sábado. 20.04.2024
De esquerda a dereita, Paco de Matamá, fai caretas de Peliqueiro; Pablo Ces, director de Entroidar e Jacobo G. Novoa, produtor. | FOTO: Íñigo Rolán Taboada.
De esquerda a dereita, Paco de Matamá, fai caretas de Peliqueiro; Pablo Ces, director de Entroidar e Jacobo G. Novoa, produtor. | FOTO: Íñigo Rolán Taboada.

O Festival de Curtas continuou esta mañá coa segunda sesión de Cinema Marabillas, sendo o turno das alumnas e dos alumnos do CEIP de Castrelo,  do CPR María Inmaculada e do CEIP Princesa de España. Raquel Queizás finalizará mañá esta actividade para os máis cativos no marco das actividades paralelas do FIC Vía XIV de Verín. A xornada continuou a partir das 17:00 horas  no Auditorio de Verín coa proxección das curtas pertencentes ás categorías Horizontes2, Nova 2 e Nova 1, e na Casa da Cultura con A Raia 2, Nova 3 e Outra Mirada 2.

Entroidar, Work in Progress

Este martes, 3 de decembro, o FIC Vía XIV completou o seu programa coa proxección en exclusiva do adianto do documental Entroidar de Pablo Ces. Centrado no Entroido de Laza, o documental analiza as personaxes que o fan posible, os lugares nos que se fai e a propia celebración. Tal e como destaca o director, este documental "busca tumbar mitos" e céntrase moi especificamente no Entroido de Laza, que son os peliqueiros, pero tamén as formigas, as madamas e os maragatos.

A participación de Ces en anteriores edicións do FIC Vía XIV foi o factor que posibilitou a súa entrada en contacto con Jacobo G. Novoa, un mozo de Laza que acercou ao santiagués ao Entroido. A autenticidade do Entroido chamoulle ao director tanto a atención, que decidiu rodar un documental centrándose nas personaxes e lugares que fan posible este entroido. Se me tivera que quedar con algo da rodaxe do documental é co agarimo e afecto que nos amosou a xente de Laza. Acolléronnos de marabilla e integráronnos coma uns veciños máis na celebración do Entroido declara Ces, que xunto co produtor Jacobo G. Novoa presentaron este adianto de Entroidar no Auditorio.

Se me tivera que quedar con algo da rodaxe do documental é co agarimo e afecto que nos amosou a xente de Laza (Pablo Ces, director de Entroidar)

Queremos ver como se transforman as persoas que están detrás das personaxes que se dan no Entroido” destaca o santiagués, que ten unha ampla traxectoria no eido audiovisual, sendo galardoado co Mestre Mateo 2011 polo documental “As silenciadas”.

Ademais da presentación do avance da obra audiovisual, a que acudiu un público numeroso, neste encontro do FIC Vía XIV de Verín houbo un debate sobre a mesma e unha exposición na entrada do Auditorio, "Descubrindo o Entroido de Laza".

A exposición "Descubrindo o Entroido de Laza" no Auditorio de Verín. | FOTO: Íñigo Rolán Taboada.

Programación para o mércores, 4 de decembro

A axenda do FIC continúa o mércores coa última sesión de Cinema Marabillas. Nesta xornada, tamén se desenvolvera a proxección das curtametraxes pertencentes ás categorías oficiais Nova 2, Horizontes 1, Outra Mirada 1 e A Raia 3. E o programa complétase coas primeiras sesións de dúas actividades paralelas: O Festival convidado RIR de Allariz e Retrospectiva do Cinema Cubano actual.

Entroidar, un documental de Pablo Ces, foi o protagonista da xornada deste martes