Venres. 29.03.2024
este domingo Oímbra e Monterrei miran cara a vide e os seus vendimadores nos seus actos

Duas andainas, obradoiros, cinema, un musical e un pisado das uvas ao aire libre, ofertas lúdicas para as vindeiras 24 horas

Repasamos nas vindeiras liñas as principais ofertas de lecer que ofrecen os municipios da contorna. Abre boca o Concello de A Gudiña lembrando, con peregrinos e veciños, a importancia nas súas terras do paso do camiño da Vía da Prata por el. Logo virá o cinema en Verín, e o musical dos rapaces do Taboada Chivite inaugurando o festival de teatro "Entreculturas". Este domingo, quenda para dúas actividades íntimamente ligadas ao viño: o pisado das uvas en Oímbra, e a andaina polo Concello de Monterrei
O lagar de Xan Petro volverá a recrear as vellas tradicións da vendima.
A prensa de madeira volverá a extraer ata o derradeiro mililitro de mosto das uvas de Oímbra, este domingo.

O verán semella non querer marchar -aínda que teña que facelo- a xulgar, non só pola altas temperaturas que se agardan para esta fin de semana, senón tamén pola "recua" de actividades programadas polos diferentes concellos tanto no día de hoxe como no de mañá, a maior parte delas, ao aire libre. 

VIVIR O CAMIÑO NA GUDIÑA

Os primeiros en botarse a andar, de xeito literal, serán os da Gudiña. O programa Vive o Camiño dinamizará e porá en valor durante este outono o patrimonio xacobeo da Vía da Prata a través dun cento de actividades en 35 concellos galegos. Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia que hoxe fai parada en A Gudiña e que está dirixida a peregrinos e veciños. No caso da Gudiña, as actividades arrancan ás 16,00 horas desde a sede do Concello, cunha camiñada pola Vía da Prata, para regresar diante da Casa da Viúva. Alí, ás 17,00 horas terá lugar a actividade Cata o Camiño, que consiste na degustación de produtos da zona previa á celebración, a continuación, de dous obradoiros, un de adultos, ás 20,00 horas, e outro, ás 18,00 horas, deseñado para os máis pequenos. No caso da cativada, confeccionaranse xoguetes con materias primas, debendo estar os máis cativos de cinco anos acompañados dos seus pais. Os adultos lembrarán as lendas e historia de todo o que foi A Gudiña décadas atrás. 

En total son 105 actividades que teñen lugar cada fin de semana ata o mes de novembro e nas que os peregrinos poderán interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais e que conta cun importante potencial de crecemento. De feito, este ano está a incrementar o seu número de peregrinos un 3%. Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé nas que descubrir os segredos deste trazado; iniciativas gastronómicas nas que veciños e peregrinos poderán degustar produtos enogastronómicos da comarca, e obradoiros para nenos e adultos nos que transmitir os valores xacobeos e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado co Camiño de Santiago.

belaOs rapaces do IES Xesús Taboada Chivite inauguran este sábado o festival "Entreculturas".

DOBRE CITA NA VILA VERINENSE

Hoxe tampouco será un sábado calquera en Verín. Na vila, serán as artes escénicas e o cinema os protagonistas dun xeito moi simbiótico. Onte venres comezou unha nova tempada do cinema na Casa da Cultura coa proxección dun filme da factoría Disney, e será precisamente outro dos seus éxitos convertido en musical polos alumnos do Xesús Taboada Chivite o que inaugure a décima edición xa das Xornadas Internacionais de Teatro "Entreculturas", organizadas pola compañía verinense La Caja de Pandora

Así, ao prezo de 5 euros e ata media hora antes de cada pase, poderá presenciarse hoxe, ás 17,00, 19,30 e 22,00 horas, "El rey León", na Casa da Cultura. Con idénticos horarios se proxectará tamén este domingo no mesmo lugar, o salón de actos. 

Aqueles que opten pola sesión das cinco da tarde, chegarán de seguro a tempo, se é que atopan entrada -tamén a 5 euros- para a representación inaugural do festival de teatro "Entreculturas". Ás 20,30 horas está previsto que se levante o telón. Detrás, os máis de cen alumnos e mestres do Instituto de Bacharelato Xesús Taboada Chivite, encargados pola organización de abrir este décimo aniversario do certame teatral verinense co seu último éxito, o musical "A Bela e a Besta". Para non perdelo se é que si o fixeron cando o representaron, días atrás co gallo do comezo do curso, no centro escolar.

lagar2Foi o ano pasado o primeiro no que se recreou o pisado das uvas nun lagar rupestre.

OPORTUNIDADE PARA UNHA "SENSACIÓN ÚNICA"

Este domingo 6 de outubro o municipio de Oímbra celebra, por segundo ano consecutivo, unha curiosa actividade etnográfica que une turismo, historia e viticultura: a recreación do prensado tradicional da uva nos lagares rupestres. Ás 11,00 horas, e no lagar de Xan Preto, está previsto que de comezo esta lembranza á historia do municipio. A súa alcaldesa, Ana María Villarino Pardo, confirmou que nesta segunda edición duplicaranse os kilos de uva a pisar, "para que ninguén que queira vivir esa experiencia ou lembrala se xa a viviu sendo máis cativo, poida facelo", asegurou. Primeiro pisaranse as uvas, e logo prensaranse ata extraer o derradeiro mililitro de mosto, que posteriormente se trasladará camiño do lagar da adega das Barrocas, onde os asistentes estará convidados a un pequeno ágape campestre regado co viño das uvas que se pisaron na primeira edición. 

andainaÁs 10,00 horas está previsto que de comezo a andaina do viño de Monterrei. 

SOLIDARIDADE CAS ALDEAS AFECTADAS 

Non será, nesta fin de semana, a única actividade que teña o viño como xustificación para sair de casa. Non moi lonxe dos montes de Oímbra, no seu veciño Concello de Monterrei e ás 10,00 horas está previsto que de comezo a sexta edición da andaina do Viño de Monterrei, que este ano terá un especial percorrido para solidarizarse con aquelas localidades que sofriron as cheas do pasado 8 de xullo. Así, a proba, duns 20 kilómetros de distancia, achegarase a Infesta, Guimarei, A Caridade, Albarellos -de onde partirá- e a Vilaza. Os petiscos, nos dous puntos de avituallamento fixados pola organización, están engadidos no prezo dos cinco euros da inscrición. 

Duas andainas, obradoiros, cinema, un musical e un pisado das uvas ao aire libre,...