miércoles. 24.04.2024
organizaron sendas campañas polo Nadal con sorteos de regalos e ata uns celebraron as badaladas diante da parroquia

Comerciantes da Rúa Maior e da Zona Nova de Verín promoven, por separado, actividades para animar á xente a mercar

Os comerciantes da Rúa Maior de Verín crearon un grupo de Facebook para impulsar de maneira máis concentrada o comercio local en Verín. Esta iniciativa gustou, e os establecementos da zona nova decidiron facer algo similar para promocionar tamén ditas tendas. Estes grupos buscan complementar a Aever, a asociación de empresarios de Verín.

Sorteo de Nadal do grupo Rúa Maior.
Os comerciantes da Rúa Maior sortearon en Nadal un importante lote de produtos das súas tendas.

A asociación de empresarios de Verín, Aever, constituíuse para defender e sacar adiante o comercio local da vila. A día de hoxe son moitos os comercios que forman parte deste colectivo, e aínda así, algúns animáronse a levar a cabo outras campañas promocionais para apoiar a Aever. Os grupos de Facebook Rúa Maior e Comercio Zona Nova de Verín están a realizar iniciativas sinxelas que animan á xente a mercar nos pequenos establecementos e, así, darse a coñecer. Suporá isto a división do comercio local en Verín ou será un aliciente para loitar polo rexurdimento do mesmo?

Os pioneiros foron os comerciantes da Rúa Maior. Comezaron en Samaín decorando a rúa, facéndoo agora de novo, en Nadal. Sorteos e concertos dos integrantes do Conservatorio de Verín son algunhas das actividades que organizan para animar á cidadanía a pasar polas súas tendas e locais. A iniciativa organizada que máis chamou a atención foi a reunir ao redor de 50 persoas na Igrexa Parroquial de Verín o 31 de decembro para tomar as uvas fronte o reloxo da torre ao son das súas badaladas, algo que nunca se fixera en Verín. Este sábado, ás 11:30 horas, os alumnos do Conservatorio de Verín tocarán algunhas cancións nun percorrido pola Rúa Maior.

Esther Pato, de Xoiería Pato na Rúa Maior, asegura que están contentos con Aever e que a iniciativa débese a que ó seren tantos establecementos na Asociación é difícil poñerse de acordo e recalca que non se trata de competir, senón de atraer á xente a Verín. "A nosa rúa necesitaba un pouco de impulso porque estaba abandonada, entón decidimos crear o grupo”, di Esther Pato.

Non se trata de competir, senón de atraer á xente a Verín (Esther Pato, do grupo da Rúa Maior)

oscar1 As badaladas na Igrexa organizadas polo grupo Rúa Maior de Verín.

Pola súa banda, o grupo Comercio Zona Nova de Verín creouse por unha necesidade similar á dos pioneiros. Decidiron por en marcha esta agrupación que acabou contando con 47 integrantes. Mariluz Feijoó, de Deportes Feifer, encargada dos membros da zona nova, conta que se creou o grupo con idea de intentar animar e incentivar o comercio. "Todos sabemos que a cousa non está ben, se nós non nos molestamos en facer nada... non me parece lóxico", asegura, e insiste en que Verín é unha vila na que hai de todo, "por iso os comerciantes temos que tirar del, porque se non, ninguén o vai facer".

zona novaIntegrantes de "Comercio Zona Nova de Verín".

O grupo Comercio Zona Nova de Verín leva pouco tempo en funcionamento, pero xa decoraron as súas tendas polo Nadal e teñen preparado un sorteo para o día de Reis. Asimesmo, este sábado 4 de xaneiro, ás 19:00 horas, cada establecemento soltará "farolillos", para iluminar o ceo de Verín, unha actividade que dende a organización coidan que vai gustar e atraer á xente. "Así, as persoas quedan con onde estás, quen es e como funcionas, e iso sempre é bo", indica Mariluz Feijóo. Este grupo insiste na idea de que en ningún momento se fixo con mala intención nin con afán por competir coa Rúa Maior. Coa iniciativa de promocionar os seus negocios tan só se pretende animar á xente a que merque en Verín.

Así, as persoas quedan con oonde estás, quen eres e como funcionas, e iso sempre é bo (Mariluz Feijóo, do grupo Comercio Zona Nova de Verín)

Ante a situación, Gerardo Seoane, alcalde de Verín, asegura que son actividades complementarias a Aever e que non supoñen ningún perigo. "É lóxico que cada un tire para a súa zona, non vexo ningún tipo de problema", di Seoane. A asociación de empresarios, polo momento, non quere falar ata que se celebre unha reunión cos integrantes de Aever para estar ao tanto da situación e ver como van evolucionando estas iniciativas.

Comerciantes da Rúa Maior e da Zona Nova de Verín promoven, por separado, actividades...