viernes. 19.04.2024
O candidato de En Marea por Ourense participou na convención das Xerais en Santiago

Iván Olmos pedirá no Congreso poder intervir empresas en crise se así o esixe o interés xeral

Reformas no réxime da regulación das Eléctricas, blindaxe das pensións na Constitución ou a aplicación efectiva do artigo 128.2 da Carta Magna que garanta a supervivencia de empresas en crise cando así o esixa o interés xeral, como no caso de Alcoa, son algunhas das propostas que levará o candidato por Ourense de En Marea ás Xerais, Iván Olmos, de obter escano no Congreso dos Deputados.

As candidatas e candidatos de En Marea ás eleccións xerais do vindeiro 28 de abril iniciaron hoxe, no Auditorio de Galicia e de xeito oficial, os actos electorais co único gallo de obter representación por cada unha das provincias da comunidade autónoma galega.

No acto interviu, ademais dos seus compañeiros cabezas de carteis e do voceiro de En Marea no Parlamento, Luís Villares; Iván Olmos Ferreiro, o limián que lidera a candidatura da formación cidadanista por Ourense.

Na súa alocución referiu algunhas das 299 medidas que En Marea proporá cando obteña representación no Congreso dos Deputados. Olmos falou de recuperar os recursos para Galicia porque "non podemos permitir que a xente non poida seguir pagando o recibo da luz, ou deixar de dar de comer aos seus fillos para poder facelo", culpando desa situación "ás Eléctricas que continúan a maltratar ao noso país coa connivencia do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia, que venderon este país a trozos a través das portas xiratorias".

"Pediremos en Madrid a aplicación efectiva do artigo 128.2 da Constitución Española, para que se garanta a supervivencia daquelas empresas en crise pero de interese xeral, como pode ser o caso de Alcoa", anunciou Iván Olmos en Santiago

Tamén tivo unha lembranza para os traballadores de Alcoa, que están vendo perigar a súa continuidade laboral, ou os da entidade de telemárketing Unitono, cun centro de traballo en Ourense. "Pediremos en Madrid a aplicación efectiva do artigo 128.2 da Constitución Española, para que se garanta a supervivencia daquelas empresas en crise pero de interese xeral, como pode ser o caso de Alcoa. Aí é onde se debería ver o constitucionalismo do que moitos presumen, e non só naqueles artigos que lles interesa", recalcou.

PENSIÓNS BLINDADAS

Olmos Ferreiro tamén anunciou que a súa formación non dará un cheque en blanco para a ratificación dun Goberno de esquerdas. Ademais das anteriores, En Marea loitará para que se recoñezan as pensións como un dereito constitucional perfectamente blindado para que "nós, os xóvenes teñamos tamén nun futuro garantidas esas pensións".

Iván Olmos pedirá no Congreso poder intervir empresas en crise se así o esixe o interés...