viernes. 19.04.2024
Nas piscinas da Granxa están perfectamente delimitados os corredores de entrada e saída. | FOTO: Carlos Montero.
Nas piscinas da Granxa están perfectamente delimitados os corredores de entrada e saída. | FOTO: Carlos Montero.

A concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez anunciou este martes que as piscinas públicas descubertas do complexo deportivo da Granxa abren hoxe mércores día 1 de xullo. Farano cunha serie de modificacións no seu uso, destinadas a garantir a seguridade dos seus usuarios e atendendo ás actuais indicacións sanitarias.

O aforo total permitido das instalacións será de 300 persoas, en horario de 12:00 a 20:00 horas. Haberá un corredor de entrada e saída diferenciados para a instalación, sendo obrigatorio o uso de máscara na zona de recepción e vestiarios. Nestes últimos, as duchas non estarán dispoñibles. Así mesmo, reforzarase a limpeza e desinfección das instalacións para cumprir co esixido pola lexislación vixente en materia de Covid-19.

Haberá dispensadores de xel desinfectante nas devanditas zonas, así como unha alfombra na entrada para desinfectar o calzado da rúa. Aínda así será obrigatorio utilizar calzado de piscina (chanclas) na zona de praia.

As instalacións terán unha sinalización coa normativa que deberá de respectarse en todo momento, tanto por medio de marcas no chan como por sinais verticais informativos. Ademais, débese cumprir con aquelas indicacións que poidan dar os empregados, que vixiarán en todo momento que se cumpra coa normativa.

Será obrigatorio manter sempre a distancia de seguridade, tanto fóra como dentro da auga, agás as unidades familiares que convivan xuntos e persoas que por motivos de saúde necesitasen dunha persoa para asistilas.

Nas zona de baño (piscinas) haberá entradas e saídas diferenciadas, sendo o uso da ducha obrigatorio antes de acceder ás mesmas. Na zona de praia haberá corredores habilitados para o tránsito e zonas habilitadas de praia, ambas sinalizadas. Non estará permitido o uso de xoguetes ou outros obxectos de entretemento.

Tamén en Oímbra

Non serán as únicas instalacións de ocio que abren nesta xornada. A alcaldesa do Concello de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, tamén confirmou que dende hoxe, a partires das 14:30 horas, quedan abertas as súas piscinas municipais. Pecharán este mércores, e o resto dos días, ás 21:00 horas. 

O Concello de Verín limita a 300 persoas o aforo das piscinas da Granxa, que abren hoxe