Imprimir

CORONAVIRUS | O Concello de Laza suspende todas as actividades públicas en espazos abertos

Xosé Lois Colmenero | 31 de xullo de 2020

José Ramón Barreal Novo volveu a recuperar hoxe o sillón presidencial do salón de plenos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
José Ramón Barreal Novo volveu a recuperar hoxe o sillón presidencial do salón de plenos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

José Ramón Barreal Novo presidiu o primeiro pleno da súa etapa como alcalde de Laza, logo de recuperar o bastón de mando tras a renuncia de Blanco Conde. Designou aos seus tenentes de alcalde e, coñecidos os casos de coronavirus adiantados por Diario do Támega, decretou a suspensión de todas as actividades públicas en espazos abertos

Foi un pleno de trámite, onde como datos máis salientables, se coñeceron os nomes dos novos tenentes de alcalde do Concello de Laza e dos membros da xunta de goberno. Víctor Saínza, Lidia Diéguez e Lorena Costa incorpóranse como edís do Partido Popular ao equipo de Barreal Novo, ocupando igualmente e por esa orde as primeiras, segundas e terceiras tenencias da alcaldía. 

Tamén se deu conta da renuncia de Pablo Pazos Amado, concelleiro de PSdeG que presentou a súa demisión pouco despois do pleno de elección de novo alcalde. Saúl Castro García, hostaleiro da vila lazana, ocupará o seu lugar na Corporación polo partido socialista. 

Foi, pola contra e como así confirmou o rexedor Barreal Novo "despois de que a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, me chamara onte pola noite para darme conta dos novos casos coñecidos", o coñecemento dos novos casos de COVID en Laza -adiantados por Diario do Támega- o tema que acabou monopolizando a curta sesión deste mediodía. O alcalde informou ao resto dos grupos que "tratándose de que xa somos unha poboación de risco polo coñecemento deses novos casos, decretei a suspensión de todas as actividades públicas ao aire libre. Falei tamén con todos aqueles establecementos que tiñan preparados algún tipo de evento, como era unha paella no Regueiro Seco, o pincho sábado que organizaran cinco locales de Laza e as clases de zumba previstas para o día 8 de agosto", afirmou Barreal Novo. 
Deulle a palabra ao resto de portavoces da xa oposición, Jesús Blanco e Jorge Lorenzo, quen tamén advertiron, o primeiro, "de que o risco para este Concello vén agora, porque o COVID segue estando aí", antes de tomar a súa quenda Lorenzo Vila, que reclamou unha campaña de concienciación da máscara entre a poboación. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/laza/concello-laza-suspende-todas-actividades-publicas-espacios-abertos/20200731140646009926.html


© 2020 Diario do Támega

O primeiro dixital da comarca de Monterrei