Venres. 29.03.2024
Os responsables do traballo de campo presentaron os seus primeiros achados á Universidade de Vigo e aos concellos implicados

Os catro mil anos do Castelo de Lobarzán comezan a marabillar

Ninguén dubida xa que tanto Oímbra como Monterrei acaban de atopar un verdadeiro tesouro agochado no límite xeográfico entre dous municipios. O outeiro de A Ceadá e o propio Castelo de Lobarzán comezan a cuspir séculos de historia, mínimo catro milenios. Unha representación da Universidade de Vigo, que asinou un convenio cos concellos de Oímbra e Monterrei para o seu estudo, visitou a zona cero dos primeiros traballos de posta en valor.

A intervención arqueolóxica que dende o pasado 8 de xullo un equipo da Universidade de Vigo está a levar a cabo no coñecido como Castelo de Lobarzán ou castro das Laxes de As Chas, entre os concellos de Oímbra e Monterrei, recibiu este martes a visita da Vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas e da Decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda, que en todo momento estiveron acompañadas por unha representación dos dous municipios (a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, e a concelleira de Monterrei, Marina Salgado) así como da directora do proxecto de posta en valor do lugar e o director do traballo de campo, os arqueólogos Beatriz Comendador e Víctor Rodríguez Muñiz, respectivamente. 

Esta actuación, lembrouse na visita, xorde no marco dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oímbra e Monterrei para a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do Castelo de Lobarzán e a súa contorna a cargo de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. O proxecto conta para a súa realización cunha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), sendo o orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

Xa se fixeron todos os labores de retirada de derrube e de desbroce, o que permitiu completar a visión que se tiña do conxunto das estruturas, especialmente do sector do castelo

Na intervención participan sete arqueólogos e dúas persoas de apoio, aos que hai que engadir persoal externo que realiza tarefas de levantamento do xacemento con dron e análise de cerámica en laboratorio, entre outras. Sobre o traballo desenvolvido nas primeiras semanas de intervención, os seus responsables sinalan que “o balance ata o momento é moi favorable”. “Xa se fixeron todos os labores de retirada de derrube e de desbroce, o que permitiu completar a visión que se tiña do conxunto das estruturas, especialmente do sector do castelo”, comenta Víctor Rodríguez. A zona que ocupa o xacemento, explican os responsables do proxecto, é un recinto de arredor de 5,5 hectáreas e nel a intervención arqueolóxica realízase en dous sectores. O primeiro deles é o coñecido como monte do castelo, onde ao inicio do proxecto se conservaba unha parte mínima das súas estruturas á vista, e o segundo dos sectores é o coñecido como A Cerca ou A Ceadá.

Na visita, guiada en todo momento por Rodríguez Muñiz, puidéronse comprobar xa os primeiros e importantes achados destes traballos preliminares, como foron dous sartegos, un deles antropomórfico, e dúas tampas, así como unha pedra, que ben podería ser un taboleiro de xogo que ten gravada unha clara referencia ao derradeiro notario do Castelo de Lobarzán, alá polo 1260, todos eles no primeiro dous sectores, o do outeiro de A Ceadá. Estas pezas completáronse co descubrimento dunha construcción na que se realizará a primeira das catas para obter maior información, entre elas, o seu tipo e datación. 

           

Víctor Rodríguez Muñiz, o arqueólogo director do traballo de campo, explica as actuacións e os achados levados a cabo no outeiro de A Ceadá. 

           

Neste anterior vídeo, Rodríguez Muñiz refírese aos sartegos atopados así como á construcción na que se levantará a primeira das catas neste sector. 

     

Taboleiro de xogo en pedra no que se reproduce o signo do derradeiro notario de Lobarzán. 

A SORPRESA NO SECTOR DA TORRE

Na zona do castelo, comenta Víctor Rodríguez, “os resultados foron espectaculares, cambiou completamente a perspectiva que tiñamos da súa dimensión e da súa configuración”. O seu recinto, indica, agora é visible de maneira íntegra “cunha dimensión bastante maior á esperable, porque había unha zona inexpugnable por causa dunha maleza moi mesta que  impedía entrar por outras frontes”.

No anterior vídeo, Rodríguez Muñiz explica á comitiva os espectaculares achados na sector do propio Castelo de Lobarzán. 

Este recinto defensivo, engade o arqueólogo, engloba unha torre, “da que se coñecía a súa existencia pero da non se podía ver claramente a súa configuración”. Coa limpeza feita, detalla, pódese ver xa “que se trata dunha torre cuadrangular, cunha construción moi sólida, con cantería moi ben traballada, moi rexia, apoiada parcialmente en bolos graníticos naturais e rodeada por unha liña de muralla”. Esta liña de muralla, apunta, agora pódese ver integramente, xa que ata o de agora só se coñecía unha das súas frontes. “Esta muralla engloba outras estruturas que consideramos que poden ser anteriores, de época romana, e que continúan en uso no alto medievo”, sinala Rodríguez Muñiz.

MILENIOS DE HISTORIA E PINTURAS RUPESTRES ÚNICAS

Pola súa posición estratéxica, como balcón natural aos ríos Támega e Búbal; e pola súa riqueza natural, biolóxica e xeolóxica, os responsables do proxecto lembran como se baralla a hipótese de que o xacemento tivera unha ocupación continuada ou case continuada de catro milenios, cunha secuencia histórica que parece abranguer desde o mundo calcolítico ata a demolición do castelo de Lobarzán, arredor do ano 1460. Como mostra desta ocupación prolongada, no marco dos traballos previos á posta en marcha deste proxecto, nun abrigo natural deste enclave, descubríronse pinturas rupestres da tradición esquemática, realizadas sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte.

Os catro mil anos do Castelo de Lobarzán comezan a marabillar