO, os veciños de Cualedro, por exemplo, non están recibindo esa axuda?

Están recibindo coidados paliativos do medico de cabeceira. En contacto telefónico. Pero os médicos necesitamos ver, tocar, explorar e falar. Os nosos dirixentes non teñen esa empatía e non teñen esa humanidade, demóstrano facilmente. Os médicos temos empatía, pero unha cousa é ter un papeliño pendurado na parede, como os nosos xerentes, e outra é ser médico. Un médico ten que ter outra sensibilidade e ten que estar do lado do paciente sempre. E non prexudicar. Eles están facendo dano.

Os nosos dirixentes non teñen esa empatía e non teñen esa humanidade, demóstrano facilmente. Os médicos temos empatía, pero unha cousa é ter un papeliño pendurado na parede, como os nosos xerentes, e outra é ser médico

O deterioro coincide coa entrada do Hospital na EOXI?

Ata a EOXI, Verín tiña autonomía para contratar enfermeiras e médicos. E había uns cadros perfectos, eramos autónomos. Medicina interna non tiña que pedir prestado nada porque serviamos nós. Agora, pedimos prestado para facer gardas porque o persoal é escaso. Por que se chegou a esta situación? Eu atreveriame a dicir que non interesa manter este hospital.

Entón, por que non o din claramente?

Se din iso supoño que lles traerá un custo político importante. Eu creo que o van ir facendo pouco a pouco.

O que se escoita é que existe un déficit de profesionais en todo o territorio.

Cando só tiñan un pediatra, molestáronse en buscar máis pediatras? Pois se ti tes un operario que sabes que se vai xubilar en pouco tempo, tes que buscar porque che pagan para iso, para xestionar. Eu estiven de baixa en dúas ocasións, e prevía que ían ser longas. Na primeira baixa non me supliron, na segunda, eu mesmo tiven que buscar quen suplira o meu oco.

Creo que hai intereses económicos detrás. Hai que aforrar, non sei para que exactamente, pero probablemente haxa déficit de médicos e exceso de cargos intermedios ou altos cargos.

Hai que aforrar, non sei para que exactamente, pero probablemente haxa déficit de médicos e exceso de cargos intermedios ou altos cargos

O médico, por riba da profesión, debería ter un compoñente vocacional. A maioría dos que toman as decisión estudaron Medicina, onde teñen ese compoñente vocacional do que falamos? Onde está a conciencia de médico e non a de xestor?

Imaxina que hai unha catástrofe en Verín. Xógome as dúas mans a que todos os profesionais deste centro que non están traballando aparecen rapidamente para facer o que sexa. A empatía dos nosos xefes non chega aí. É triste, pero eu, ás veces, non sinto este escudo -sinalando o do Sergas impreso na súa casaca-. Esta empresa ten profesionais porque non ten competencia, porque se houbera unha competencia moitos dos que traballamos aquí marchariamos.

Este suceso vai marcar un antes e un despois, e onde esta o meu xerente, Miguel Abad? Impórtalle algo isto? El como xerente é o que ten que estar ao fronte dos profesionais e da poboación  para defender os intereses deste Hospital, na miña humilde opinión.

Canto perdeu o Hospital de Verín en canto a servizos a nivel asistencial?

Moita calidade. Se a calidade asistencial no Hospital se mantén é á custa dun esforzo titánico dos profesionais; e aos profesionais hai que defendelos, obviamente detrás deles está a poboación. A calidade asistencial mantense á custa dun esforzo que non sei ata onde chegará.

Nós, cando houbo o pico de gripe hai dous anos, abrimos a Unidade Azul. Creo que chegamos a ter 94 pacientes ingresados en dúas semanas. Unha loucura. Saiamos ás 6 e 8 da tarde con horario de mañá. Fixémolo porque nos debemos ao paciente. Por un compañeiro quedo aquí o tempo que sexa necesario, pero pola empresa -algo tristísimo- non. Non sentir o escudo implica desmotivación.

Cantos profesionais fan falta para que a manifestación do sábado, 30 de novembro, non tivese que ser necesaria?

En medicina interna, do que eu teño maior coñecemento, polo menos fai falta un internista. En xeral, con 6 ou 7 profesionais ben repartidos chegaba se non queremos deixar morrer o Hospital. Teñen que definir que queren facer con este centro e non enganar á xente. Sobre todo non enganar e non burlarse da xente.

Teñen que definir que queren facer con este centro e non enganar á xente. Sobre todo non enganar e non burlarse da xente

Cre que haberá máis servizos cos que ocorra o mesmo que está a acontecer co paritorio e as urxencias pediátricas?

Eu penso que si. Ogallá me equivoque, pero tal como van as cousas penso que hai servizos que están en risco. O paritorio, anestesia e cirurxía.

E o futuro? Cal cre que é o deseño deste centro que teñen na cabeza os altos cargos?

Eu penso que vai ser coma un centro de saúde grande, para pacientes crónicos, algo que temo. A min non me agrada nada esta visión, e coido que a poboación lle agradará moitísimo menos. Nun hospital comarcal tes un contacto moito máis estreito e directo co paciente, o cal non é un número, ten un nome. A xente non se da conta, e iso é unha vantaxe.

Esta loita é unha loita da poboación. Se non saen á rúa, a batalla está perdida.

O que está acontecendo vai supor unha perda de calidade de vida para a poboación que ninguén na rúa é consciente do que isto pode significar

O meu medo é que a poboación non se mova. Esta loita é unha loita da poboación. Se non saen á rúa, a batalla está perdida. Os profesionais sanitarios non estamos nin pedindo un aumento de soldo, estamos loitando para cubrir as necesidades da poboación. O que está acontecendo vai supor unha perda de calidade de vida para a poboación que ninguén na rúa é consciente do que isto pode significar.

"Eu creo que é unha burla descarada á toda a poboación que cubre o Hospital de Verín"