sábado. 20.04.2024
Ana Pontón. | FOTO: Noelia Caseiro.
Ana Pontón, ás portas do hospital de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

Ana Belén Pontón Mondelo é de Sarria (Lugo) e o vindeiro 27 de xullo cumprirá 43 anos. É a voceira do Bloque Nacionalista Galego dende que en febreiro do 2016 se convertiu na primeira muller en lideralo. Licenciada en Ciencias Políticas, foi quen de darlle a volta ás enquisas en setembro do 2016. O domingo xa se ve a primeira presidenta da historia de Galiza. 

A que enquisas lle facemos caso?

Ás enquisas que saen do que voten os galegos e as galegas, temos a oportunidade de facer algo importante na historia deste país, que Galiza teña por primeira vez a unha muller presidenta. Todas as enquisas ata o de agora amosaron, iso si, tendencias, e esa tendencia é a dun BNG á alza, dun BNG capaz de ilusionar. Se toda esa ilusión para que neste país se produza un cambio se traduce nas urnas, estou convencida de que Feijóo deixará de ser presidente.

Verín non se pecha é o exemplo desa cidadanía rebelde e incorformista, foi a primeira derrota do Partido Popular e ese espíritu inconformista ten que se facer ver nas urnas este domingo

Non lembro ter campañas das autonómicas no que Verín fose tan protagonista. 

Verín non se pecha é o exemplo desa cidadanía rebelde e incorformista, foi a primeira derrota do Partido Popular e ese espíritu inconformista ten que se facer ver nas urnas este domingo. Se somos capaces de trasladalo este domingo ás urnas, haberá unha presidenta nacionalista.

Será o noso goberno o goberno da dignidade para eses profesionales e non o goberno de medidas frívolas, como así a calificaron os colexios médicos, de cheques de 250 euros para pasar unha noite nun hotel

Teño a impresión de que foi unha campaña de todos contra Feijóo. 

O Bng fixo un esforzo extraordinario por explicarlle á cidadanía cal é a fórmula que esta formación ten reservada para o futuro de Galiza. Insistimos en contar a nosa proposta en materias tan importantes coma a da sanidade, levando a nosa defensa dunha sanidade forte e robusta, con áreas sanitarias fortalecidas, e traballar para acabar coa precariedade no sector. Non é de recibo que o Sergas sexa a principal ETT de Galicia, onde os seus traballadores teñan nun só ano ata un cento de contratos. Será o noso goberno o goberno da dignidade para eses profesionales e non o goberno de medidas frívolas, como así a calificaron os colexios médicos, de cheques de 250 euros para pasar unha noite nun hotel. O que necesita a sanidade é acabar cos recortes, coas privatizacións e coa precariedade e só se conseguirá con propostas concretas como sacar a concurso as 6.000 prazas vacantes que hai no Sergas ou potenciando a Atención Primaria cun fondo de 200 millóns de euros. Nós non vemos a sanidade como a ve o PP, que semella para eles un botín a repartir entre todos os seus amigos da sanidade privada.

Nós non vemos a sanidade como a ve o PP, que semella para eles un botín a repartir entre todos os seus amigos da sanidade privada

Noméeme outros dous problemas graves deste país e as súas solucións. 

Un dos problemas gravísimos é a crise demográfica e o despoboamento do país, no que Ourense é un exemplo paradigmático. Detrás del está o fracaso dun modelo económico e social, por iso que unha das nosas propostas para combatilo é a de pór en marcha un gran acordo de país para a reactivación económica de Galiza que ten que substentarse sobre uns piares: o primeiro, o da innovación; o segundo, o de recuperar a capacidade de produción no noso país. Temos que facer tamén do autogoberno un eixo de desenvolvemento, porque sen competencias e poder político vai a ser moi difícil reverter esta situación. E, sen dúbida, temos que acabar co expolio dos nosos recursos, os galegos temos que ter unha tarifa eléctrica xusta. Non pode ser que estemos producindo electricidade e que vexamos que non revirte no noso país. Ó contrario, vemos como temos a un sector estratéxico como é a produción de aluminio en risco, con máis de 2.000 postos de traballo, polos prezos caros.

Din de Feijóo que unha das súas garantías é a capacidade de xestión. 

Feijóo triplicou a débeda pública deste país e no seu mandato perdimos un instrumento de intervención económica como eran as caixas, algún día poderemos investigar que pasou coas caixas e por que se lle regalaron a un amigo venezolano coa bendición de Aznar. Feijóo só deixa fume, mentiras e propaganda. Galiza precisa dun programa de desenvolvemento que lle devolva ó rural o seu protagonismo, que aposte pola diversificación, por xerar valor engadido, pola transformación dos produtos... Iso é o que necesita Ourense e Galiza e non a política espectáculo, que non serve para nada.

Feijóo só deixa fume, mentiras e propaganda

Mágoa dunha pandemia xa que a campaña ía ser animada...

Se alguén pensaba que as ganas de campaña estaba aletargadas polo COVID, equivocáronse. Tivemos un amplísimo apoio e respaldo da xente nos nosos mítines, iso si, gardando escrupulosamente todas as medidas de seguridade e na que traballaron centos de persoas sen os que tamén non sería posible ese cambio, ese pasar páxina na historia e situar na presidencia da Xunta de Galicia a unha muller.

Ese goberno do bipartito fixo cousas que lle dan mil voltas ao que leva feito Feijóo nestes últimos 11 anos

Moito atacou Feijóo a unha posible coalición, logo da experiencia do bipartito.

Hai que aprender dos erros, pero, se me permites, ese goberno do bipartito fixo cousas que lle dan mil voltas ao que leva feito Feijóo nestes últimos 11 anos. Púxose en marcha un banco de terras; puxéronse as bases para que o vento deixase de ser un negocio para empresas de fóra e comezara a rentuar para o propio país e ser un elemento de desenvolvemento; impulsáronse os primeiros centros de día públicos no noso país; fíxose unha política social de vivenda; apostouse por poñer a cultura galega no centro; apoiouse o desenvolvemento da nosa fala... Detrás desta crise podemos evolucionar ou involucionar, se continúa o PP no Goberno van a continuar os recortes na sanidade, na educación, non haberá o impulso preciso para un proxecto económico novo. É importante cambiar o rumbo, ofrecemos ideas novas, ofrecemos un Goberno, eu diría, con sangue nas veas.

Ana Pontón: "O Goberno do bipartito fixo cousas que lle dan mil voltas ós 11 anos de...