jueves. 18.04.2024
Andrés Gonzalo, José Antonio Quintas e Nacho Sola, os protagonistas da aventura.
Andrés Gonzalo, José Antonio Quintas e Nacho Sola, os protagonistas da aventura. | FOTO: Caminos de tierra.

Tres mozos verinenses decidiron iniciar unha aventura que quedaría marcada nas súas vidas. 11 países. 45 días. Un coche e unha caravana autosustentable de 8 metros cadrados.

José Antonio Quintas, o promotor da aventura, sempre foi un soñador. Activo, teimudo e loitador. Comezou a maquinar ideas e despois de varias experiencias no sector audiovisual decidiu darlle forma a este proxecto. Precisaba compañía, facelo só era demasiado utópico. Dende o primeiro momento tivo claro que buscaba persoas que ante todo non puxeran trabas durante a convivencia e a resposta estaba preto del. Andrés Gonzalo e Nacho Sola, moi bos amigos. "Non imaxinaba ninguén mellor, e así mo demostraron", di Quintas. A decisión foi a acertada. Andrés Gonzalo foi o condutor e o técnico deportivo do proxecto e Nacho Sola, o responsable do marketing dixital do documental.

Tres persoas convivindo durante 45 días, mañá, tarde e noite, sen descanso. Esta aventura non cambiou nada a súa amizade, senón que a reforzou máis. Tres persoas moi diferentes, pezas que acabaron encaixando á perfección. A ansia de Quintas enfróntase coa calma de Nacho e Andrés. Nacho é resolutivo, tranquilo e paciente. Andrés é constante e activo, unha persoa coa que conversar de calquera tema. Quintas busca sempre chegar ata o final, tenaz e con moita actitude.

Tras percorrer España, Francia, Mónaco, Italia, Austria, Hungría, Polonia, República Checa, Alemaña, Países Baixos e Bélxica volveron a Verín, onde foron recibidos con gran ilusión e co agarimo da xente que os quere. Despois de meses de traballo intenso na creación do documental, este xoves 30 de xaneiro, presentouse no Teatro Principal de Ourense Caminos de tierra. Entradas esgotadas, 90 minutos de duración e unha resposta positiva por parte do público.

Presentación de Caminos de Tierra o xoves 30 de xaneiro no Teatro Principal de Ourense.

Tras a resaca emocional da estrea, José Antonio Quintas conversa con Diario do Támega e achéganos a experiencia persoal do desafío que viviron estes tres verinenses.

Cal é a orixe deste proxecto?

Dende sempre fun aventureiro e tiña moi claro que necesitaba empezar algo que unise o meu traballo e as miñas ganas por activar algunha acción contra o cambio climático. Se xuntas os meus estudos - técnico superior de turismo e grao en Belas Artes- supoño que as ideas poden chegar a ser moi dispares. Coa produtora fundada en 2016 -Pixel Audiovisuais- e tras formar parte doutras rodaxes e documentais a nivel nacional foi cando obtiven a confianza de liderar a miña propia idea. Así foi como decidín poñer en marcha rodar o primeiro documental con enerxías renovables nunha caravana vintage.

Como foron eses 45 días percorrendo tantos quilómetros?

En ningún momento nos desanimamos, tiñamos moi claro que había que cumplir o desafío. Cando miras os quilómetros dende unha perspectiva inicial parecen moitos, incluso demasiados. Rodar en lugares marabillosos, as duchas de auga fría a menos 10 grados, a xente que coñeces co paso dos días fan que vexas o percorrido doutra maneira e se faga máis levadeiro.

Algún gran recordo da viaxe?

Máis alá dos lugares que visitamos creo que os tres coincidimos nun momento, na nosa chegada a Francia conocimos a Cristian, un francés encantador, estaba aparcado ao noso lado nunha vella ambulancia, que a converteu na súa vivenda. En dous días contounos a súa vida e descubrimos unha gran persoa, un dos tesouros que ganamos na viaxe.

E algunha situación na que se complicaran os plans?

Un día deixou de funcionar o equipo eléctrico, o que puido supoñer un gran problema para cargar os equipos con enerxía solar. Limos as instrucións e puxémonos mans a obra. Tras unha hora e uns cantos chispazos, conseguimos reparalo e foi un momento moi importante que nos fixo gañar confianza.

Foi fácil adaptarse a vivir durante 45 días nun espazo tan pequeno?

O habitáculo da caravana ten 8 metros cadrados, o que supón unha organización milimétrica para vivir tres persoas. As camas montábanse cada noite e durante o día era unha oficina. O principio pensamos que sería difícil, pero decatámonos de que o ser humano ten unha capacidade de adaptación brutal. Era a nosa casa e sentímonos moi cómodos. Organizámonos moi ben para as tarefas domésticas como cociñar, limpar, asearse e tamén á hora de taballar e cargar os equipos.

No tocante á caravana, por que dediciu restaurala e empregala para este proxecto? Non tería resultado máis sinxelo alquilar unha nova ou empregar unha autocaravana?

É un proxecto sostible e tiña moi claro que reciclar era o un punto fundamental, entón, por que non reciclar a caravana? Sería moi sencillo facelo cunha máis moderna está claro, pero non mellor. A caravana ten a súa propia historia e é moi peculiar. Durante o desafío e tras salir nos medios de comunicación contactaron con nós algúns antigos donos,e gustounos coñecer a historia da nosa compañeira de viaxe.

Cal é a filosofía principal de Caminos de tierra?

Moi sinxelo. A liberdade que che dá viaxar desta maneira, a oportunidade de despertar cada día en lugares de película. Normandía, a Bretaña francesa, Os Alpes, os Pirineos, a Ribeira Sacra... Era algo revitalizador, algo que te relaxaba dunha forma inusual. Tamén está o aspecto de contactar co medio, coa natureza. Fixemos un estudo da enerxía eléctrica que necesitamos para 45 días, incluso da auga que consumimos tres persoas durante a viaxe, sobrevivir con 30 litros ao día para os tres... Daste conta de que fai falta realmente moi pouco para sentirte a gusto. E o máis importante, dar a coñecer aos mozos dunha forma moi visual e divertida como unha produtora é capaz de rodar unha película de forma sostible.

Foi o inicio dun cambio, de ver que somos capaces de vivir con menos e non por iso privarte de cousas, queriamos completar o desafío dunha forma diferente e conseguímolo.

Ademais da idea principal do proxecto, de levar a provincia de Ourense por Europa e potenciar a autosostibilidade, que outras ideas resalta do proxecto?

Reciclar e consumir enerxía dun modo responsable ao igual que comprar dunha maneira máis eficiente. Pero gustaríame resaltar a educación dos nenos, os que herdarán o mundo que estamos destrozando. A un neno resúltalle aburrido que o ensinen a reciclar no colexio, veo incluso negativamente xa que é como se formase parte do estudo. Hai que cambiar iso, hai que ensinarlle aos maiores a educalos dunha forma máis cómoda e dinámica. Queremos que este traballo que culminou en documental se convirta nunha ferramenta e ensinanza onde estos mozos vexan como tres persoas aventureiras desafían o cotián realizando pequenos cambios nos hábitos diarios para mellorar e aportar algo que beneficie ao medio ambiente. Como dicimos na nosa campaña, #thechangeisme el cambio empieza en uno mismo.

 Tras a fin da viaxe, o material audiovisual debía ser abundante. Difícil de concentrar nun documental. Está contento co resultado obtido?

Xuntamos 300 horas de grabación con imaxes espectaculares, e momentos dos que nunca me quero olvidar. Tiña moi claro que había que coller o mellor e resumilo nunha película de 90 minutos. Para iso, Carlos Tomé (guionista) entra no xogo. Tras moitas chamadas, visualización de material e reunións interminables conseguimos unha estrutura que nos convencía, queriamos ser dinámicos e moi precisos, queriamos ter imaxes incribles e todo en moi pouco tempo. Levamos unha mensaxe dunha forma moi visual e divertida. Vin o documental máis de 200 veces, xa que o montei, pero tras o traballo de Xácome Aleixandre (postproducción) quedei alucinando. Gústame e teño pena de non ser unha persoa calquera que non o vise e poder desfrutar del por primeira vez no estreo, aínda así as ganas de velo na gran pantalla tras todo este traballo son esaxeradas.

Cal é a ensinanza máis grande desta aventura?

Persoalmente gañei confianza, son moi consciente de que se alguén quere conseguir algo só ten que loitar por elo, sen desistir e sobre todo crer nun mesmo, se tu non cres en ti mesmo máis dificil será facer que alguén crea en ti.

Onde quere chegar co documental?

O documental é libre, agora pode chegar a calquera, e se o ven 10.000 persoas e consigo que unha delas sexa consciente do cambio que necesitamos, doume por satisfeito. Espero que este documental chegue a moitos rincóns e que poida entreter ao público.

Algún proxecto futuro?

Estamos traballando nalgo, un proxecto moi ambicioso. Se Caminos de tierra nos levou traballo, o seguinte absórbenos por completo. E xeneralizando, quero seguir traballando activamente en proxectos que aporten beneficios tanto á sociedade como o cambio climático.

José Antonio Quintas, produtor de "Caminos de tierra": "Foi o inicio dun cambio"