Xoves. 28.03.2024
A anterior intervención tiña, a día 1 de xaneiro de 2020, más 2,7 milllones de euros sen imputar aos orzamentos

O Concello de Verín regulariza a súa contabilidade e desatasca o pago de 1,8 millóns de euros de facturas atrasadas

A 1 de xaneiro de 2020 as facturas atascadas na contabilidade do Concello de Verín eran dun importe superior aos 2,7 millóns de euros. Cando remate o ano, esa cantidade será cero. Un recoñecemento extraordinario deses créditos dos proveedores -facturas que "non foron debidamente recoñecidas con cargo a ningún orzamento", di a nova interventora enmendando a plana da xestión anterior- permitirá que os últimos 1,8 millóns de euros que estaban sen pagar comecen en poucas semanas a cobralos. 

El pleno de este 11 de noviembre se celebró, como los últimos, en la Casa da Cultura. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
O pleno deste 11 de novembro celebrouse, coma os últimos, na Casa da Cultura. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O último pleno do Concello de Verín vén de aprobar un recoñecemento extraxudicial de créditos para regularizar o atasco contable e que a propia interventora en acumulación actual cifrou, a día 1 de xaneiro deste ano, en 2.654.733,96 euros, de facturas que "estando debidamente rexistradas no Rexistro de Facturas do Concello, non foron debidamente recoñecidas con cargo a ningún orzamento". 

Con esta última modificación orzamentaria, que permitirá imputar os importes de todas as facturas aínda pendentes de pago de anos anteriores ao exercicio 2020 contra o remanente de tesouraría existente nas arcas municipais (1.777.533,48 euros), os proveedores do Concello de Verín que aínda teñan facturas pendentes de pago de anos anteriores ao actual verán, nas vindeiras semanas, o diñeiro dos importes pendentes ingresados nas súas respectivas contas correntes.

Logo deste acordo plenario verinense, e como tamén así o confirmou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a preguntas do voceiro do Partido Popular, Juan Manuel Jiménez, "non queda ningunha factura no caixón e ningunha factura de anos anteriores pendente de abonar", circunstancia que tamén celebra a interventora en acumulación do consistorio verinense, quen recoñece no seu informe favorable á proposta do concelleiro delegado de Facenda, o tenente de alcalde Diego Lourenzo Moura; entender que "esta é a fórmula axeitada para poder pagar aos proveedores aos que se lles adebeda, o que resulta necesario, tanto para os propios proveedores, que levan sen cobrar moito tempo dándolle un voto de confianza ao Concello, posto que foron moi poucos os que acudiron á vía xudicial para poder cobrar a factura e os intereses que lles corresponderían, e o cobro destas facturas sen dúbida axudará a que poidan soportar mellor a crisis sanitaria e económica na que estamos inmersos", di a habilitada nacional responsable da intervención municipal do Concello de Verín. 

Remata a interventora o seu informe favorable recoñecendo que non "se podía seguir nesta situación de irregularidade na contabilidade, con todas estas facturas pendentes de imputación a un orzamento, e incumprindo as súas obrigas cos proveedores", di. 

Por que se chegou a esta situación?

Un recoñecemento extraxudicial de créditos non é máis que un trámite administrativo polo que se lle dá carta de natureza a unhas facturas de gastos que, ben non tiñan partida orzamentaria contemplada nos presupustos anuais por seren adquisicións de bens ou servizos extraordinarios ou ben téndoa, non estaba suficientemente dotada. É dicir, que se para gastos de enerxía eléctrica se presupostan 300.000 euros ao ano e hai facturas por 320.000, é preciso facer un recoñecemento extraxudicial deses 20.000 euros para poder pagar a totalidade do importe anual do consumo eléctrico do Concello. E, para facelo, ou ben se realiza unha modificación dunha partida na que se estimou que se gastaría ao ano 200.000 euros, e só se gastaron 180.000 -esto é, traspasar eses 20.000 euros dunha partida a outra para que todo quede compensado, liquidado e pagado- ou se aplica o exceso deses 20.000 euros con cargo ao remanente de tesouraría, como así fixo esta corporación neste último pleno. 

Celebro que coa nova interventora se desbloqueasen estas facturas e poder liquidar así todas as pendentes de exercicios anteriores (Gerardo Seoane, alcalde de Verín)

Algo que semella tan sinxelo, na xestión ordinaria dun Concello precisa da aprobación plenaria logo de que a intervención municipal así ao autorice, como ocorreu co aprobado neste último pleno. "É certo que todas estas modificacións e axustes contables pudéronse ter feito moito antes e non facer agardar aos nosos proveedores tanto tempo pero, lonxe de buscar responsables, que os hai, celebramos que coa nova interventora se desbloqueasen estas facturas e poder liquidar todas as pendentes de exercicios anteriores", asegurou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane. 

O Concello de Verín regulariza a súa contabilidade e desatasca o pago de 1,8 millóns de...