viernes. 19.04.2024
As dúas forzas da oposición rexistraron outras tantas preguntas que formularán este xoves no pleno da cámara galega

O caso "Castrillo" volve ao Parlamento: BNG e PSdeG interpelarán ao conselleiro e a Feijóo polo expediente disciplinario

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, tentará saber, no pleno do Parlamento Galego e por boca do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cales foron os motivos que levaron á dirección sanitaria ourensá a incoar un expediente disciplinario contra o doutor Castrillo Gutiérrez. Tamén o voceiro dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, preguntará pola cuestión ao presidente da Xunta de Galicia.

O xefe do Servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo. | FOTO: Iván Iglesias.

O paritorio de Verín volverá a estar presente, unha semana máis, no Parlamento de Galiza, aínda que desta de xeito indirecto. As dúas principais forzas da oposición veñen de rexistrar outras tantas preguntas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para que se pronuncien de xeito claro sobre o expediente aberto ao xefe de Xinecoloxía do Hospital verinense, Francisco Javier Castrillo Gutiérrez. 

Noa Presas, a deputada por Ourense do Bloque Nacionalista Galego, na pregunta tramitada por urxencia ante a Mesa do Parlamento de Galicia, interpelará ao conselleiro de Sanidade, García Comesaña, polos "motivos que levaron á dirección sanitaria de Ourense para, presuntamente, incoar, meses despois dun acontecemento aparentemente inocuo, un expediente a un profesional do Hospital de Verín". 

Diego Lourenzo, Ana Pontón e Noa Presas. | FOTO: Noelia Caseiro.Diego Lourenzo, Ana Pontón (a voceira nacional do BNG) e a deputada por Ourense no Parlamento, Noa Presas. | FOTO: Noelia Caseiro.

Entenden os nacionalistas que, curiosamente fai case un ano, o pasado 12 de decembro, déronse feitos "moito máis graves" que atentaban claramente contra as mulleres e que non foron nin siquera investigados. Segundo recolle a pregunta presentada á Mesa do Parlamento, "o BNG e o feminismo denunciaron no seu día situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado. Posteriormente sucedéronse graves feitos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia e tendo posteriormente ademais un deficiente trato á nai unha vez chegada ao CHUO. Estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento deste calibre contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín e sobre un feito -a discrepancia sobre un traslado- que aparentemente foi inocuo en canto ás súas consecuencias", sinala a representación nacionalista na cámara galega. 

Tamén o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, dirixirase ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha liña similar. Neste caso, o voceiro do PSdeG, preguntará se é que o titular do Goberno autonómico "respalda que se tomen represalias contra o doutor responsable de xinecoloxía do paridoiro do Hospital de Verín un ano despois de que vostede tentara pechalo?", inquirirá Caballero Míguez. 

                               Gonzalo Caballero estivo, o pasado 30 de novembro, na concentración en apoio do doutor Castrillo. | FOTO: Iván Iglesias. 

O caso "Castrillo" volve ao Parlamento: BNG e PSdeG interpelarán ao conselleiro e a...