Xoves. 28.03.2024
O portavoz do PP no municipio, que asinou contratos en fraude de lei que agora poderán ser declarados indefinidos nos xulgados, pide a demisión do rexedor

O xuíz ve discriminación política no cese dun traballador do Concello de Laza que o exalcalde "contratou a dedo", di o PSOE

Paradóxico o que está a acontecer no Concello de Laza. O exrexedor, José Ramón Barreal Novo, quen contratou a traballadores afíns ás siglas da súa formación en fraude de lei e que agora os tribunais lle están recoñecendo a fixeza logo de perder éste a alcaldía; pide a demisión do alcalde socialista ao que un xulgado lle obriga a readmitir ao extenente popular porque, segundo di o xuíz, foi despedido por "discriminación política".

jesusblancoconde
O rexedor de Laza, Jesús Blanco, deberá readmitir a un traballador do que di o xuíz que foi cesado pola súa ideoloxía afín ao Partido Popular.

Unha sentenza feita pública polo Partido Popular e que condena ao Concello de Laza a readmitir a un traballador que, segundo o xulgado do Social de Ourense, foi despedido pola súa ideoloxía política, como así se reflicte expresamente no fallo, vén de abrir unha nova fenda na Corporación municipal, que trascende xa ás direccións provinciais das respectivas formacións implicadas: populares e socialistas. 

A sentenza coñecida hoxe da por probado que o rexedor lazano cesou nas súas responsabilidades laborais a un traballador vulnerando o establecido nos artigos 14 e 16 da Constitución Española, "pues ha sido suficientemente acreditado que el actor era notoriamente militante –o simpatizante- de la fuerza política contraria a la que gobierna en el Concello y que el despido se produjo precisamente con el cambio de gobierno", segundo se recolle de xeito literal no fallo xudicial. Refírese o maxistrado a César González González, albanel que prestaba os seus servizos para o Concello de Laza e destacado militante do Partido Popular -chegou a ocupar en varias lexislaturas a tenencia da alcadía-. 

A resolución xudicial, nos termos nos que se expresa, bastoulle ao secretario provincial dos populares de Ourense, Rosendo Luis Fernández, para solicitar a demisión do alcalde de Laza, Jesús Blanco, advertindo da gravidade dos feitos xulgados "tendo en conta que o alcalde do PSOE –que goberna en coalición con En Marea-Xuntos por Laza- foi director do Instituto Nacional da Seguridade Social en Ourense, onde se supón debería ter aprendido a valorar os dereitos dos traballadores, e máis aínda a lexitimidade da súa orientación política".

Nesa mesma liña se pronunciou o exalcalde, José Ramón Barreal Novo, responsable de ter contratados en fraude de lei a moitos dos traballadores que agora están acudindo aos tribunais para que lle recoñezan a fixeza da súa relación laboral co Concello, como pode ser o caso, sen ir máis lonxe, da súa propia parella sentimental; e que el mesmo esta mañá se encargou de lembrar no comunicado emitido pola súa formación ao asegurar que "ao anterior hai que engadir que ata o momento xa se celebraron tres xuízos máis nos xulgados do Social de Ourense nos que outros tantos traballadores solicitaban a fixeza, os tres perdidos polo Concello pero recurridos polo alcalde ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", sinalou evidenciando as irregularidades que na súa etapa de rexedor cometera en materia laboral. Barreal Novo foi máis alá e dixo que "estamos ante unha clarísima vinganza política, cunha persoa que lle dedicou moitas horas á veciñanza como concelleiro durante tres mandatos, entre 1987 e 2011, e que levaba oito anos e medio de traballo exemplar para o concello, recoñecido ademais polos seus veciños". 

Estamos ante unha clarísima vinganza política, cunha persoa que lle dedicou moitas horas á veciñanza como concelleiro durante tres mandatos, entre 1987 e 2011, e que levaba oito anos e medio de traballo exemplar para o concello, recoñecido ademais polos seus veciños (Xosé Ramón Barreal Novo, exalcalde do PP en Laza)

DEFENSA PECHADA AO SEU REXEDOR DO PSDEG EN OURENSE

Pola contra, a dirección provincial dos socialistas en Ourense, coñecida a petición dos populares, saiu na defensa do seu alcalde, destacando a loita que está a protagonizar "contra os enchufes do anterior rexedor do Partido Popular, que colocou a dedo no Concello ó extenente de alcalde e varias persoas afíns ás cores políticas do PP".

Segundo manifestan dende o PSdeG en Ourense, "o que o Partido Popular quere vender como despido por motivos políticos, trátase dunha non renovación do contrato temporal de dito traballador. O que realmente é político foi a contratación deste empregado, seguindo a tónica habitual dos enchufes", manifestan nun comunicado.

Entre o 26 de maio e o 15 de xullo entráronme 7 demandas de traballadores, contratados en fraude de lei e que demandaban a indefinición (Jesús Blanco, alcalde de Laza)

O alcalde socialista de Laza, Jesús Blanco, tamén quixo saír ao paso das acusacións sinalando que trala vitoria electoral e a toma de posesión como rexedor, chegáronlle ao concello demandas de certos traballadores de indefinición de contratos. "Entre o 26 de maio e o 15 de xullo entráronme 7 demandas de traballadores, contratados en fraude de lei e que demandaban a indefinición", apunta o rexedor, quen tamén afirma que "unha delas era a deste traballador en cuestión, que me demandou por despido, pero ao comprobar os antecedentes observei que o seu contrato era de obra e servizo determinado e remataba o 15 de xullo, polo que se trataba dun contrato temporal, tan temporal era que el mesmo pide que se declare indefinido, así que comuniqueille a fin de contrato o 15 de xullo, non de despido".

O xulgado desestimou a demanda de indefinición o recibir acto seguido unha demanda de despido. O traballador en cuestión demandaba ao alcalde alegando vulneración dos dereitos fundamentais e despido por discriminación política, ao basearse en que este traballador fora concelleiro do Partido Popular dende os anos 80 ata 2011, sendo incluso tenente de alcalde en dúas lexislaturas. A elo súmase que unha filla del formaba parte das listas do Partido Popular nas últimas eleccións municipais, "sendo estes os motivos nos que se basean para falar de discriminación política", indica Jesús Blanco.

ENFRONTAMENTO O DÍA DOS COMICIOS

O alcalde destaca tamén un feito clave durante a xornada electoral do pasado 26 de maio. "O día das eleccións, esta persoa estaba carretando xente a votar en Castro, polo que lle chamei a atención e din aviso á Garda Civil, que fixo o propio. O xuíz di que tivemos unha discusión, pero non foi tal, xa que o chamarlle eu a atención, el calou". O resultado é que xuíz e fiscal apreciaron discriminación política no despido, aínda que, como recalca o alcalde de Laza, "non é despido, xa que realmente é unha finalización de contrato, aínda que toca aceptar a sentenza e acatala".

Non é despido, xa que realmente é unha finalización de contrato, aínda que toca aceptar a sentenza e acatala (Jesús Conde, alcalde de Laza)

Para o rexedor lazano, o "contraditorio e surrealista de todo este asunto vén á hora da contratación desta persoa, ao igual que de moitos outros traballadores e traballadoras do Concello de Laza, que foron contratados inxustamente no seu momento por temas políticos e por afinidade ás cores e siglas do Partido Popular. Este traballador foi contratado por ser concelleiro en anteriores lexislaturas co anterior alcalde do Partido Popular e non se presentou ás últimas eleccións para quedar liberado e ser contratado como albanel, nun claro exemplo de contratación política e totalmente fraudulenta", apunta Jesús Blanco.

O noso concello, baixo o mandato do Partido Popular, vivía nunha rede de clientelismo ao máis puro estilo de Baltar e está repleto de persoas afíns ás súas siglas, polo que se existise a discriminación política pola miña parte, tería que quedar sen empregados (Jesús Conde, alcalde de Laza)

"É curioso que a entrada desta persoa non se tome como política e tachen a saída de política, cando realmente foi contratado por pertenza ao Partido Popular e saíu por remate do seu contrato de obra e servizo", explica o alcalde de Laza, quen tamén lanza unha mensaxe clara: "O noso concello, baixo o mandato do Partido Popular, vivía nunha rede de clientelismo ao máis puro estilo de Baltar e está repleto de persoas afíns ás súas siglas, polo que se existise a discriminación política pola miña parte, tería que quedar sen empregados", concluiu. 

O xuíz ve discriminación política no cese dun traballador do Concello de Laza que o...