Xoves. 28.03.2024
O conselleiro de Medio Rural, José González (no centro), conversa con efectivos das brigadas do seu departamento. | FOTO: Medio Rural.
O conselleiro de Medio Rural, José González (no centro), conversa con efectivos das brigadas do seu departamento. | FOTO: Medio Rural.

O conselleiro de Medio Rural, o ourensán José González, achegouse esta tarde ao Concello de Monterrei e percorreu, acompañado do alcalde do municipio, José Luis Suárez Martínez, a práctica totalidade das localidades que se viron afectadas polas lapas nas últimas xa máis de 24 horas de actividade do lume. 
Pouco antes das 20:00 horas, só quedaban con lume un par de pequenos focos, un próximo ao núcleo da Caridade, no que traballaban case a totalidade dos medios aéreos dispoñibles neste incendio. O outro localizábase nas inmediacións de Requeixo, onde tamén se efectuaban tarefas máis de refresco que de extinción. 
Á espera da actualización da información, foron unhas 450 hectáreas as que se carbonizaron entre as cinco da tarde de onte 24 de xullo e as 9:00 horas deste día do apóstolo, onde os principais e máis cuantiosos danos, aínda sen valorar, se rexistraron nun invernadoiro de tomates, en varios viñedos de dúas adegas da denominación de orixe Monterrei, nos soutos de castiñeiros dos veciños de Flariz e en varias ducias de colmeas. Ademais, víronse afectados conxuntos arqueolóxicos como o do castro Muro da Cidade de Medeiros ou os paneis indicativos dun dos lagares rupestres que se atopa a carón da estrada que une a anterior localidade con Villaza (Monterrei). 
O lume chegou tamén ao canón do río Bubal, unha zona dun alto valor ecolóxico e onde arderon carballos de máis de medio século de antigüidade. 

Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 16 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que tamén situaron sobre o terreo, ademais de motobombas, vehículos todoterreo e camións cisterna. A Axencia de Emerxencias de Galicia fixou en Medeiros o posto de mando avanzado dende o que se controlaban os medios que combatían as lapas. Tamén a AXEGA desprazou ata Monterrei dous camións trailers cisterna nodrizas das motobombas que penetraban no monte. 

O perigo dos lumes sempre son os incendiarios, temos que acabar con esta lacra definitivamente (José González, conselleiro de Medio Rural)

O titular da consellería de Medio Rural, José González, amosou a súa indignación pola "existencia deste tipo de lumes que claramente son intencionados, e indignación tamén porque foi unha semana na que se pretendeu que ardera enteira a comarca de Monterrei. Fixérono en Vilardevós, en Riós, pola noite... Os incendios pola noite non saen sós; estiveron tamén en Infesta, en Guimarei... Indignación ó comprobar que hai xente que tendo en conta que as condicións climatolóxicas son tan adversas non só para os bens senón tamén para a cidadanía, seguen prantando lume", apuntaba González Vázquez, quen convidou a todos a colaborar na identificación dos posibles autores deste desastre medioambiental, porque, lembrou, "o perigo dos lumes sempre son os incendiarios, temos que acabar con esta lacra definitivamente", apuntou. 

Co conselleiro estaba tamén o rexedor, José Luis Suárez, quen compartiu a indignación do titular de Medio Rural: "Ata que non o conseguiron, non pararon. Aproveitaron un día con moitísimo vento e lle prantaron nun sitio estratéxico. Temos a desgracia de que hai xente que semella que disfruta con estas cousas, o único que lle pido á cidadanía é que colaboren para collelos e metelos no cárcere, que é onde teñen que estar os delincuentes", manifestou o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez. 

José González: "Foi unha semana na que se pretendeu que ardera enteira a comarca de...