Venres. 29.03.2024
Na reunión acordaron actuar de xeito coordinado na prestación deses servizos públicos propios do verán

Primeira videoconferencia de alcaldes da Mancomunidade de Verín para debatir que facer con ludotecas, festas e piscinas

Os representantes dos diferentes concellos que integran a Mancomunidade de Municipios de Verín mantiveron hoxe a primeira videoconferencia na que abordaron algunhas das cuestións que preocupan, por igual, aos diferentes rexedores, como pode ser a inminente organización das ludotecas de verán, a apertura de piscinas ou mesmo as medidas a adoptar nas celebracións das festas patronais das aldeas. 

Nas vindeiras datas, as reunións da Mancomunidade serán de xeito telemático ou respectando as distancias moito máis que na da imaxe. | FOTO: Xosé Lois Colmenero (Arquivo)

O presidente da Mancomunidade de Municipios de Verín e alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, convocou para esta mañá ao resto de representantes dos diferentes concellos que integran o colectivo a unha videoconferencia, a primeira que se realiza no ente supramunicipal, para facer unha posta en común dos problemas que están tendo cada un deles nas diferentes responsabilidades como rexedores, e tamén para estudar posibles alternativas e protocolos no caso de que se decidan pór en marcha distintas actividades que de cara ao verán eran promovidas polos municipios. 

Segundo explicou Suárez Martínez, "foi unha primeira toma de contacto, na que xa pactamos mantener este tipo de encontros con maior regularidade, porque entendo que este problema é un problema de todos nós e creo que, no caso dos concellos, temos que ter unha liña de acción coordinada", sinalou. 

Así, falouse de como se estaban organizando as quendas de atención ao público nos distintos concellos, para tentar unificar criterios e horarios perseguindo que non haxa diferenciación algunha por razón de censo. Tamén debatiron os alcaldes a futura apertura de espazos públicos como as piscinas, a posta en marcha das ludotecas ou mesmo que ía ocorrer cas diferentes festas patronais das aldeas dos concellos. Unha vez máis, explica Suárez Martínez, "o que se pretende é unificar criterios. Non pode ser que as piscinas de Oímbra abran 15 días antes que as de Monterrei, poño por exemplo, o que podería provocar que se desen aglomeracións nunhas, ata que as outras non abrisen", apuntaba. 

Importante iniciativa de conciliación familiar no verán


As ludotecas de verán foron outro dos puntos que trataron os alcaldes da Mancomunidade, sobre todo "pola función de conciliación familiar que teñen. A ninguén se lle escapa que de non poder organizalas pode supor un trastorno engandido para eses pais que traballan e que, poida que por razóns de empresa, incluso neste verán o seu periodo de vacacións esté reducido. Por non falar dos beneficios educativos e psicosociais que lle suporía aos pequenos non asistir a elas ou aos campamentos de verán", afirmou Suárez Martínez. 

A reunión telemática tamén serviu para pór en común as inquedanzas dos rexedores no que a celebración das festas patronais das aldeas atinxe e para pactar, na medida do posible, que as brigadas da loita contraincendios se seleccionen todas no mes de xuño para que estén constituídas de xeito paralelo antes da entrada na etapa de maior incidencia dos lumes. 

Suárez Martínez concluíu que "aínda que nós teñamos a firme intención de traballar moito máis en conxunto para previr determinadas situacións que faciliten a propagación do virus, temos que agardar ás instruccións que nestes cometidos nos indiquen ben dende o Goberno de España ou dende a Xunta de Galicia". O presidente da Mancomunidade non desbotou que, superado este periodo de estado de alarma, "cando voltemos a esa nova normalidade, este tipo de xuntanzas telemáticas poidan ser máis habituais ou incluso de periodicidade definida", dixo. 

Primeira videoconferencia de alcaldes da Mancomunidade de Verín para debatir que facer...