jueves. 25.04.2024
Miguel "Chita" disfrazado de "Frai Chitin".
Miguel "Chita" disfrazado de "Frai Chitín".

O Entroido de Verín quenta motores o sábado 15 de febreiro coa estrea do documental O noso Entroido, que se proxectará no Auditorio de Verín, ás 20:00 horas dentro dunha gala solidaria que se celebrará para recadar diñeiro integramente para a Asociación contra o Cancro de Verín. Na cita haberá varias actuacións musicais e o acto será conducido por Miro Mateo. Así mesmo, entre os asistentes celebrarase un sorteo de varias obras de arte de creadores plásticos da comarca de Monterrei. Dúas pinturas de Fernando Barreira, unha esculto-pintura de Xosé Rivada, unha sudadeira decorada de Manuela Rojas e unha xilografía de Rafa Castro.

O noso Entroido é un documental realizado por varios verinenses baixo a dirección do senlleiro entroideiro Miguel Ángel Prieto Sotelo, coñecido como "Chita", que ten unha trama vibrante  - de trepidante "vis cómica"- e consiste nas manifestacións espontáneas do público ante o protagonista que percorre os “puntos quentes” do Entroido cunha misión: dilucidar cal é “o mellor Entroido do mundo”. O resultado é unha desternillante procesión de personaxes que pugnan, entre todos, por dar resposta a esta pregunta, posiblemente a máis transcendente para varias comarcas do sur de Galicia.

O noso Entroido fai que estes festexos dean un salto ao audiovisual, grazas á rodaxe durante os dous últimos anos dos verinenses "Chita", Óscar Conde Pérez e Juan Carlos Méndez Damorín, e a participación de ducias de veciños de Verín e outras localidades.

Promoción do documental O noso Entroido. | VÍDEO: Concello de Verín.

Miguel "Chita" tamén é o pregoeiro do Entroido de Verín 2020, e o Domingo de Corredoiro, 16 de febreiro, ás 13:30 horas, na Praza Maior, pronunciará o tradicional pregón ante multitude de persoas e co son das chocas de fondo. Diario do Támega conversa con este entroideiro sobre diferentes puntos que xiran todos en torno ao Entroido.

Como xorde O noso Entroido?

A idea xurdiu case sen querer, porque estabamos argallando reportaxes coa xente do pobo, de forma espontánea e sen guión, polo mero feito de divertirnos e pasalo ben entre nós. Pero unha vez que nos paramos a visualizar o que gravamos, xurdiu a idea de facer un pequeno corto para proxectar na miña adega en Ábedes o luns de Entroido, aproveitando que celebramos o 10º aniversario da festa na adega.

A xente que viu o primeiro corto quedou encantada e animáronnos para que o perfecionáramos un pouco e o exhibíramos a máis xente. Óscar Conde colleu o recado e comenzamos a traballar no tema ata hoxe, do que saíu O noso Entroido.

Quen son Óscar Conde e Juan Carlos Méndez Damorín?

Óscar e Juan Carlos son dous fenómenos, ademais de amigos de toda a vida, sobre todo Damorín, co que compartín biberóns naqueles tempos de sequía. Óscar é máis novo ca nós, pero ten o noso corte bromista e é un creativo incansable.

Moitas das persoas que saen en O noso Entroido son persoas ben coñecidas da comarca. Cal é a explicación disto?

Os personaxes que saen no corto son entroideiros de Verín e de outros lugares, que topamos espontaneamente polas rúas sen máis. Quedo con pena de non poder gravar a moitos, como por exemplo, á xente da Banda do Xosé e de outras agrupacións, pero foi imposible dar con todas as persoas que queriamos.

O resultado do documental é o que esperaba?

O resultado está aí, un anaquiño de risas, provocación, incertidume e como non, emoción. Eu xa vin o documental mil veces e non sei xa que dicir, teño intriga do que opinará a xente que o vexa. Ó fin e ó cabo, esta actividade está pensada coa finalidade de pasalo ben e de recadar fondos para unha boa causa.

A improvisación, a comedia na rúa e o dobre sentido, é dicir, a ironía, son fundamentais no Entroido, se non temos estas cousiñas xa non é Entroido (Miguel "Chita", pregoeiro do Entroido de Verín 2020)

Este ano será o encargado de dar o pregón o Domingo de Corredoiro. Que supón isto para vostede?

Dar o pregón do Entroido no meu pobo, o que tanto quero, é un agasallo que aínda teño que desfrutar. Estou agradecido e emocionado. Eu teño o sentimento entroideiro a flor de pel coma todos os de aquí, e espero e desexo que o desfrutemos todos a tope.

Que é para vostede o Entroido?

O Entroido para min é unha catarse colectiva, unha transformación do cotidiá, unha transgresión e unha provocación ben entendida. A improvisación, a comedia na rúa e o dobre sentido, é dicir, a ironía, son fundamentais no Entroido, se non temos estas cousiñas xa non é Entroido.

E o de Verín, que significa?

O de Verín é sinxelamente o meu Entroido, o que vivo e o que me fai dobrar o xeonllo cando chega o Mércores de Cinsa, o que me apaixona e o que me gustaría que non morrera xamais. Un Entroido en continuo crecemento, cheo de creatividade e inxenio como tiveron os de antes, os valentes, os que saían cando non se podía facer moito barullo. Eles foron os verdadeiros artífices desta festa. Eu copio deles con orgullo!!

Que espera do Entroido deste ano?

Espero que sexa unha festa multitudinaria como está sendo nos derradeiros anos, un Entroido intenso con ritmo e alegría, unha algarabía, un bullicio, unha exaltación da diversidade e da improvisación.

Os que veñen de fóra non acaban de entender o que sinte un verinense que vive o Entroido dende cativo. Como lle explicaría ese sentimento para que o entenderan?

Este sentimento entroideiro é difícil de explicar, vai por dentro da alma e cando asoma febreiro sae cunha forza desorbitada. É como o sentimento do Cigarrón, esa nobreza en forma de actitude limpa é o que ten un bo Cigarrón. É un sentimento parecido, pero coido que o mellor é non explicarlle a ninguén o que se sinte, é mellor demostralo!

Aquí acollemos ós que queiran divertirse, comer, beber e sobre todo, sentir esta festas (Miguel "Chita", pregoeiro do Entroido de Verín 2020)

Que opina da polémica que se creou polo cartel promocional do Xoves de Compadres do Pub Revólver?

D. Antonio Fernández Torcuato, o "Cesteiro", un entroideiro de Verín, ademais de ser meu amigo é unha referencia do que debe ser o Entroido. Ninguén como o "Toño" sabe manexar os rexistros desta festa. De feito sempre ten a maxia e a destreza de revolucionar un galiñeiro de forma maxistral.

Eu só podo dicir que o "Cesteiro" é un entroideiro de categoría supeiror, xamais sería capaz de facerlle dano a ninguén, nin a institucións, nin a organismos, e menos a persoas. O Pub Revólver non se pecha e punto, con pediatra ou sen pediatra... O que deberiamos é aprender a ter humor e ironía!!

E sobre o que dixo alcalde, Gerardo Seoane, de que os que veñan a pelexar e facer botellón non son benvidos?

Estou totalmente dacordo co alcalde. Aquí escusamos xente que veña a destrozar, ensuciar ou molestar. Aquí acollemos ós que queiran divertirse, comer, beber e sobre todo, sentir esta festas. As nosas adegas están abertas para todos eles.

Para rematar, vostede é dos que di “eu a Xinzo non vou” ou é dos que pensa que hai que desfrutar de todos os Entroidos?

Eu vivo o meu Entroido, como xa dixen. Estiven en varios Entroidos distintos ao noso, e cada un ten o seu encanto, pero se me dan a elixir... Por unha parte, quero estar no de Verín, e pola outra, non quero ir a ningún outro!!!

Miguel "Chita", o pregoeiro deste ano: "O Entroido para min é unha catarse colectiva"